PSOE e BNG asinan un acordo para Galicia con arrecendo electoral

Gómez Besteiro, María Jesús Montero, Ana Pontón e Néstor Rego, tras a sinatura do acordo entre PSOE e BNG CC-BY-SA PSdeG

A ministra de Facenda e vicesecretaria xeral do PSOE, María Jesús Montero, e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asinaron este luns en Madrid o pacto entre a formación socialista e o Bloque para a investidura de Pedro Sánchez. Fixérono ante a ollada do deputado nacionalista Néstor Rego e mais do socialista José Ramón Gómez Besteiro. Un acordo que, como se adiantara, prevé "medidas compensatorias análogas" para Galicia no caso de condonación de débeda autonómica, manter o status de nación para o país ou a creación do tren de proximidade nesta vindeira lexislatura. 

A ministra María Jesús Montero e Ana Pontón asinaron un acordo con arrecendo preelectoral e a presenza de dous aspirantes á presidencia da Xunta

Foi unha foto con arrecendo electoral e de precampaña, coa presenza da candidata á Xunta e mais do aspirante socialista tamén á presidencia do Goberno galego. Na sinatura dun acordo do que sacou xa peito o Bloque o venres para, ás poucas horas, Besteiro presumir por ser un pacto "querido e compartido" que ía "máis aló de necesidades aritméticas". 

Aí está tamén a clave dun acordo que esa aritmética parlamentaria estatal non facía tan indispensable, pero que olla tamén a unha futura alternativa ao PP na Xunta que, necesariamente, require como mínimo das patas nacionalista e socialista. Deixouno claro Besteiro, membro tamén da comisión negociadora, que asumiu que "a investidura de Pedro Sánchez non precisa deste pacto, pero Galicia si". "E os socialistas galegos defendemos a nosa terra por riba de todo”, engadiu, buscando a rendibilidade dun pacto que sitúa como punto de partida para "abrir un tempo novo en Galicia que é imparable". 

María Jesús Montero e Ana Pontón, logo de asinaren o acordo de investidura de Sánchez CC-BY-NC-ND BNG

Non evitou Besteiro unir a "inminente", segundo o PSdeG, investidura no Estado coas eleccións galegas do próximo ano insistindo en que “empezan novos tempos” e reivindicando o influxo que os sete deputados do PSdeG tiveron na sinatura do acordo cos nacionalistas. Facíao ao tempo que Ana Pontón destacaba que "Galiza gaña co BNG unha vez máis" e que o país "ten unha voz clara que a defenda ante o Estado".

Besteiro lembra que "a investidura de Sánchez non precisa" do pacto, "pero Galicia si" e reivindica o acordo como punto de partida para "abrir un tempo novo imparable" no país

BNG e PSdeG buscaron o seu protagonismo e espazo nunhas fotografías que semellan ir máis aló dun pacto. Imaxes que, nalgún caso, centráronse nas asinantes do documento e, noutros, ampliaron o foco para abranguer os deputados. Cunha só ou con dous aspirantes á Xunta. 

Reivindicaron así un pacto que, xa antes de ser presentado, Alfonso Rueda vinculou ironicamente ao "gran negociador" Gómez Besteiro, logo de que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, acusase o deputado do PSdeG e a Pontón de "deixarse comprar polo independentismo catalán". Este luns, o presidente da Xunta dubidada do seu cumprimento e advertía da "rebaixa" a respecto do de hai catro anos, mentres o PPdeG aludía ao acordo como o "de Pontón e o señor do Garañón", referencia esta última ao candidato socialista. 

Pontón asegura que o acordo é "positivo" para Galicia e "demostra que o Bloque fai a política útil que mellora as condicións de vida da cidadanía”

Pontón gabouse por un acordo que, aclarou, é "só de investidura", "mellora a vida dos galegos e das galegas" e que "garante un trato igualitario para Galiza" ante calquera recorte de débeda que reciban outras comunidades autónomas. A líder do BNG insistiu en que a súa formación está "facendo o traballo do señor Rueda" e que se trata “dun acordo positivo para Galiza que demostra que o Bloque fai a política útil que mellora as condicións de vida da cidadanía”. 

"Calquera galego, votase o que votase nas pasadas eleccións, hoxe sente a satisfacción de que os asuntos do noso país teñen peso", insistiu Pontón, que cre "triste ver como o presidente da Xunta, na vez de estar contento e satisfeito por que a axenda galega avance, está enfadado e negando a realidade”. 

Besteiro, pola súa banda, cualificou de "gran noticia" o acordo e destacou a rebaixa nas peaxes, a futura implantación do tren de proximidade ou as "numerosas medidas para mellorar a vida das e dos galegos", como a suba das pensións. 

Montero e Pontón asinan o acordo en presenza de Besteiro e Rego CC-BY-SA PSdeG

O documento asinado este luns entre PSOE e BNG inclúe numerosos puntos centrados en infraestruturas, autogoberno, lingua galega e políticas sociais, pero hai moito máis. 

"Compensacións análogas" coa débeda

Tal e como se adiantara, BNG e PSOE recollen no acordo que "en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida polas comunidades autónomas adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA)" estableceranse "medidas compensatorias análogas para Galicia, no marco das compensacións" aos territorios que non fixeron uso do FLA, como acontece coa comunidade autónoma galega, que ten unha débeda pública con este Fondo de unicamente 2.759 millóns, pero duns 10.000 coa banca privada. 

O acordo prevé "compensacións análogas para Galicia" no caso de haber quita de débeda autonómica e "activar a transferencia" de todas as competencias pendentes

Status idéntico a Euskadi e Catalunya 

Ademais, o acordo inclúe garantías para que Galicia mantiña a mesma consideración que as dúas outras nacionalidades históricas —Catalunya e Euskadi—, comprometéndose o futuro Goberno central a que "calquera modificación da estrutura do Estado asegurará a Galicia o mesmo status que as outras dúas". 

Competencias pendentes

Tamén se compromete o documento a "avanzar no reforzo de capacidade de decisión" do autogoberno, coa proposta dunha convocatoria de comisión mixta de transferencias Estado-Xunta antes de finalizar este ano para "programar ao longo desta lexislatura a activación da transferencia da totalidade de competencias recollidas no Estatuto de Autonomía de Galicia", así como as competencias que foron consensuadas no Parlamento galego. 

Xulgados de violencia de xénero

O acordo, como se adiantara, confirma a "creación de cinco novos Xulgados extraordinarios de Violencia de Xénero (fóra da programación común) en Lugo, Ourense, Compostela, Pontevedra e Ferrol e dotación de todos os medios precisos para o seu correcto funcionamento". No caso dos de Compostela, Lugo e Ourense incluiranse nos Orzamentos Xerais do Estado de 2024.

Redución das peaxes

O documento especifica que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2024 incluiranse novos descontos nas autoestradas AP-9 e AP-53. "Incrementaranse os descontos para usuarios superrecorrentes (incluídos os vehículos pesados) na AP-9, do 20% actual até o 50%, equipararanse os descontos na AP-53 aos da AP-9 e seguiremos traballando para conseguir a gratuidade da peaxe", dise. 

Actuacións en estradas

Tamen se inclúen varias medidas para a mellora na rede viaria galega a través dun plan plurianual 2024-2024 de "actuacións urxentes", que inclúe o compromiso a actuar "en todos os tramos de concentración de accidentes" na Rede de Estradas do Estado en Galicia, en concreto na N-550, N6 e AC-12, na A-55, N-550, N-551, N-555, PO-11 e AP-9, N-541 “Cerdedo-Cotobade”, A-52, N-120 e N-640.

Peaxe na autoestrada AP-9 © Audasa

O acordo insta a asegurar "a finalización dos tramos pendentes de execución da Autovía Santiago-Lugo antes do peche do exercicio 2024", así como o compromiso do Executivo central de "axilizar a execución dos traballos no tramo sentido Madrid do viaduto do Castro na A-6, que quedará finalizado este ano, e no tramo sentido A Coruña, que se porá en funcionamento antes de que termine o ano 2024".

Supón tamén o estudo de actuacións da mellora da N-VI e a aplicación das máis urxentes, a redacción dos proxectos para comezar a executar a variante da Estrada antes de que remate a lexislatura, "solucións" para rematar o segundo tramo do paseo de Marín desde Pontevedra e un estudo sobre a seguridade viaria na N-550. 

Tren de proximidade

Un dos aspectos máis significativos do acordo é a aplicación dun Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria de Galicia que prevé case unha ducia de actuacións importantes na vindeira lexislatura. Confírmase, entre elas e como máis destacada, o estudo para a implantación do tren de proximidade en Galicia, "tendo en conta as necesidades da infraestrutura, o material móbil e a dispoñibilidade de persoal", para que, "antes do final de lexislatura, Galicia conte con servizo de proximidade, priorizando os tramos Vigo-Pontevedra e A Coruña-Ferrol".

Melloras na rede ferroviaria

Ademais, BNG e PSOE acordaron o "impulso ás actuacións do corredor Atlántico" e a aceleración na conexión entre Vigo e a fronteira portuguesa, incluíndo a saída sur, así como das "modernización" da liña Guillarei-Ourense, de viaxeiros e mercadorías.

O pacto prevé o tren de proximidade na vindeira lexislatura e "aplicar o mesmo trato homoxéneo aos usuarios de FEVE en Galicia que noutras comunidades"

Tamén prevé o documento o avance nos traballos para a "modernización e electrificación da liña ferroviaria A Coruña-Lugo entre Betanzos e Lugo" e o inicio, este ano, dos trámites para a execución do baipás de Betanzos, co compromiso de que estea listo antes de que remate a lexislatura, e a culminación dos estudos para a mellora da liña A Coruña-Ferrol. 

O Goberno central comprométese tamén a licitar en 2024 un estudo dunha variante entre Curtis e Ordes que facilite a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago, así como un plan de substitución e mellora do material rodante empregado nos servizos Vigo-Porto, dos que se prevé tamén mellorar as frecuencias. 

Alén disto, o acordo reflicto o compromiso a recuperar as frecuencias ferroviarias previas á pandemia e a estudar a necesidade do seu aumento, así como a "aplicar o mesmo trato homoxéneo aos usuarios de FEVE en Galicia que noutras comunidades e continuar os traballos de modernización". O texto tamén prevé a axilización da aprobación da orde para que a estación intermodal de Santiago pase a denominarse Daniel Castelao. 

Apeadoiro do tren FEVE, entre Ferrol e o Ortegal CC-BY-SA Praza Pública

Abonos de transporte

Como no caso do acordo entre PSOE e Sumar, o asinado co BNG tamén prevé que en 2024 se manteñan "para todos os cidadáns e cidadás a redución do prezo dos abonos de transporte" e posteriormente converter esta medida "nunha política permanente para determinados colectivos".

Pensións e dependencia

En canto ás medidas sociais, o texto contempla ampliación dos permisos de paternidade e maternidade ás vinte semanas e a actualización das pensións conforme ao IPC "como vía para asegurar o poder adquisitivo dos pensionistas", ademais do incremento das pensións mínimas e non contributivas "por riba da revalorización das pensións contributivas, até alcanzar a media europea".

O Goberno central adquire de achegar o 50% que lle corresponde para o financiamento das actuacións da Lei de dependencia e asegurar que non de produza dobre tributación no caso das pensións do estranxeiro dos emigrantes retornados. 

Melloras para Compostela

Ademais, acórdase elevar o o cofinanciamento do Estado con fondos Next Generation na EDAR de Santiago de 65% para 80% e continuar os traballos de saneamento das rías galegas. Respecto a Compostela, o documento recolle que o Estado incrementará en 10% anual (con base fixa en 2023) a súa achega ao Consorcio de Santiago no próximos tres anos (2024-2025-2026) para "investimentos no mantemento, conservación e rehabilitación do centro histórico". 

Porto da Coruña

O texto inclúe un apartado dedicado ao futuro da fachada portuaria da Coruña, aclarando que o Goberno central "contribuirá ao financiamento da transformación dos terreos dos peiraos do porto da Coruña que queden liberados de actividade portuaria". E que o Estado comprométese a "contribuír de forma significativa ao financiamento destas actuacións xunto con outras administración e entidades", desenvolvendo un plan plurianual e "asegurando sempre a titularidade pública dos terreos". 

Usuarias do transporte interurbano en Galicia CC-BY-SA Xunta

Lingua galega

En canto ao galego, prevese impulsar o "recoñecemento real e práctico do plurilingüismo do Estado" garantindo a presenza normalizada da lingua e das producións culturais galegas en RTVE, así como o "incremento das horas de desconexión territorial en lingua galega e a recuperación de Radio 4, emisora exclusivamente en galego".

O Goberno central comprométese a garantir a presenza normalizada da lingua e das producións culturais galegas en RTVE

Ademais, o Consello de Linguas Oficiais do Ministerio de Política Territorial levará a cabo, ao longo de 2024, unha auditoría sobre o uso das linguas oficiais nas webs da Administración estatal para "corrixir" as deficiencias e o Estado "financiará a adaptación do galego á nova era dixital dotando con 15 millóns de euros para o período 2024-2027 os proxectos con implicación da USC e a Xunta". Así mesmo, tenderase a un maior peso do galego, éuscaro e catalán no conxunto do PERTE Novas Tecnoloxías da Lingua.

Lei Audiovisual e canles portuguesas

Tamén se especifica que o Goberno cumprirá co regulado na Lei do Audiovisual para "garantir que os contidos destinados a público menor de doce anos estean dispoñíbeis en todas as linguas oficiais do Estado" e que apoiará a recepción das radios e televisións portuguesas en Galicia. 

Por último, o Estado comprométese a facer unha "declaración de recoñecemento e reparación" en relación co consello de guerra e condena a morte a Alexandre Bóveda, anulado pola Lei de Memoria Democrática. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.