Jesús Gago é investigador, oceanógrafo químico e coordinador dos traballos en lixo mariño do Instituto Español de Oceanografía (IEO). Desde o Centro Oceanográfico de Vigo, o equipo que el dirixe investiga xa a composición dos pellets que, nos últimos días, chegaron á ría de Vigo e desde hai semanas a numerosos areais e zonas de costa de toda Galicia.
"Que non sexan tóxicos non quere dicir que non sexan un problema", explica en conversa con Praza.gal sobre os granulados de polietileno que analizan no IEO e á espera dos resultados que aclaren que aditivos conteñen esas bóliñas, a clave para determinar o grao de toxicidade e de contaminación que poden supor.
"Hai que fiar fino; que os informes preliminares digan que non son tóxicos refírese a que non están clasificados como materiais tóxicos en comparación con outros, polo que puidemos saber ata o de agora, pero iso non quere dicir que non sexan problemáticos", insiste Gago, membro do equipo do IEO que se dedica á análise de microplásticos e lixo nos mares.
"Que sexan tan accesibles polo seu pequeno tamaño crea máis problemas; peixes e aves pódenos confundir con alimentos", explica Gago
O investigador advirte que o feito de que o vertido sexa de bóliñas de plástico pequenas, duns tres milímetros de diámetro, fai máis fácil que sexan inxeridos por peixes ou aves, "que os poden confundir con alimento". "Poden acumularse no estómago, producirlles asfixia... Que sexan tan accesibles polo seu pequeno tamaño crea máis problemas", asegura.
Ademais, asegura que, ao igual que os pellets poden acabar incluídos na cadea trófica de especies animais, tamén poden acabar chegando aos humanos co paso do tempo, ao irse degradando e "mesmo filtrarse en mexillóns ou ameixas".
Preguntado polo balbordo político derivado ou as contradicións e leas entre administracións tras a aparición dos vertidos, Gago prefire "non meterse". "Como foron chegando en pequenas ondadas que se ían atopando, se cadra ao principio non xerou moita alarma entre as administracións nin a nivel social ata que apareceron máis cantidades e estoupou todo", explica sobre uns granulados de plástico que tardan centos de anos en degradarse.
"Hai estimacións de ata 500 anos nalgúns casos, pero iso depende de moitas cousas: do medio no que se atopen, da temperatura que soporten... Hai moitos factores, pero non é raro que estes plásticos que acaban de chegar ao medio tarden 100 ou 200 anos en desintegrarse", explica.
"Os 'pellets' son a punta do iceberg porque son o que se ve, pero hai moito máis. No fondo do mar hai todo tipo de plásticos, bolsas, botellas, redes..."
Ademais, e respecto á maior ou menor afectación no medio ambiente polo feito de que haxa unha acumulación importante de pellets nalgunhas praias, Jesús Gago explica que, "no caso de que se cree unha capa tupida, tamén poden provocar a morte de bivalvos".
"En mar aberto tamén son un problema porque a súa afectación varía segundo o medio no que se atopen, pero xerar xeran problemas, claro que o fan", conclúe quen, con todo, advirte que o vertido que está a chegar a Galicia nas últimas semanas "é a punta do iceberg".
"É a punta do iceberg porque é o que se ve, pero hai moito máis que non está á vista. No fondo do mar hai todo tipo de plásticos, bolsas, botellas, redes...", conclúe.