A Comisión Europea decidiu abrir un novo procedemento de infracción a España, á que vén de enviar unha carta de emprazamento "por ter incumprido coas obrigas" para completar a súa Rede Natura 2000. Así o vén de advertir nun comunicado no que o órgano executivo da UE alerta de que o Estado "non propuxo nin transmitiu unha lista exhaustiva de Lugares de Importancia Comunitaria (LIC)", xa que "o número, o tamaño e a localización" dos que achegou, así como "as especies e hábitats protexidos neles non son suficientes".
Este novo expediente aberto a España enmárcase nun proceso que vén de lonxe e que abrangue toda unha serie de incumprimentos e eivas por parte de varias comunidades autónomas, entre elas Galicia, que apenas ten cuberta como Rede Natura un 12% do seu territorio fronte ao 27% de España. Sendo, ademais, o territorio do Estado con menor superficie protexida tras Melilla e o que menos aumentou a súa Rede Natura desde 2004.
A Comisión abriu un novo procedemento de infracción a España por "non ser suficientes" as zonas, especies e hábitats a protexer
De feito, hai só dous meses, a Comisión Europea confirmaba que a xestión da Xunta neste ámbito "non cumpre os requisitos" comunitarios. Facíao en resposta a BNG e PSdeG, na que advertía que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non se adaptaba ao esixido pola UE nin fixaba "obxectivos e medidas de conservación detallados e específicos", tal e como marca a normativa comunitaria.
A UE insistía en xullo en que Galicia non está a xestionar correctamente os seus espazos protexidos. Esa era unha das razóns pola que mantiña —e mantén— aberto desde hai anos un procedemento de infracción contra España que a Comisión Europea "segue de preto". Agora, envía outra carta de emprazamento ao Goberno español, ao que dá "dous meses" para responder e "emendar as deficiencias" que lle sinalou. "En ausencia dunha resposta satisfactoria, a Comisión podería decidir un ditame motivado", paso previo a entrar nunha fase contenciosa no Tribunal de Xustiza da UE e solicitar sancións.
Hai dous meses, a Comisión insistía en que a protección da Rede Natura por parte da Xunta "non cumpre" cos requisitos comunitarios
A Comisión lembra a España que en virtude da Directiva sobre os hábitats, os Estados membros propoñen os LIC para, nun prazo de seis anos, designalos como Zonas Especiais de Conservación (ZEC) e "establecer obxectivos e medidas de conservación para manter ou restablecer as especies e hábitats protexidos" co fin de "alcanzar un estado de conservación favorable a nivel bioxeográfico". Son, lembra, "requisitos esenciais para protexer a biodiversidade no conxunto do territorio da Unión" e tanto o Pacto Verde Europeo como a Estratexia sobre a biodiversidade ata 2030 indican que "é fundamental que a UE poña fin á perda de biodiversidade e que a protexa e restableza".
Pero España non fixo o suficiente, nin en canto ao número e tamaño de zonas a protexer nin no que ten que ver coas especies e hábitats a coidar. Galicia, un dos territorios menos ambiciosos e con menos espazos protexidos, tampouco.
Xa en 2004, a UE considerou que determinados tipos de hábitat e especies non estaban correctamente protexidos pola insuficiente cobertura que lles daban diversos Estados europeos nos seus escasos espazos delimitados como Rede Natura 2000. En Galicia a Xunta presentou en 2011 unha proposta de ampliación da rede, pero nunca a chegou a aprobar, e despois aprobou en 2014 un Plan Director da Rede Natura existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade. Así que a Comisión abriu un procedemento de infracción contra España, con cartas de emprazamento inicial e complementaria en 2015 e 2020, pero sen éxito de momento no que respecta a que a Xunta xestione e protexa mellor a Rede Natura.
Neste contexto o pasado maio Ana Miranda, eurodeputada do BNG, e Nicolás González Casares, eurodeputado do PSdeG, formularon diversas preguntas sobre a cuestión á Comisión Europea. A nacionalista insistiu en se a Comisión considera que o plan da Xunta para a Rede Natura cumpre os obxectivos comunitarios de conservación, se ten información sobre que medidas está a adoptar o Goberno galego e en que situación se atopa o procedemento de infracción contra España por ese motivo.
A Xunta criticou as políticas conservacionistas da UE, ás que atribúe a morte do rural, pero a Comisión di que son para facer compatible a biodiversidade e as "esixencias económicas"
Pola súa banda, o socialista, tras as declaracións de altos cargos da Consellería de Medio Rural atribuíndo a morte do rural e os incendios forestais ás políticas de conservación da UE, en liña cos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático, preguntou á Comisión pola súa valoración sobre esas declaracións e sobre que medidas se están a adoptar no marco do expediente de infracción contra España.
As respostas da Comisión Europea, asinadas en ambos casos polo comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, reiteraron que "o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos da Directiva sobre os hábitats con respecto ás zonas de especial conservación de Galicia".
O responsable europeo lembraba que o procedemento de infracción "en curso" contra España foi aberto "pola falta de fixación de obxectivos de conservación suficientemente detallados para cada lugar e de medidas de conservación cuantificadas para zonas especiais de conservación en varias rexións, incluída Galicia". E remata sinalando que a Comisión "segue de preto" o que está a facer España para dar resposta aos requirimentos formulados desde Bruxelas.
Sinkevičius tamén insistía en que a normativa comunitaria busca a compatibilidade entre a conservación da biodiversidade e "as esixencias económicas, sociais, culturais e rexionais" para "acadar o obxectivo xeral dun desenvolvemento duradeiro". E advertía que a Comisión "está supervisando" os avances no marco do procedemento de infracción a España, que só dará por rematado "unha vez que se cumpran as disposicións pertinentes da Directiva sobre os hábitats".
Mentres, a Xunta segue sen concretar os pasos que se lle reclaman mesmo de xeito unánime no Parlamento de Galicia. En maio de 2021, o PPdeG, ante unha das reiteradas peticións de BNG e PSdeG para que se amplíe a Rede Natura, acabou votando a favor na Cámara galega. “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”, dicía aquela proposición non de lei. Máis de dous anos despois, a Xunta aínda non atendeu o que lle pediu mesmo o PPdeG.