O pasado martes 9 de xaneiro, o Telexornal do mediodía da TVG dedicou os primeiros 18 minutos á crise dos pellets, repartidos en once pezas. Só un día antes, no mesmo espazo, houbo que esperar máis de media hora para a primeira —e única— noticia sobre o tema, de apenas dous minutos. Coincidindo coa elevación do nivel de alerta por parte da Xunta para poder recibir axuda estatal, o principal programa informativo da televisión pública deu un xiro na cobertura do vertido que afecta a costa galega desde hai case un mes.
Defende A Galega e o comité da CRTVG denuncian a "manipulación informativa na cobertura da vertedura dos 'pellets"
As imaxes das informacións céntranse en mostrar persoal uniformado da Xunta ou de Tragsa limpando nas praias, pero non voluntarios, e o tratamento ergueu as críticas de partidos da oposición, de concellos afectados, de cidadanía que acudiu a colaborar na recollida de pellets ou de colectivos de persoal dos medios públicos como Defende A Galega, que vai polas 250 semanas de mobilización contra a "manipulación" na CRTVG e que xa o día 6 de xaneiro censurara o criterio informativo do Telexornal Serán.
"Relega a cobertura do problema ambiental que están a provocar os pellets de plástico no litoral galego ao minuto 31 dun informativo que dura 35 para nin sequera darlle voz ao sector pesqueiro, o Goberno ou as entidades ecoloxistas", denunciara o colectivo que leva máis de cinco anos de protesta.
O persoal mobilizado pide a dimisión do director xeral e clama contra o control político: "Queremos informar e non manipular"
Tan só tres días despois, o comité intercentros da CRTVG anunciou a convocatoria para este xoves 11 dunha concentración do persoal nos centros de traballo "contra a manipulación informativa na cobertura da vertedura de pellets na cota galega". A ela acudiron máis de medio cento de traballadoras e traballadores que reclamaron a dimision do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo.
"Xubilación total para o director xeral", clamou o persoal mobilizado, que berrou consignas tamén como "queremos informar e non manipular" ou mensaxes ao presidente da Xunta: "Rueda atende, a tele non se vende". Tamén en carteis onde se pedía ao xefe do Executivo galego que "saque a man da CRTVG" ou con críticas aos xestores, cualificados como "opresores".
Esta mobilización chega logo de que antes do Nadal a representación dos traballadores e traballadores dos medios públicos apelase ao seu Consello de Administración para deter a "manipulación" e control político a favor do PP e logo de que tamén pedise auxilio á Xunta e ao Parlamento para pór fin ao que consideran un "delirio partidista" que tornou a TVG e a Radio Galega nos últimos anos no "máis eficaz órgano de propaganda do Partido Popular".
As mesmas denuncias de "propaganda" e "manipulación" que chegaron tamén desde algúns concellos e particulares, que denunciaron prácticas semellantes en diferentes praias: a aparición efémera e sen aviso previo ás administracións locais de operarios da Xunta e de Tragsa acompañados de cámaras da TVG en determinados areais, mesmo nalgúns onde non había pellets.
Varios concellos amosaron a súa "sorpresa" pola aparición efémera e sen aviso previo de operarios da Xunta para limpar as praias acompañados de cámaras da TVG
O último dos casos, en Sada, onde o Concello vén de instalar nos areais contedores específicos para depositar os granulados plásticos e que critica, nun comunicado, que a Xunta non lle tivese explicado aínda "como proceder coa limpeza do material" nin ter publicado "recomendación ningunha".
O Concello de Sada recoñécese, ademais, "sorprendido" logo de que "un equipo de dez operarios enviados pola Consellería do Mar aparecesen na praia das Delicias sen comunicalo" e para "proceder á limpeza dun areal sobre o que non se comunicara incidencia ningunha". Tamén critican que os operarios, malia asegurar que irían limpar outros areais, non "confirmasen" que as de Morazón ou Cirro", afectadas por plástico, "fosen as seguintes en ser atendidas" e reclamaron á Xunta "máis coidado co medio ambiente en próximas ocasións".
Os cinco vehículos nos que chegaron os operarios estacionaron directamente na propia praia. "Non é o mellor exemplo a dar dende un organismo público na protección dos nosos areais", di o Concello. Houbo outro máis que aparcou no mesmo lugar e acompañaba os outros: un vehículo da Televisión de Galicia. "Non avisaron ao Concello pero si á TVG", explican fontes presentes no areal nesa xornada
"Gravaron alí, fixeron entrevistas nun lugar onde, obviamente, non ían atopar ningún voluntario porque non había pellets", din as mesmas fontes, que lembran que outras canles gravaron tamén imaxes que agora son empregadas como recurso en varias televisións para ilustrar a limpeza a través dun amplo dispositivo que, segundo estas fontes, recoñeceu que facían "un percorrido por distintas praias".
Eran dez cando o habitual son non máis de catro en cada un dos areais. Un dos entrevistados, identificado pola Radio Galega como "parte da brigada de limpeza de Sada", era Isaac Gómez, subdirector de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta.
Denuncias semellantes chegaron desde outros concellos. O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, asegurou que durante unha visita coa líder do BNG, Ana Pontón, ás praias de Muros, "chegou persoal da Xunta e da TVG para limpar mentres gravaban dez minutos". "Cando a cámara marchou, deixaron de limpar. O Goberno galego debe deixarse de propaganda e poñer medios e recursos", criticaba o pasado 6 de xaneiro.
A propia alcaldesa de Muros, María Lago, denunciou que os operarios apareceron para "recoller as bolsas" do que xa estaba recollido e "sen terse posto en contacto co Concello", polo que non sabían onde se acumulaba o material.
"Ante a chegada da TVG, puxéronse a recoller os pellets", engadiu a rexedora, que denunciou que os catro operarios non trouxeran "material" para a recollida e que, segundo dixo, marcharon "inmediatamente despois de que marchasen as cámaras". "Dez minutos de reloxo e un titular para abrir os informativos", engadiu.