Sumar, ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e Coalición Canaria comprometen o seu apoio á investidura do socialista fronte ao voto en contra de PP, VOX e UPN
Para ser investido presidente do Goberno de España son necesarios os votos a favor de 176 dos 350 escanos do Congreso dos Deputados nunha primeira votación ou, no caso de non acadarse, máis votos a favor que en contra nunha segunda votación que se repetiría dous días máis tarde. No intento de investidura de Alberto Núñez Feijóo de finais de setembro o candidato popular só foi quen de obter 172 votos a favor, por 177 en contra.
Pola contra, este venres o PSOE pechou os seus últimos pactos para a investidura de Pedro Sánchez, que se celebrará a próxima semana, e deu por apalabrados 179 votos a favor, sete máis que os logrados polo popular e tres máis que a maioría absoluta, o que presumiblemente permitirá ao socialista ser elixido presidente xa nunha primeira votación.
Tras fracasar definitivamente a investidura de Feijóo o 29 de setembro e recibir Sánchez o 3 de outubro o encargo do xefe do Estado para tentar formar goberno, o 13 de outubro EH-Bildu garantía o seu apoio ao socialista, que o 24 de outubro asinaba con Sumar un acordo para reeditar un executivo de coalición. [Xornada laboral de 38,5 horas xa en 2024 e máis permisos para conciliar: o pacto de goberno PSOE-Sumar pon o foco no social].
O seguinte pacto chegaría o 2 de novembro, con ERC, mentres que co BNG sería asinado o pasado luns día 6. [De 2020 a 2023: o acordo BNG-PSOE, máis ambicioso en infraestruturas pero sen transición verde nin industria]
E finalmente as negociacións aceleraríanse nas últimas horas acadándose este xoves un acordo con Junts que inclúe unha amnistía ás persoas implicadas no procés catalán e este venres co PNV para avanzar no autogoberno vasco. A última hora mesmo se sumou aos acordos de investidura Coalición Canaria, que en setembro apoiou a investidura de Feijóo e que agora fará o mesmo con Sánchez, aínda que distanciándose da lei de amnistía, que só será impulsada polo resto de grupos que apoian aos socialistas.
Dentro dunha semana Pedro Sánchez pode estar xa investido de novo como presidente do Goberno de España
Agora o seguinte paso dos socialistas sería rexistrar no Congreso ao comezo da próxima semana a lei de amnistía pactada cos partidos cataláns, requisito imposto por estes como previo a que comece o debate de investidura. Se esta discorre segundo as previsións socialistas, dentro dunha semana Sánchez deixará de estar en funcións e volverá ser investido presidente do Goberno de España a todos os efectos, quedando só por resolver a incógnita dos nomes dos novos ministros e ministras.