Unha "trama de manipulación dixital", unha "operación organizada de desinformación" a través de "bots" e dunha "rede de perfís falsos" por todo o mundo "operada con fins electorais". Unha "mafia das mentiras" que o PPdeG di, sen probas, que está "vinculada á oposición" e "ao servizo dela". Do BNG e do PSdeG, aos que a secretaria xeral do partido, Paula Prado, acusa de ser impulsores desa rede "con vontade de dano, para gañar con mentiras e manipulación" mediante a "construción de relatos que non existen co fin de de desinformar e manipular" sobre a crise dos pellets en Galicia.
O PP preséntase como vítima dunha rede organizada de perfís falsos en internet á que vincula a oposición e que presenta como unha "operación organizada de desinformación" sobre os vertidos de granulados plásticos no litoral galego, un "ataque desapiadado coa vontade de confundir a poboación, enganala e desvirtuar a realidade". "Unha rede coordinada desde Madrid que traballa para oposición e contra Galicia", insistiu.
Prado acusa sen probas a BNG e PSdeG de impulsar unha "rede de perfís falsos" e unha "trama de manipulación dixital" sobre a crise dos 'pellets' para prexudicar o PP
Así o explicou Paula Prado, nunha rolda de prensa onde presentou un "informe" que demostraría esa "trama" consistente en "centos de perfís falsos" nas redes sociais "creados cun só obxectivo: desinformar e atacar Galicia, infrinxindo as regras da democracia". Un documento co que, engadiu, o PP logra "desenmascarar unha realidade que todos coñecemos".
"Tiñamos a certeza e non tiñamos dúbidas; hoxe temos probas que detallan unha trama de manipulación dixital vinculada á oposición", chegou a dicir Prado, ante unha pantalla dun power point onde ían aparecendo mapas e perfís en redes sociais. Preguntada logo ata dúas veces se o PP tiña en realidade esas probas de que esa suposta rede de bots estivese relacionada coa oposición, a secretaria xeral asegurou que "hai indicios" e que "cren" que existe ese vínculo. "Atoparemos a conexión e niso estamos", advertiu, logo de aclarar que o labor de busca de perfís falsos fora realizado "cun software de social listening".
Malia advertir dunha "trama vinculada á oposicion" e dunha "rede coordinada desde Madrid", Prado asume que non ten probas, ó "indicios": "Atoparemos a conexión"
Malia recoñecer que o PP non tiña probas desa suposta vinculación dos perfís falsos que denuncia coa oposición, insistiu nesa teoría. "Mentres nós propoñemos medidas como a gratuidade das matrículas universitarias, hai quen non só se dedica a acudir a manifestacións a prol dos presos de ETA, senón que decide gastar tempo nunha organización da mentira e da manipulación",
"É moi sorprendente que haxa persoas sen foto, que chían dese México, que apoian a Pedro Sánchez e critican a maioría do seu tempo o PPdeG", dixo Prado, que advertiu que a asesoría xurídica do partido estaba xa estudando o caso e a posibilidade de remitilo á Fiscalía. Esa rede de bots, engadiu Prado, xunta un lote de perfís que "teñen en común a fronteira da China con Rusia, Bolivia ou o Uruguai", así como "chiar desde Colombia omitindo que vives en París e es andaluz", pero tamén "falar mal de Galicia e de Rueda e defender a oposición". "A mafia das mentiras que hoxe desvelamos", insistiu.
Todo, segundo Prado, co obxectivo de "manipular" e "mentir" sobre a crise dos pellets, no que definiu como unha "operación de covardía e falsidade" que cre que é o que "hai detrás das críticas ao PPdeG e a Alfonso Rueda".
"Un ataque frontal a Galicia e aos galegos", insistiu a secretaria xeral dos populares, que ergueu mesmo algo máis o ton: "Galicia non pode estar en medio de mentireiros e estafadores. Eles teñen os bots e nós, os votos". "Un botafumeiro de bulos e mentiras", rematou.
Ás poucas horas da denuncia de Prado, e a través das súas redes sociais, o BNG respondeu ás acusacións do PPdeG. "O PP da incompetencia, as mentiras e a manipulación agora é tamén o das conspiracións. Están moi nerviosos. E teñen motivo", asegurou a formación nacionalista.