Ante as previsibles e duras críticas polos pactos con forzas independentistas e a proposta de lei de amnistía, Pedro Sánchez advertiu este mércores no Congreso da "axenda reaccionaria" que supón a alteranativa ao goberno que encetará desde mañá unha nova lexislatura, a que conformarían PP e Vox.
"O único muro eficaz contra as políticas da ultradereita en comunidades e concellos foi o goberno de coalición progresista en España", resumiu Sánchez, que centrou boa parte do seu discurso na primeira das sesións da súa investidura no Congreso en alertar da "involución" que suporía un executivo da dereita e a ultradereita e en reivindicar os "logros incuestionables" do seu executivo. Tamén en enumerar e debullar un amplo catálogo de medidas para reforzar o estado de benestar, a transición ecolóxica na loita contra o cambio climático, as melloras nas condicións laborais ou a igualdade.
Sánchez defende como un dos motivos da amnistía o de "consolidar os avances logrados e seguir avanzando pola senda da convivencia e o progreso"
Así, Sánchez advertiu que unha dos motivos da aprobación da amnistía aos "encausados polo procés" é tamén o de "consolidar os avances logrados e seguir avanzando pola senda da convivencia e o progreso" e evitar así a "onda reaccionaria" que suporía un goberno das dereitas.
O candidato a repetir na presidencia do Goberno central dixo que se concederá esa amnistía "en nome de España, do interese xeral e da concordia". "As circunstancias son as que son e toca facer da necesidade virtude", insistiu Sánchez, que amosou o seu "respecto enorme" a quen está e se manifesta pacificamente en contra da lei. "O problema do PP con Vox non é a amnistía, é que non aceptan o resultado electoral", insistiu para alertar dos "poderes económicos" que apoian as dereitas que "o de verdade non queren é seguir mellorando as condicións laborais dos traballadores", a suba das pensións ou as melloras na sanidade.
"O problema do PP con Vox non é a amnistía, é que non aceptan o resultado electoral", di Sánchez
"A receita do PP conduciu ao desastre en Catalunya. Apostamos polo diálogo, polo entendemento e polo perdón", dixo Sánchez, que confía en que a lei de amnistía poida axudar en "superar a fractura que se abriu" e que tamén cre, —igual de forma "inxenua", aclarou— que pode "persuadir a aqueles cataláns ou persoas doutros territorios independentistas que España é un bo país para eles".
"A amnistía é perfectamente legal, acorde coa Constitución", engadiu o líder do PSOE, que pediu ao PP "un mínimo de responsabilidade", ademais de "cordura e coherencia" para non seguir a "deriva trumpista", tras lembrar os máis de mil de indultos concedidos por gobernos do PP "nun dó día". "Non será un ataque á Constitución, senón unha mostra da súa fortaleza", repetiu.
Ademais, insistiu en que as "receitas" dos populares provocaron a "maior crise institucional, territorial e constitucional" da democracia e reivindicou a mellor situación política, social e de convivencia en Catalunya desde que goberna a coalición progresista.
Sánchez instou a elixir entre "unha España que avanza ou a que retrocede" e aclara que a elección "transcende os eixes dereita e esquerda"
Sánchez tirou en boa parte do seu discurso da disxuntiva que supón elixir entre "unha España que avanza ou a que retrocede" e, en clara alusión tamén aos múltiples e variados pactos do PSOE, dividiu as opcións "máis aló da clásica distancia dereita e esquerda" para advertir de que en xogo está a "opción reaccionaria" ou a "progresista", a daqueles que, malia as diferenzas, optan por "avanzar".
No lado das "dereitas retrógradas" situou aqueles que negan o cambio climático, desprenden clasismo, "impoñen un único modo de ser e sentirse españois", os que atacan o feminista ou rexeitan os cambios. No outro, as "forzas progresistas dispostas a seguir avanzando e non dar un paso atrás".
"Tócanos elixir camiño", dixo Sánchez, ou "abrindo a porta" ás forzas reaccionarias ou o freándoa "en seco" erguendo "un muro de tolerancia, convivencia e democracia". Foi cando volveu a advertir de que a a elección "transcende os eixes de dereita e esquerda" para situar a elección entre "PP e Vox, que queren claramente retroceder" e os que queren "avanzar". "De formas distintas e con diferenzas importantes, pero avanzar", insistiu.
Así, Sánchez repasou un lote de medidas de "recorte de dereitos e liberdades" por parte dos gobernos locais e autonómicos das "forzas reaccionarias" e criticou con dureza ao PP e a Feijóo por ter "bendicido e acompañado" a ultradereita, ademais de "branqueala e lexitimala". "Adentrouse no camiño da perdición", dixo, en referencia aos pactos da "ignominia" que supuxeron unha "axenda reaccionaria" en tantos territorios.
Ademais, e en clara referencia ás críticas pola "desigualdade" entre cidadáns que suporía a amnistía, Sánchez asegurou que "defender a igualdade" é, entre outras cousas, subir o salario mínimo, gañar dereitos para os traballadores, reverter recortes en dependencia, eliminar copagos farmacéuticos, que haxa un millón de estudantes con bolsa, reducir a fenda salarial, apostar por máis renovables e a descarbonización ou "os 14 millóns de traballadores que recuperaron dereitos coa reforma laboral". "A única igualdade que periga é a das mulleres polos acordos entre PP e Vox", asegurou.
Por outra banda, Pedro Sánchez tamén despregou un gran catálogo de medidas para os vindeiros catro anos, como a redución da xornada laboral ás 37,5 horas, o impulso dun pacto de Estado de dereitos LGTBI, a gratuidade do transporte público para menores e parados ou a extensión da redución do IVE aos alimentos ata o próximo mes de xuño.