Pedro Sánchez, presidente por maioría absoluta para unha lexislatura "complexa"

Pedro Sánchez, tras ser elixido presidente na sesión de investidura © GP PSOE

Pedro Sánchez foi investido presidente do Goberno de España. A piques de que se fagan catro meses das eleccións do pasado 23 de xullo, PSOE e Sumar conformarán de novo un executivo progresista nunha lexislatura na que o seu futuro e gobernabilidade depende desta vez dun amplo abano de partidos nacionalistas e independentistas: ERC, Junts, EH Bildu, BNG ou Coalición Canaria. 

A investidura de Pedro Sánchez contou este xoves no Congreso cun total de 179 votos a favor, sete máis que os logrados por Alberto Núñez Feijóo a finais de setembro, doce máis que hai catro anos e tres máis que a maioría absoluta, o que permitiu ao socialista ser elixido presidente xa nunha primeira votación.

"Isto é unha equivocación" e "vostede será o responsable", di Feijóo que lle dixo a Sánchez no momento de felicitalo ao consumarse a votación que confirmou tamén o fracaso do ex-presidente da Xunta no seu intento de chegar á Moncloa, obxectivo que se marcou cando abandonou o Goberno galego hai máis de ano e medio. Tamén o illamento do PP, abocado ao único apoio da ultradereita de Vox. 

Sánchez obtivo 179 votos a favor, sete máis que os logrados por Feijóo a finais de setembro

Será o segundo goberno de coalición en España dende a Segunda República logo dunha segunda sesión de investidura na que non houbo sorpresas de última hora, nin sustos, nin tamayazos, malia o descontento do que deixou constancia Junts o pasado mércores co discurso de Sánchez e as difíciles negociacións que supuxeron a proposta dunha lei de amnistía que será aprobada nos próximos meses. 

Todos os grupos que apoiaron a investidura de Sánchez deixaron clara no Congreso a "complexidade" que supón a lexislatura que chega, pero todos os apoios do presidente do Goberno de España tamén advertiron da necesidade de seguir avanzando e parar a alternativa: a unión da dereita coa extrema dereita e o retroceso que, din, suporía para o avance da axenda social e plurinacional vixente. Iso si, marcando cada un o seu terreo e reivindicando a súa importancia. 

Sánchez reivindica que o goberno que sae da investidura é "lexítimo, democrático e constitucional" ante as acusacións da dereita

"Somos os independentistas e soberanistas os que impedimos hoxe que o bloque reaccionario chegue ao poder", advertiu Mertxe Aizpurua, voceira de EH Bildu, en liña co que manifestaron os independentistas cataláns. 

Na súa última intervención, ademais, Pedro Sánchez reivindicou que o goberno que sae da investidura, agora si completada, é "lexítimo, democrático e constitucional" e agradeceu o seu voto a favor aos 179 deputados en todas as linguas oficiais estatais. Todo entre graves acusacións da dereita, que van desde a "fraude" que denuncia o PP ata o "golpe de Estado" do que advirte a ultradereita de Vox. 

Pedro Sánchez, tras ser elixido presidente na sesión de investidura © GP PSOE

Desde o PSOE, e logo das intervencións de EH Bildu, PNV, BNG, Coalición Canaria e UPN, o seu portavoz parlamentario Patxi López, insistiu en que as protestas da dereita "non son pola amnistía, senón porque as urnas non lles deron a posibilidade de gobernar". "Son protestas lexítimas, o que non é tan lexítimo é as mentiras coas que as convocan", dixo para a continuación cargar contra os acordos do PP con Vox. 

"Non sigan alimentando a besta porque acabará devorándoos", pediu López a Feijóo, a quen recriminou "todos os retrocesos" que se producen nas comunidades e concellos gobernados por PP e Vox. Tamén defendeu a amnistía na busca do "reencontro e convivencia" para "superar o pasado de confrontación e abrir un futuro de diálogo e entendemento". 

No debate, Miguel Tellado, vicesecretario xeral de Organización do PP, pediu a palabra polas alusións que a el fixera Patxi López. Queixouse de que o portavoz do PSOE acusase aos populares de "alentar a violencia" e acabou acusando os socialistas de "alentala no momento que a perdoan e a amnistían". "Non van conseguir que España cale", dixo, entre o ruído e o balbordo da Cámara Baixa e logo de que deputados socialistas foran insultados e algún deles alcanzado por ovos nas inmediacións do Congreso. 

Así, e logo de que fracasase definitivamente a investidura de Feijóo o 29 de setembro e recibir Sánchez o 3 de outubro o encargo do xefe do Estado para tentar formar goberno, o 13 de outubro EH-Bildu garantía o seu apoio ao socialista, que o 24 de outubro asinaba con Sumar un acordo para reeditar un executivo de coalición.

Feijóo felicita a Sánchez tras a votación da investidura © GP PSOE

O seguinte pacto chegaría o 2 de novembro, con ERC, mentres que co BNG sería asinado o luns día 6. [De 2020 a 2023: o acordo BNG-PSOE, máis ambicioso en infraestruturas pero sen transición verde nin industria]

Finalmente, as negociacións aceleráronse nos últimos días acadándose o pasado xoves un acordo con Junts que inclúe unha amnistía ás persoas implicadas no procés catalán e o venres seguinte co PNV para avanzar no autogoberno vasco. A última hora mesmo se sumou aos acordos de investidura Coalición Canaria, que en setembro apoiou a investidura de Feijóo e que agora fará o mesmo con Sánchez, aínda que distanciándose da lei de amnistía, que si apoian o resto de grupos que deron o voto ao líder socialista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.