Tiña os votos, dicía, pero non os quería. O candidato do PP á investidura, Alberto Núñez Feijóo, insistiu desde o pasado martes no relato de que os resultados do 23X supuxeron a súa vitoria e de que os votantes decidiron que el tiña que ser o presidente. Que se non chega á Moncloa é porque non está disposto a acordar co independentismo catalán como, advirte, si fará Sánchez, ao que recoñece xa como futuro xefe do Executivo de España.
Deixoullo claro o portavoz do PNV, Aitor Esteban, no comezo do segundo día da sesión de investidura. Advertiulle de que "non renunciou a unha maioría" porque "nunca a tivo". "Os 33 votos de Vox son imprescindibles para que logre a presidencia. Ademais, eses 33 votos seguirían sendo imprescindibles durante toda a lexislatura", díxolle, lembrando que para acadar algún tipo de acordo co seu partido ou co independentismo "ten que empezar descontando 33" escanos.
Os da ultradereita que, sabe, sairían da ecuación se nela está o nacionalismo vasco ou catalán. Os dun partido, Vox, co que reafirmou a súa alianza para un "proxecto alternativo", como o que xa comparte nun lote de concellos e autonomías.
"Non lle chegou, fracasou se o obxectivo era chegar á presidencia do Goberno", repetiulle Aitor Esteban. Pero non caeu da súa ficción de vitoria Feijóo —discursiva polo menos— ata que chegou a votación, que certificou a súa derrota nesta primeira rolda de votacións, na que precisaría de maioría absoluta, pero tamén na segunda —que require maioría simple— e que se celebrará o próximo venres.
Quedou Feijóo a catro sufraxios, os mesmos que leva procurando desde hai semanas, polos que fixo as beiras a PNV e mesmo a Junts. Aos que logo dixo rexeitar para diferenciarse do PSOE e de Sánchez e aos que intentou atraer con diversas mensaxes nas súas intervencións.
Feijóo sumou aos votos do seu partido os 33 da ultradereita, un de UPN e outro de CC, a catro da maioría necesaria para gobernar
O aspirante popular pareceu ollar tamén cara ao futuro, consciente de que erguer un muro coa dereita catalá e vasca supón limitar ao máximo as súas posibilidades de chegar á Moncloa, aínda que os seus duros ataques ao PNV non semellan albiscar entendemento ningún.
Xa que logo, Feijóo sumou 172 sies fronte 178 votos negativos. Sumou aos apoios do seu partido un máis de UPN —habitual socio do PP en Navarra—, outro de Coalición Canaria e os 33 da ultradereita, á que agradeceu o seu apoio mentres criticaba a "neurose obsesiva" polo poder que lle atribuíu a Pedro Sánchez e certificaba a boa sintonía cos da extrema dereita, con moitas máis coincidencias que reproches.
Votos clave os de Vox, como os que lle deron ao PP unha morea de gobernos locais e autonómicos. Un acordo asentado que é, precisamente, o que impide aos populares optar a calquera outro apoio, como lle advertiron varios grupos estes días.
Foi así como Feijóo converteu a súa investidura nunha moción de censura a Pedro Sánchez, que optou por ignoralo, enviando o martes ao ex-alcalde de Valladolid, Óscar Puente, a darlle a réplica. Evitou así o PSOE o cara a cara que o aspirante popular buscaba co presidente en funcións que, á súa vez, evitou tamén afrontar o debate sobre a amnistía do que o líder do PP tirou desde o principio.
Feijóo reafirmou a súa alianza coa ultradereita, xusto a que lle impide apañar máis votos alén de UPN ou Coalición Canaria
Núñez Feijóo repetiu en numerosas ocasións que el gañou as eleccións, reivindicou o seu dereito a gobernar pero non apañou ningún apoio máis que os que xa tiña. Principalmente o de Vox, que reiterou o seu si nunha intervención de Abascal que revelou moitas máis coincidencias e entendemento que reproches entre PP e a ultradereita. "Demóstrase que hai un proxecto alternativo", dixo xa este mércores, reafirmando a súa alianza co partido da extrema dereita.
"Na nosa democracia, quen gaña as eleccións merece gobernar", insistiu a portavoz do PP, Cuca Gamarra, reivindicando unha vitoria electoral que se traduza nos apoios parlamentarios que os populares non deron apañado para gobernar.
Porque nada máis conseguiu o ex-presidente da Xunta máis aló de certificar o seu fracaso no intento de chegar á presidencia, misión para a que abandonou Galicia e liderou o seu partido a nivel estatal. E rematou as súas intervencións atacando a Pedro Sánchez por non responderlle durante o debate: "Preferiu escapar para non dicir a verdade".
"Quen cala, outorga", insistiu Feijóo. "Veremos a intensidade do seu silencio, o que outorga e o que esixen. Non quixo saír á tribuna porque non podería defender o que defendeu hai dos meses diante dos españois", asegurou en referencia ás negociacións para a amnistía co independentismo catalán.
Antes, e logo de case obviar Galicia durante a primeira xornada, aproveitou a réplica ao deputado do BNG, Néstor Rego, para ollar á precampaña galega. Cargou con dureza contra BNG e contra o PSdeG, en especial contra o parlamentario e ex-delegado do Goberno, Gómez Besteiro. E advertiu do perigo dun posible adianto electoral para o PSdeG. Será noutros comicios nos que o PP buscará unha nova vitoria. Con absoluta, porque sería o único xeito de que lograse gobernar. Sábeo ben Feijóo.