Dos 'okupas' e os lobos aos 'pellets': Rueda defende a "valía" da vicepresidenta Vázquez, cara política da crise

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, nunha das súas comparecencias na crise dos 'pellets" CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente desbota destituír a Ángeles Vázquez, titular de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, significada desde hai anos por unha axenda aliñada cos intereses electorais do PP

"Pensou en destituír a conselleira de Medio Ambiente?", foi a pregunta, e a resposta este xoves do presidente da Xunta non deixou lugar a dúbidas: "Creo que está facendo un magnífico labor, nas crises vese a valía, e eu xa a sabía". Así avalou este xoves Alfonso Rueda á súa vicepresidenta segunda e titular de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, rostro político da actual crise dos pellets e significada desde hai anos pola súa axenda aliñada cos intereses electorais da banda máis á dereita do PP mediante a focalización dos problemas da vivenda e do agro nas ocupacións ilegais e os lobos.

Vázquez vén sendo a encargada de protexer o propio Rueda, dando ela a cara en múltiples entrevistas e declaracións nos medios de comunicación con mensaxes como que os pellets non son tóxicos e mesmo que son aptos para uso alimentario, ou negando demoras en aumentar o nivel de alerta para solicitar axuda estatal. Tamén é a vicepresidenta quen, este venres, comparece na Deputación Permanente do Parlamento "para informar sobre a situación do litoral galego tras a perda da carga do mercante Toconao fronte á costa portuguesa", comparecencia coa que o Goberno do PP substitúe a que esixía a oposición, a do propio Rueda.

Ángeles Vázquez, á esquerda de Rueda, nunha das reunións do plan de loita contra a contaminación da Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

En toda crise o máximo responsable dun goberno adoita reservar as súas intervencións a momentos puntuais, presidenciais, para dar as boas novas ou presentarse como un líder de equipos, mentres que o desgaste político é habitual que o tente asumir outra persoa. Así sucedeu, por exemplo, durante a crise do Prestige con Mariano Rajoy ou Arsenio Fernández de Mesa. Ou, máis recentemente, cos conselleiros de Sanidade que tiveron que afrontar dende a Xunta a pandemia da COVID, Jesús Vázquez Almuíña e Julio García Comesaña.

A aplicación dese manual por parte do Goberno galego na actual crise dos pellets está dando ese protagonismo a Vázquez ante o órgano que substitúe o pleno do Parlamento, xa disolvido pola convocatoria das eleccións do 18F, e nas aparicións mediáticas que o gabinete popular veu multiplicando nos últimos días. Á espera do seu discurso ante a Cámara, nos últimos días Vázquez centrouse en descargar a responsabilidade no Goberno de España, ao que atribúe un "traballo nulo" durante "un mes e dous días" e esixe "frear a sangría da chegada dos pellets a Galicia". 

Nesa liña insistiu, por exemplo, no programa Hoy por hoy da Cadena SER o pasado 10 de xaneiro, onde deu en defender con dificultade as razóns que levaron a Xunta a demorar a activación do nivel de alerta preciso para, precisamente, propiciar a intervención do Estado. Porque o Executivo do PSOE e Sumar, acusa, non "exerce as súas competencias no mar" mentres a Xunta "está ao lado da xente do mar, dos municipios e velando polo medio ambiente". 

Respostas da vicepresidenta Vázquez na Cadena SER sobre a crise dos 'pellets'

Xornalista, alcaldesa, conselleira, vicepresidenta

Vázquez, nacida en Melide en 1972, é licenciada en Xeografía e foi xornalista na radio municipal da súa vila, onde foi alcaldesa entre 2004 e 2007 e novamente entre 2011 e 2015. Ese ano Feijóo fíxoa conselleira de Medio Rural, cargo no que estaría ata 2018, cando pasou a ser conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. E coa reestruturación da Xunta que Feijóo obrigou a facer a Rueda coa súa candidatura á presidencia do Goberno de España, o pasado xuño pasou a ser ademais vicepresidenta segunda.

Vázquez chegou a admitir que carecía de "datos reais" sobre o problema das ocupacións en Galicia pero asegurou que percibía unha "sensación" de "impunidade"

Nese ascenso a cúpula do partido tivo en conta, fronte a outros conselleiros e conselleiras, os méritos feitos co seu acentuado perfil político e partidario, demostrado na súa axenda pública ao longo destes anos. En materia de vivenda unha das principais liñas de actuación da conselleira é a súa loita persoal contra as ocupacións ilegais.

Este é un problema menor en Galicia segundo os datos oficiais en comparación cos desafiuzamentos ou coas dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda digna. Ela mesma chegou a admitir que carecía de "datos reais" sobre o problema das ocupacións en Galicia, pero asegurou que percibía unha “sensación” de “impunidade”. 

Ángeles Vázquez entregando ela mesma as chaves dunha vivenda protexida á súa adxudicataria nunha imaxe difundida pola propia Xunta pouco antes das eleccións galegas de 2020 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Nesa campaña contra as ocupacións, o seu departamento encargou informes ad hoc ou financiou un consultorio para asesoramento a persoas afectadas que apenas vén tendo uso. Porén, non foi ata os últimos meses, coa chegada de fondos europeos a través do Goberno de España, que o seu departamento comezou a impulsar a construción de vivenda protexida. Unha actividade que se reducira ao mínimo durante a década anterior, o que non impediu a Vázquez ser ela a que entregase en persoa, mesmo en períodos preelectorais, chaves de vivendas ás persoas con dereito a elas.

Vázquez entregou en persoa chaves de vivendas públicas en períodos preelectorais e publicitou no Club Náutico de Sanxenxo axudas para reformas salientando que "tamén son para segundas residencias"

Vázquez mesmo chegou a presentar en persoa no Club Náutico de Sanxenxo as axudas do seu departamento para reformar vivendas salientando que "tamén son para segundas residencias", poñendo o foco nun tipo de propiedade moi habitual nesa vila turística controlada polo PP.

Na outra gran área competencial da consellería, o medio ambiente e a ordenación territorial, Vázquez vén priorizando as reunións con organizacións patronais ou cazadores fronte a outros colectivos. Na pandemia da COVID-19 a caza foi unha das actividades que a Xunta exceptuara do confinamento xeral da poboación. E o seu apoio á mesma vén quedando claro ao ser ela e non o conselleiro de Medio Rural a máis implicada na campaña da Xunta en contra dos lobos como suposta principal ameaza do agro galego. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, ao asinar en novembro a incorporación de Ence á Alianza galega polo clima CC-BY-SA Xunta de Galicia

Igual que ocorreu coas ocupacións, cando primeiro se alertou desde a Xunta do suposto problema e despois se encargaron os informes para avalar a súa postura, tamén no caso do lobo a conselleira de Medio Rural defendeu a súa caza malia non ter datos actualizados do estado da súa poboación en Galicia. Pola contra, a Xunta mantén desde hai unha década paralizada a ampliación e mellora da xestión da Rede Natura 2000 malia reiterados apercibimentos da Comisión Europea.

Vázquez vén de incorporar a Ence, que ocupa terreos gañados á ría de Pontevedra e aposta polo monocultivo de eucalipto, a un pacto polo clima que di apostar pola "integridade" do mar e "a protección da biodiversidade" 

A súa estratexia de publicitar en persoa determinadas políticas aliñadas cos votantes máis conservadores tivo en abril de 2021 un exemplo paradigmático na presentación dunha actuación tan aparentemente afastada do ideolóxico como as axudas que a Xunta outorga desde hai anos para a conservación de árbores ou xardíns senlleiros. Naquela edición foron parar a 11 particulares e 5 concellos, pero de todos os beneficiarios Vázquez decidiu, para visibilizalas, realizar un acto nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, que foi propiedade do militar golpista Alfonso Armada e agora dos seus herdeiros.

Hai apenas dous meses a propia Vázquez escenificou en persoa a incorporación de Ence, a empresa cuxa fábrica ocupa terreos gañados ao mar na ría de Pontevedra e que impulsa o monocultivo do eucalipto, a un pacto polo clima coa Xunta que di apostar pola "integridade" do mar e "a protección da biodiversidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.