BNG e PSOE pactan tren de proximidade e condonación da débeda "análoga" ao resto de comunidades

Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego, presentando o acordo co PSOE CC-BY-NC-ND BNG

O principio de acordo entre o BNG e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez prevé que "antes do final da lexislatura" Galicia conte cun servizo de tren de proximidade, como mínimo nas áreas da Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo. 

O acordo entre BNG e PSOE inclúe o compromiso de que Galicia conte cun servizo de tren de proximidade antes do final da lexislatura

Segundo aclarou a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, e á espera de que se concreten os detalles no futuro documento a asinar, o Bloque dixo ter conseguido o "compromiso" de "acabar coa anomalía de que Galicia non teña tren de proximidade" e de que este será unha realidade nas dúas áreas máis poboadas do país antes de que finalice a lexislatura e, xa que logo, antes do verán de 2027 como moi tarde.  

De acordo "excepcional", cualificouno o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, que lembrou que, malia que loxicamente terán que facerse "os estudos operativos previos", o "fundamental" é que hai "un prazo de tres ou catro anos para que, logo de tantos anos" Galicia conte cun servizo de tren de proximidade. 

Carme da Silva, Ana Pontón e Néstor Rego, presentando o acordo co PSOE CC-BY-NC-ND BNG

Unha demanda antiga que, segundo Rego, suporá "unha revolución na mobilidade das áreas urbanas" e que, como engadiu a senadora nacionalista Carme da Silva, supón tamén apostar polo "sistema de mobilidade do futuro". "O acordo é claro e firme sobre a implantación do tren de proximidade antes de que remate a lexislatura", insistiu Rego. "Compromisos claros, obxectivos concretos e datas", destacou Pontón. 

Besteiro (PSdeG) reivindica un pacto "querido e compartido" que "vai máis aló de necesidades aritméticas"

Tanto a portavoz nacional como Silva e Rego compareceron, tras o visto e prace da Executiva nacional ao pacto, para adiantar os principais contidos dun acordo ao que aínda lle faltan "detalles" pero do que se amosaron moi satisfeitos por supoñer "un forte impulso á axenda galega ante o Estado" e que demostra, din, que "Galiza gaña co BNG e que o BNG é decisivo para defender os intereses dos galegos e galegas". 

Pouco despois, o deputado do PSOE e futuro candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou un pacto "querido e compartido" que vai "máis aló de necesidades aritméticas", "implica moito máis" e "será unha primeira parte da aposta por Galicia" e do recoñecemento dun Estado "plural". Ademais, advertiu da que di que será a lexislatura "da aposta seria polo servizo de proximidade". 

Entre os "logros" que destaca o BNG inclúense tamén a modernización da liña ferroviaria A Coruña-Ferrol ou a conexión entre Vigo e a fronteira portuguesa, todos eles incluídos, cabo do tren de proximidade, nun plan integral para a mellora da rede. 

Pontón asegurou que "miles" de persoas en Galicia van "ter beneficios na súa vida diaria" grazas ao acordo e puxo como exemplo a nova rebaixa das peaxes pactada no texto. Así, o BNG destacou que o seu obxectivo segue a ser unha AP-9 "galega e libre de peaxes" pero destacou os avances que supoñen que o pacto co PSOE poida supoñer ata un desconto do 75% nas tarifas desta autoestrada para os usuarios frecuentes e recorrentes. 

Bloque e PSOE acordan novas rebaixas na peaxe da AP-9 que poden chegar ao 75% e que inclúen tamén a AP-53

A día de hoxe, está bonificada a viaxe de volta para os usuarios que fan en 24 horas unha ida e unha volta desde o mesmo punto de saída e chegada. O pacto alcanzado pasa por ampliar os descontos de dúas maneiras e son acumulables. 

Para aqueles que sigan facendo ida e volta a diario desde os mesmos puntos de entrada e saída e sumen 20 viaxes ao mes, o desconto alcanzará o 75%: o 50% xa bonificado da volta (fagan o número que fagan) e un 50% máis sobre a viaxe que se paga (por exemplo da ida), no caso de que se superen os 20 traxectos individuais ao mes.

José Ramón Gómez Besteiro, tras a reunión da Executiva Nacional do PSdeG CC-BY-SA PSdeG

Ademais, as persoas que usen acotío a AP-9 e realicen 20 viaxes ao mes, independentemente de onde inicien ou conclúan, tamén terán un 50% de bonificación. Os descontos tamén se aplicarán para a AP-53, que une Santiago con Ourense pero cuxa peaxe se acumula só no primeiro tramo ata Lalín, polo que supón eliminar un "desequilibrio" e mellorar a "mobilidade" interior e a "seguridade", en palabras de Carme da Silva. Pasaríase, segundo os cálculos do BNG, dos 12,80 euros actuais a arredor de tres, un desconto do 75%. 

Para Besteiro, ademais, o acordo permite “liberar Galicia das peaxes que nos impuxo o PP”. “Acabar con esas peaxes é un obxectivo compartido dos socialistas”, dixo tras a reunión da Executiva Nacional do PSdeG. 

Ademais, o BNG dixo ter garantido "un trato igualitario na condonación da débeda", polo que "calquera compensación ás comunidades en relación ao FLA" (Fondo de Liquidez Autonómica) ten que supoñer "unha compensación análoga a Galicia". “Non se podía condonar débeda a outras comunidades autónomas que se financiaron a través do FLA e deixar fora a Galiza e iso foi o que logrou o BNG”, asegurou Pontón. 

Tendo en conta o acordado entre o PSOE e ERC para a condonación dun 20% da débeda de Catalunya co Estado, a cifra elevaríase a arredor dos 550 millóns perdoados a Galicia, aínda que os representantes do BNG non concretaron cifras. Si advertiron que a súa formación "consegue que o noso país non saia discriminado, mentres o PP teima en rexeitar unhas medidas que son moi positivas para as comunidades e para Galicia", dixo Rego. 

O BNG di ter garantido "un trato igualitario na condonación da débeda": calquera compensación ás comunidades terá "unha compensación análoga a Galicia"

Fixo así alusión o deputado nacionalista á declaración institucional que só minutos antes levara a cabo o presidente da Xunta acompañado de todo o seu goberno para denunciar o "agravio" que, na súa opinión, supuña o acordo entre socialistas e Esquerra. Alí, Rueda cargou, sen citalo, contra o BNG. "É ofensivo o xeito en que algunha determinada forza política en Galicia acepta que con cuestións absolutamente menores e prometidas reiteradamente se pretenda compensar un apecto como o que onte coñecemos", dixo

"Rueda está enfadado, seguindo o argumentario de Génova en vez de axudar a materializar un acordo que beneficia a Galicia", retrucou Pontón, que insistiu en que o seu partido non ía "permitir ningún tipo de discriminación" ao país. 

Néstor Rego, reclamando o tren de proximidade nun acto na Coruña CC-BY-NC-ND BNG

"O BNG fai o traballo que non fai Rueda; a Xunta o único que fai é poñer paus nas rodas e espero que non intenten que non se poida levar adiante este acordo", engadiu Pontón, que aclarou que o documento que asinarán co PSOE "só vincula para a investidura". "Queda unha lexislatura moi longa, moi aberta, e o voto do Bloque vai ser decisivo en moitos momentos e haberá que gañalo en cada debate", advertiu. 

Desde o PSdeG, Besteiro acusou a Rueda de ter unha “concepción inxusta” das institucións, seguindo os designios dun partido “cuxo único obxectivo é que non haxa goberno e a ver se hai sorte e hai novas eleccións”. Considera que as súas declaracións están feitas “ou dende a mala intención política para confundir ou que non sabe de que vai todo isto”.

Ademais, no acordo inclúense tamén a creación de novos xulgados de violencia de xénero. Serán cinco, de tal xeito que os de Santiago, Ourense e Lugo serán xa recollidos nos orzamentos do Estado de 2024. Tamén se pactaron medidas "para mellorar as pensións máis baixas en Galicia" e que aínda están por concretar. 

Mesmo status que Euskadi e Catalunya

Por último, Néstor Rego referiuse tamén a compromisos "máis globais", como o de "garantir" que calquera mudanza que se produza no Estado no ámbito do autogoberno "recolla o mesmo status para Galiza que para os outros dous países que constitucionalmente teñen a mesma condición de nacionalidade histórica", en referencia a Euskadi e Catalunya. 

Así, o BNG dixo ter "arrincado" do Goberno central a "disposición a negociar a transferencia de todas as competencias pendentes, tanto as que marca o Estato como as que se reclaman a través de acordos do Parlamento". "Está no tellado do PP, pero como tampouco o vai conseguir nos meses que lle quedan á fronte da Xunta, terá que ser o BNG o que logre que Galiza asuma todas as competencias previstas", rematou Rego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.