En 2020, e na busca tamén do apoio do seu único representante no Congreso, o PSOE pactou un acordo de investidura co BNG. Naquel 3 de xaneiro de 2020, compareceran tamén na sinatura do acto polo Bloque a súa portavoz nacional, Ana Pontón, e o deputado Néstor Rego, xunto á daquela vicesecretaria xeral socialista, Adriana Lastra, Rafael Simancas e o parlamentario galego Guillermo Meijón.
Repetiron desde a formación nacionalista mentres que polo PSOE foron a ministra María Jesús Montero e outro deputado galego, José Ramón Gómez Besteiro, candidato á presidencia da Xunta, como Pontón, nos comicios autonómicos previstos para o vindeiro ano. "A investidura de Pedro Sánchez non precisa deste pacto, pero Galicia si", dixo o político lucense, tratando de facer valer o influxo do PSdeG nun acordo que di que vai "máis aló de necesidades aritméticas" e no que ve a apertura "dun tempo novo en Galicia".
Hai catro anos, tamén ás portas dunhas eleccións que logo serían adiadas pola pandemia, PSOE e BNG asinaron un acordo de trece puntos dos que poucos se acabaron cumprindo, algo que foi reprochado en numerosas ocasións por Pontón e Rego. Si se aplicaron as rebaixas nas peaxes da AP-9, a electrificación da vía férrea entre Lugo e Ourense —aínda en obras pero avanzadas e con melloras que foron mesmo máis aló— e o inicio dos traballos para o dragado da ría do Burgo, feitos que reivindica o BNG para lembrar que, aínda con mínimos, o peso do seu único deputado vale máis que o dos resto de representantes galegos.
Dos trece puntos acordados en 2020, cumpriuse coas rebaixas nas peaxes da AP-9, a electrificación da vía férrea entre Lugo e Ourense e o dragado da ría do Burgo
Agora, lembra o Bloque, o acordo é máis amplo, máis ambicioso e ten os "compromisos claros, obxectivos concretos e datas" dos que carecía o de hai catro anos. No fondo, tamén, a achega dun PSdeG que aposta forte pola candidatura de Besteiro e dun PSOE que semella botar toda a auga ao muíño das eleccións galegas. Como mínimo, o documento pactado é máis amplo: dos 13 puntos acordados en 2020 aos 22 desta ocasión, aínda que empeza con dous compromisos idénticos nos seu dous primeiros puntos: activar a transferencia das competencias pendentes a Galicia e garantir o status de nación ao nivel de Catalunya e Euskadi, unha demanda plasmada xa en 2020 malia algunha interpretación presente.
Ademais, inclúese, ao abeiro do debate sobre financiación autonómica e a quita da débeda ás autonomías contemplada no acordo cos independentistas cataláns, unha "compensación análoga" a Galicia no caso da redución desas débedas co Estado.
O acordo é moito máis amplo, ambicioso e detallado no que ten que ver coa mellora da rede ferroviaria e nas estradas e concreta datas para o tren de proximidade
No que ten que ver coas melloras na rede ferroviaria galega, en cuxa planificación Adif avanzou moito nos últimos anos, o anterior acordo despachaba o asunto nun parágrafo no que resumía moitos dos compromisos que agora se acollen. No deste 2023 inclúese a execución do baipás de Betanzos e un dos puntos fundamentais que reivindican BNG e PSdeG: o dun tren de proximidade en Galicia que debería estar en funcionamento en menos de catro anos. En 2020, a referencia limitábase á intención de "modernizar a rede interior ferroviaria galega".
Hai uns dez puntos recollidos no acordo de 2020 que se repiten no deste ano ou que son ampliados e detallados. No de hai catro anos, boa parte do documento centrábase en demandas de compensacións para os efectos da descarbonización e reclamacións para unha transición xusta, así como en peticións sobre o estatuto de empresas electrointensivas que se estaba a tramitar.
O acordo de 2020 baseábase na industria electrointensiva e nas compensacións á descarbonización, do que xa non hai mención desta vez
Tamén había unha parte importante dedicada ao "reforzo da axenda industrial galega", con alusións expresas ao sector naval ou a Alcoa, ou solicitudes para abaratar a factura da luz. Ningún destes temas aparece agora no documento pactado, ben porque non se considerou ou porque, nalgúns casos, o Goberno central xa levou a cabo actuacións vinculadas a estas demandas durante a pasada lexislatura.
No acordo asinado este pasado luns, ademais, non hai referencia ningunha a actuacións sobre a crise climática, a transición enerxética verde ou medidas contra a contaminación. Tampouco hai mención a ENCE, da que en 2020 se pedía "outro enclave máis adecuado ambiental en Galicia, a través dunha fórmula que permita manter o emprego".
O pacto de agora, en materia de infraestruturas, é moito máis ambicioso. Engade ás rebaixas nas peaxes da AP-9 as da AP-53 e numerosas medidas para mellorar a rede viaria en diferentes puntos de Galicia. Tamén aposta por máis actuacións na rede ferroviaria, por unha suba de pensións que non foi plasmada en 2020 e inclúe a ampliación do permiso de paternidade e maternidade a vinte semanas ou o mantemento dos abonos transporte. Ademais, fai referencia ao futuro da fachada portuaria da Coruña ou melloras no financiamento da EDAR de Santiago e do Consorcio da capital galega.
No caso dos xulgados de violencia de xénero, en 2020 acordouse amplialos e facelo "de maneira urxente" en Compostela, Lugo e Ourense. Desta vez, o acordo contempla a creación de cinco novos e garántese que no caso dos tres citados serán "incluídos nos Orzamentos Xerais do Estado de 2024".
No que ten que ver coa lingua, BNG e PSOE insisten no impulso ao plurilingüismo e na recuperación de horas en galego nas desconexións para Galicia dos medios públicos, aínda que cunha maior concreción e detalle, tamén nas achegas económicas en prol do idioma propio. Insístese, ademais, na recepción das radios e televisións portuguesas en Galicia que o Goberno central "apoiará", unha medida da que nada se soubo polo momento.