"Puido haber fallos, pero moitos máis polo outro lado [do Goberno central], que por parte da Xunta de Galicia". Foi a única concesión da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, sobre a xestión da crise dos pellets. Eximiu de calquera responsabilidade á Xunta, cargándoa toda no Estado, ao que acusou de ser un "mero espectador", de "poñer escusas", de "desinformar" e mesmo de saltar a lei por, supostamente, non ter aplicado todos os mecanismos legais para loitar contra os vertidos de granulados de plástico, non activar o plan nacional contra a contaminación e non ter actuado no mar desde que se coñeceu a perda dos contedores no buque Toconao.
Vázquez botou balóns fóra e atribuíu a contaminación ás praias galegas a que "os avisos", por parte do Goberno central, "tardaron en chegar", o que provocou que non se puidese "evitar a chegada de sacos". A conselleira acusou o Estado de "escurantismo", de "minimizar" o problema e de "poñer escusas" para non actuar, unha actitude que atribúe ao intento de sacar "rédito electoral" e a un "trato diferencial", acusando o Executivo de Sánchez de beneficiar unhas autonomías sobre outras.
A conselleira Vázquez acusa o Goberno central de ser un "mero espectador", de "poñer escusas", de "desinformar" e mesmo de saltar a lei para non actuar
A vicepresidenta segunda da Xunta insistiu na necesidade de actuar no mar para recoller os sacos e asegurou que descoñecía se había medios aéreos e marítimos actuando, unha medida que se acordou este xoves na reunión do Camgal, como lembrou o delegado do Goberno en Galicia. Pedro Blanco advertiu este venres que os avións e embarcacións despregados en Galicia conclúen que é "moi difícil ou practicamente imposible" localizar sacos de pellets no mar. Ademais, segundo lembrou hai días o Ministerio para a Transición Ecolóxica, desde hai semanas realízanse voos de recoñecemento para intentar atopar granulados, co mesmo resultado negativo.
A conselleira Vázquez abriu a porta a reforzar con medios estatais a recollida dos plásticos en terra, aínda que a Delegación de Goberno aclarou aínda o xoves que a Xunta consideraba suficientes os que xa tiña. As condicións meteorolóxicas que se agardan para a fin de semana e a posible chegada de máis plásticos provoca que o Goberno galego se abra agora a contar con reforzos.
Precisamente, Ángeles Vázquez detallou que o operativo de 300 persoas da Xunta, que actúa en 55 praias de máis de 30 concellos nesta altura, retirou xa o equivalente a case 72 sacos de pellets e case 1.200 quilos de plásticos doutra natureza. Ademais, anunciou que o Goberno galego creará un comité de expertos para vixiar a longo prazo os efectos dos granulados no ecosistema e "reclamar os danos" futuros.
Vázquez recoñece que Salvamento informou antes de Nadal de que os pellets podían vir de contedores perdidos e que entre o 13 e o 4 de xaneiro tres concellos alertaron dos plásticos
Aclarouno nunha intervención na que, malia os intentos de rebaixar a tensión, cargou con dureza contra o Goberno central e a oposición, aos que acusou de "mentir" e cualificou como "cómplices de Sánchez".
No seu repaso cronolóxico da crise, insistiu en que o Executivo central tardou "case un mes" en comunicar á Xunta a información necesaria, ata o 3 de xaneiro. No entanto, acabou por recoñecer que Salvamento Marítimo informou ao 112 o 24 de decembro que se rexistraran "varias incidencias" por localización de plásticos que podían ter "relación" co buque que "podería ter perdido" contedores no mar.
Tamén asumiu que o 13 de decembro se recibiron os primeiros avisos de pellets nas praias no 112 e xustificou que daquela non se activase dispositivo ningún en que o servizo de emerxencias recibe 1.500 chamadas anuais sobre residuos do mar en terra. Ademais, recoñeceu que desde o 13 de decembro e ata o 4 de xaneiro recibiron tamén avisos dos concellos de Ribeira, Muros e Porto do Son.
Malia non ter aprobado o Camgal ata o día 3 de xaneiro, Vázquez asegurou que se fixo ese día porque foi "cando se tivo coñecemento" da crise. "Nin antes, nin despois", aclarou.
Pontón (BNG) acusa a Xunta de actuar de xeito "irresponsable, incompetente e prepotente"
Desde a oposición, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, criticou a ausencia de Rueda e acusou a Xunta de "repetir o argumentario de falsidade e mentiras" desde hai días e de actuar de maneira "irresponsable, incompetente e prepotente", ademais de levar a cabo "unha campaña de lavado de cara utilizando os medios públicos".
Pontón preguntouse como é posible que a Xunta tardase semanas en activar o plan de emerxencia cando particulares ou técnicos de Medio Ambiente da Administración autonómica "xa avisaran aos seus superiores" coa chegada dos primeiros sacos. E acusou o Goberno galego de repentinos cambios de opinión. "Só buscan a quen botar as culpas", dixo, tras preguntarse por que non se activaron os medios aéreos e mariños dos que dispón a Xunta mentres se pide ao Estado que os poña en marcha.
Torrado (PSdeG) pide "o cese ou a dimisión" de Vázquez e do conselleiro do Mar; o PP acusa a oposición de "contaminación informativa" e gaba a "actuación responsable" da Xunta
Desde o PSdeG, o deputado Julio Torrado pediu "o cese ou a dimisión" de Vázquez e mais do conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e acusou a Xunta de ser "responsables de mentir e enganar" e de "provocar un caos". "Ninguén sabe que fan", asegurou, tras advertir de que o Goberno galego "non fixo casos dos avisos" e "minusvalorou" a crise ata que empezaron a "dicir cousas distintas en función de a quen culpar". "Os bandazos que dan son inaceptables".
Pola súa banda, Alberto Pazos, portavoz parlamentario do PP, gabou a "actuación responsable da Xunta fronte á inacción do Goberno central", ao que acusou de levar "35 días sen tomar unha soa medida". Ademais, acusou a oposición de "contaminación informativa" e de impulsar unha "marea de desinformación e de fake news" para "sacar rédito a costa de Galicia" nunha "noxenta campaña".