Correos anónimos e un falso accidente: cando a "manipulación dixital" na campaña galega non viña de "Rusia ou Vietnam"

Retallos dun panfleto distribuído na campaña de 2009 e actos daquela carreira electoral CC-BY-NC-SA Foto: Philipp Katzenberger en Unsplash / Montaxe: Praza.gal

A escena non tiña precedentes en Galicia. A secretaria xeral do PP en Galicia, Paula Prado, citou os medios de comunicación para, ante unha gran pantalla, presentar os resultados dun informe titulado Galicia. Perfiles falsos en la conversasión digital (sic). A tamén xefa de campaña dos conservadores para as eleccións do 18F mantivo que ese documento acreditaba que o partido está a ser vítima dunha "trama de manipulación dixital" mediante unha "rede de perfís falsos" na rede X, o antigo Twitter, unha "operación organizada de desinformación" sobre a xestión do Goberno de Alfonso Rueda na crise dos pellets.

A denuncia do do PP sobre unha suposta "trama de manipulación dixital" permite lembrar outra carreira electoral, a de 2009, na que foi despregada unha ampla campaña sucia contra a esquerda, tamén a través de internet

Prado foi alén. Segundo ese "reporte de análisis digital" -indicación que consta na capa do documento, amosada polo partido-, mantén, a suposta "rede" está "coordinada dende Madrid" e "traballa para a oposición e contra Galicia". Os responsables da tal operación serían, en última instancia, o BNG e o PSdeG, dixo. Se ben admitiu non ter probas, só "indicios" que, afirmou, os acabarían levando a achar esa "conexión" coas mensaxes que, censurou, chegaban de "Rusia ou Vietnam", entre outros países.

Paula Prado, secretaria xeral e xefa de campaña do PP, este 17 de xaneiro na sede do partido

As reaccións ao contido das declaracións de Prado e á súa posta en escena foron diversas. Dende a amplificación en medios e perfís de redes máis afíns á formación da dereita á incredulidade ou a hilaridade noutras posicións ideolóxicas ao comprobaren, por exemplo, que entre os perfís sinalados como bots estaba o dun crítico tuiteiro ourensán de carne e óso. Pasando pola análise de Marcelino Madrigal, experto en análise de desinformación nas redes, para quen o suposto informe "é un disparate e demostra ignorancia ou, directamente, ganas de mentir". 

Pero tamén houbo quen lembrou que, cando o electorado acuda ás urnas o vindeiro 18 de febreiro, estarán a cumprirse quince anos doutra campaña electoral galega na que, sen xénero de dúbidas, si existiron intentos de manipulación e campaña sucia. Tamén pola vía dixital, en ningún caso chegadas de afastadas latitudes e cunhas prexudicadas claros: as dúas formacións que optaban a revalidar o Goberno galego, o PSdeG e o BNG.

O accidente de tráfico que nunca existiu

Na campaña de 2009 chegou a ser publicada a noticia da cancelación dun acto do Bloque porque o candidato sufrira un accidente que non sucedera

Así sucedeu, por exemplo, o 25 de febreiro daquel 2009. Na mañá daquel día, o candidato do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, tiña convocado un acto electoral destinado á mocidade no pavillón Fontes do Sar, en Santiago. A primeiras horas da mañá, unha axencia de noticias deu conta da cancelación do evento indicando que Quintana sufrira un accidente de tráfico. Como adoita acontecer, diversos medios de comunicación fixéronse eco da noticia e mesmo a prensa que seguía a caravana electoral do Bloque refixo os seus plans para a xornada.

Touriño e Quintana, en mitins do PSdeG e do BNG durante a campaña electoral galega de 2009 CC-BY-NC-SA PSdeG | BNG

A noticia fora publicada sen que nunca acabase de estar claro quen a puxera a circular, pero o certo é que o accidente nunca existira. O equipo de Quintana apresurouse para aclaralo e o acto acabouse celebrando. Ao rematalo, o candidato nacionalista amosouse convencido de que a mentira xurdira do PP e sinalou directamente a Feijóo

"Por inventar, ata é capaz de inventar un accidente de tráfico para desmobilizar un acto coma este", censurara, responsabilizándoo da "campaña máis sucia e rastreira que se poida lembrar na historia política deste país". Aquel mesmo día un xornal impreso publicaba unha fotografía de Quintana co empresario Jacinto Rey, tomada anos atrás e que en días previos fixera circular un dixital sen apenas audiencia.

Fotos borrosas e insinuacións de violencia machista

Diversos medios de comunicación recibiran unhas fotografías que pretendían implicar a Anxo Quintana nun episodio de violencia machista. Ao tempo, o líder do PP de Ourense insinuaba acusacións de maltratador sobre o daquela vicepresidente e candidato do BNG

Pero houbo máis. Nun tempo no que a penetración das redes sociais non era, nin de lonxe, a da actualidade -Facebook comezara a implantarse en España apenas un ano antes e apenas tres millóns de persoas manexaban en todo o Estado algún perfil de Twitter, fundado había tres anos-, as medias verdades e mentiras completas circulaban por outros camiños dixitais coma os foros ou os correos electrónicos enviados e reenviados.

Un correo electrónico de remitente descoñecido, precisamente, foi o que recibiron naqueles días gran parte das redaccións dos medios de comunicación galegos e tamén varios con sede en Madrid. Contiña como arquivo anexo a imaxe de estragos nun portón de acceso a un garaxe e viña dicir sen proba ningunha que foran causados polo vehículo oficial de Quintana como vicepresidente na súa noutrora vivenda familiar, a modo de agresión contra a súa ex-parella e nai dos seus fillos. As mesmas fotos circularon a través de mensaxes SMS.

Rueda, Feijóo e outros cargos do PP, celebrando a súa vitoria electoral o 1 de marzo de 2009 © PPdeG

Paralelamente, o presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, insinuara nun mitin en Punxín que Quintana exercera a violencia machista no marco de "serios problemas de convivencia". O nacionalista, como vicepresidente, tiña baixo as súas competencias a Secretaría Xeral de Igualdade e na súa xestión destacaran medidas pioneiras como as axudas económicas a mulleres vítimas das agresións de xénero. Segundo o popular, iso era tanto como "pór o rato a coidar do queixo". Quintana e a súa ex-parella quereláranse contra Baltar, que acabou sendo exonerado nos tribunais de Xustiza.

Carteis sen asinar

O PP dera en desligarse daquelas pioneiras fake news e do envío de correos anónimos. Tamén dos panfletos e carteis sen asinar que mesmo boicotearan carteis electorais de PSdeG e BNG

Alén das palabras públicas de Baltar, o PP dera en desligarse daquelas pioneiras fake news, do envío de correos anónimos e de divulgar o accidente que nunca existira. Tamén dos panfletos sen asinar que, nos últimos días da campaña, advertían en diversos puntos da provincia de Ourense  de que, se volvían gobernar, PSdeG e BNG "pódenche quitar as terras e darllas a outros coa excusa de que non as traballas" ou "o goberno do BNG e o PSOE pódenche expropiar a túa casa para darlla a outra persoa, se te ausentas un tempo". 

Igualmente, non admitiran relación ningunha coas bandeirolas que, no primeiro día da campaña, tapaban a propaganda electoral do PSdeG en múltiples rúas e, imitando as cores corporativas dos socialistas, amosaban lendas como Reformarías un despacho por dous millóns de euros? Touriño si. Non premies a crise. Reacciona. A intención daqueles carteis, igual que o de certas accións ligadas ao PP no Facebook unha década despois, era desmobilizar o electorado da esquerda.

Panfleto contra o Banco de Terras difundido na campaña electoral de 2009 e Feijóo, xa como presidente, nun acto do Banco de Terras da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Como é sabido, aquela campaña acabou facéndose moi longa para socialistas e nacionalistas, que a posteriori acabaran admitindo que "infravaloraran" a maquinaria dos conservadores. O BNG perdera un escano pola provincia da Coruña e esa perda fora dabondo para que o PP tivese a maioría absoluta precisa para que Alberto Núñez Feijóo fose investido como presidente. O xefe da campaña do PPdeG, posto que agora exerce Paula Prado, era Alfonso Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.