Coa ollada posta nas próximas eleccións autonómicas galegas, Pedro Sánchez defendeu o acordo do PSOE co BNG para a súa investidura para "recuperar moito do tempo perdido pola inacción dos gobernos do PP na Xunta e en España", ademais de reivindicar as que, na súa opinión, foron actuacións "relevantes" que o seu executivo levou a cabo en Galicia nos últimos anos para tratar de "recompoñer" o que considera unha eiva: "A nula sensibilidade dos dirixentes galegos que gobernaron no Estado con Galicia".
"Oxalá o cambio chegue á Xunta e poidamos impulsar a axenda de transformación para Galicia", díxolle Sánchez a Rego
Sánchez, en resposta á intervención do portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, ollou mesmo a unha futura mudanza política en Galicia. "Oxalá ese cambio chegue á Xunta e poidamos impulsar esa axenda de transformación", asegurou, en plural, logo de agradecer o apoio do Bloque e advertir da bondade dun acordo entre as dúas formacións que pretende que supoña "reparar os anos de retroceso que sufriu Galicia cos gobernos conservadores".
Sánchez volveu criticar a xestión de Feijóo na Xunta e Rego celebrou o cambio de actitude do PSOE cara ao líder popular
O presidente do Goberno de España reivindicou o acordo e as actuacións do Estado en Galicia nos últimos anos, pero antes detívose —como na sesión do mércores— nunha xestión de Feijóo na Xunta que considera deficiente. "Nin bo xestor, nin moderado", chegara a dicir, nunha actitude que lle agradeceu Rego, que lamentou que durante anos dirixentes socialistas e mesmo "ministros" gabasen a xestión do agora líder popular. Sánchez mesmo advertira do "erro" que cometera por dar "por boas moitas cousas das que a dereita mediática falaba sobre a súa xestión na Xunta".
Agora, ás portas dos comicios galegos, non só non as dá por boas senón que as critica con dureza e con cifras. Tamén este xoves. Lembrou que durante os trece anos que Feijóo gobernou en Galicia, "non se construíu nin unha residencia para maiores e pecháronse 138 colexios públicos", ademais de criticar o elevado aumento da débeda a perda de "máis de 40.000 empregos industriais". Todo, dixo, debido á "desidia e falta de compromisos do goberno da Xunta e do PP no Estado".
Sánchez comprometeuse en especial co tren de proximidade nesta lexislatura e co impulso para "aumentar o marco competencial" de Galicia
Ademais, repasou os "esforzo investidor" en materia de infraestruturas do Executivo central en Galicia durante os cinco últimos anos ou os intentos por paliar a "ausencia total de investimento industrial por parte da Xunta", coas actuacións en Alcoa, Stellantis, no naval ou impulsando "a transición enerxética sostible" nas comarcas afectadas pola descarbonización.
Sánchez prometeu "seguir apostando e investindo en Galicia" para que teña "as mellores infraestruturas" e repasou o acordo co BNG para comprometerse, en especial, con dous puntos: "Nesta lexislatura imos contar co tren de proximidade", priorizando as áreas de Vigo e A Coruña, e "aumentar o marco competencial" impulsando transferencias pendentes a través da comisión mixta Estado-Xunta.
Tamén destacou a dotación de máis xulgados de violencia de xénero, os descontos na AP-9 ou a aposta polo plurilingüismo.
Pola súa banda, Rego xustificou o seu apoio ao PSOE e o pacto para a investidura de Sánchez porque "frea as opcións da dereita reaccionaria e retrógrada e posibilita que o noso país mellore". "Sen dúbida, este acordo contribúe a mellorar a vida de todos os galegos", engadiu o voceiro do BNG, que reivindicou un pacto que espera que sexa "un compromiso de futuro do Goberno español" coa cidadanía galega.
Así, lembrou que uporá un "trato igualitario en materia de compensación da débeda" de Galicia que, lembrou, "Feijóo triplicou" durante a súa estancia na Xunta, a mellora nas infraestruturas ferroviarias e nas estradas, maiores rebaixas nas peaxes da AP-9 que, advertiu, séguense "pagando por decisión do PP".
Rego celebra o acordo co PSOE pero advírtelle que o BNG será "exixente"
Ademais, recordou o compromiso de "transferir todas as competencias pendentes". "O balance de trece anos de presidencia de Feijóo é desolador, cero competencias asumidas", advertiu Rego, que lembrou que o BNG, "non sendo autonomista", acaba por ser quen reclama que polo menos "se cumpra co previsto polo menos". Así, advertiu que esas posibles transferencias non se levarán a cabo no caso de que o PP se manteña á fronte da Xunta e que se levarán a cabo "cun goberno liderado polo BNG" que non será "unha delegación de Génova, senón un verdadeiro goberno da nosa nación".
Rego considera que o acordo alcanzado co PSOE deixou "descolocado" ao PP. "Quedou en evidencia como forza política absolutamente inútil", continuou Rego, que asegurou que o Bloque ten "mans libres" para defender todos aqueles aspectos que non están no acordo cos socialistas.
Así, reclamou a derrogación completa da reforma laboral do PP e da lei mordaza ou "frear a ofensiva do espolio eólico" e retirar os POEM que impulsan a eólica mariña fronte ás costas galegas. Xusto despois pediu "garantir de verdade unha transición xusta" en Meirama e As Pontes logo da retirada de milleiros de megavatios e alertou da "crise industrial crónica en Galicia".
"Seremos esixentes e estaremos moi atentos ao cumprimento do acordo", engadiu Rego, que pediu unha "condenan rotunda da masacre de Israel" en Palestina, así como "rachar relacións diplomáticas" con ese país.
Ademais, José Ramón Gómez Besteiro, deputado socialista galego e futuro candidato á presidencia da Xunta, celebrou a investidura de Sánchez e augurou que "Galicia será protagonista con este goberno". O político do PSdeG, elixido por sorteo para votar primeiro, remarcou que os acordos aos que chegaron os socialistas traerán “máis investimentos, máis obras, máis cartos para o noso país”.
Por outra banda, a voceira nacional do BNG e tamén futura candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, advertiu que a súa formación vai ser "moi esixente con Pedro Sánchez na defensa dos intereses dos galegos e das galegas". Ademais, avisou outra vez de que o acordo do Bloque co PSOE é só de investidura e de que o voto nacionalista estará condicionado a que se cumpra coa axenda marcada.
“Sánchez vai ter que gañar o noso voto día a día e debate a debate”, afirmou durante a presentación do acordo de investidura en Ourense, onde dixo que o pacto "remata coa discriminación nas peaxes da AP-53, mellora as infraestruturas ferroviarias e incorpora un xulgado de violencia de xénero na cidade".