O presidente anuncia que o luns dará a coñecer a súa decisión nunha comparecencia pública
O presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, fixo pública ás sete da tarde deste mércores unha carta aberta á cidadanía na que di meditar a súa posible dimisión ante o "acoso" á súa muller, Begoña Gómez, á que un xulgado vén de abrir dilixencias previas por suposta corrupción tras unha denuncia da organización ultradereitista Manos Limpias. Sánchez cancelará a súa axenda pública e anuncia que o luns comparecerá ante os medios de comunicación "e darei a coñecer a miña decisión".
Na súa carta Sánchez asegura que a súa muller "defenderá a súa honorabilidade e colaborará coa xustiza en todo o que a requira para esclarecer uns feitos tan escandalosos en apariencia como inexistentes", di, en referencia a acusacións de suposto tráfico de influencias de Gómez en favor de empresas coas que traballou. E engade que "esta estratexia de acoso e derribo leva meses perpetrándose", polo que di non sorprenderse pola "sobreactuación do Sr. Feijóo e o Sr. Abascal", aos que cualifica de "colaboradores necesarios xunto a unha galaxia dixital ultradereitista", lembrando que foi o líder popular quen denunciou o caso ante a Oficina de Conflito de Intereses, que o arquivou.
Sánchez acusa a Feijóo e Abascal de "colaboradores necesarios" nos ataques persoais que di estar a sufrir e que atribúe a representar "unha opción política progresista"
Sánchez di que os ataques "non son á miña persoa senón ao que represento: unha opción política progresista, respaldada elección tras elección por millóns de españois". Fronte a iso, o socialista di ver "unha coalición de intereses dereitistas e ultradereitistas que non toleran a realidade de España" e que di que se estende "ao longo e ancho das principais democracias occidentais".
Ante esta situación o presidente do Goberno di facerse a pregunta de se merece a pena seguir, e amosa as súas dúbidas. "Son un home fondamente namorado da miña muller que vive con impotencia a lama que sobre ela esparexen día si e día tamén", di Sánchez, que quere "parar e reflexionar" se debe seguir á fronte do Goberno "ou renunciar a esta alta honra". Para iso, anuncia que cancelará a súa axenda "uns días para reflexionar e decidir que camiño tomar". O luns, avanza, comparecerá ante os medios de comunicación e dará a coñecer a súa decisión.
A lexislación establece que o presidente do Goberno de España non pode disolver as Cortes Xerais e convocar eleccións ata pasado un ano da súa anterior disolución, o que ocorreu o 29 de maio do pasado ano, tras as eleccións municipais.