O Estado pasa as facturas da recolleita dos 'pellets' ao armador do Toconao

'Pellets' na praia de Area Maior en Louro (Muros) o pasado 16 de xaneiro CC-BY-SA Praza.gal

A principios de decembro do pasado 2023 o buque de bandeira liberiana Toconao perdeu a súa carga fronte ás costas de Galicia e Portugal. Entre as súas mercadorías destacaban algo máis de 26 toneladas de péllets de plástico, o pequeno granulado empregado como materia prima para toda caste de produtos que comezou a chegar pouco despois ao litoral do país.

A 'crise dos péllets' virou decontado en crise política en plena precampaña. A Xunta pasara de minimizala a culpar o Estado e afirmara que prevía litigar para que o Goberno de España reclamase aos propietarios do barco máis de 2 millóns pola limpeza

Nun contexto preelectoral, a crise dos péllets virou decontado en crise política. Entre reflexos da catástrofe do Prestige, a Xunta activou o seu plan anticontaminación un mes despois do inicio da vertedura, optando inicialmente por rebaixar a importancia do incidente para, semanas despois, deitar a responsabilidade no Estado. Ao tempo, o Goberno galego moveu na busca de 'pellets' só o 40% dos barcos e helicópteros que dixo estar a utilizar -como revelou Praza.gal- e o PP asegurou ser vítima dunha "trama de manipulación dixital" sobre o asunto da que acusa sen probas a BNG e PSdeG

Operarios contratados pola aseguradora da armadora do buque Toconao, apañando péllets na praia de Area Maior (Muros) o pasado 16 de xaneiro CC-BY-SA Praza.gal

Unha vez pasadas as eleccións que deron aos populares a quinta maioría absoluta consecutiva, a Xunta fixo balance centrándose na crítica ao Goberno de España. E anunciando, asemade, que iría aos tribunais para instar o Estado a a reclamar ao armador do Toconao o custo dos labores de limpeza, que a daquela vicepresidenta Ángeles Vázquez, quen continúa como conselleira de Medio Ambiente, cifrou en algo máis de 2 millóns de euros. A reclamación de cantidades, cando menos as dos labores exercidos directamente con medios estatais, xa está en marcha.

Nunha resposta a Sumar no Congreso o Goberno de España confirma que ten aberto un "procedemento de responsabilidade por contaminación" e xa remitiu as facturas dos gastos que tiveron que asumir Transición Ecolóxica e Sasemar por limpar praias e tentar albiscar 'pellets' dende o aire, aínda que evita revelar a contía

Nunha resposta parlamentaria ao deputado de Sumar pola Coruña, Manuel Lago, chegada ao Congreso o pasado 15 de novembro e comunicada oficialmente este día 25, o gabinete de Pedro Sánchez confirma que a Dirección Xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Transportes, ten encomendada a "reclamación" por estes custos. Concretamente, dos gastos de "limpeza das costas" e "dos labores continuados de intentos de albiscar a carga extraviada dende o aire", nos que incorreron o Ministerio para a Transición Ecolóxica e Salvamento Marítimo, respectivamente.

Ambos departamentos, agrega a resposta, elaboraron "un primeiro documento que recolleu a contía global dos danos", que o documento non reflicte, e "un índice de facturas que os xustifique". No marco dun "procedemento de responsabilidade por contaminación" abeirado na Lei de Navegación Marítima, o Estado xa remitiu as facturas ao armador do Toconao para que "alegue o que considere oportuno", tendo en conta, subliña, "que colaborou en todo momento contratando dúas empresas para as limpezas das praias".

'Pellets' recollidos nunha praia galega CC-BY-SA Greenpeace Galicia

A compañía armadora, pola súa banda, "solicitou unha serie de aclaracións". Unha vez respondidas, terá aínda a marxe legal habitual para "formular alegacións aos importes" e o Ministerio e Salvamento Marítimo "tomarán a decisión definitiva sobre a contía" na correspondente resolución. Contra ela aínda habería marxe para recorrer ou mesmo ir aos tribunais, o que podería derivar en que pasasen anos ata que o Estado recuperase o gastado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.