O Plan Director de Rede Natura 2000 de Galicia, aprobado este xoves polo Consello da Xunta e que entrará en vigor o vindeiro martes, rexe os usos permitidos, autorizables ou prohibidos nos espazos de maior valor ecolóxico e ambiental. O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, cualificouno como “o logro ambiental mais importante dende 1992, cando se creou a Rede Natura”. Porén, por debaixo desa aparencia de "falsa protección ambiental", en palabras de ADEGA, as forzas de oposición e os colectivos ecoloxistas ven neste documento a porta aberta para a "especulación" económica e a destrución do territorio, mesmo nestes espazos de especial protección.
ADEGA denuncia que o documento fai "regra" do que debería ser unha excepción, considera como permitido "o que debera ser autorizábel" e como "autorizábel o que debera estar prohibido", co obxectivo de "baleirar de contido as proteccións ambientais", "pontear a Directiva de Hábitats" e "arrogarse a potestade de autorizar discrecionalmente calquera cousa".
ADEGA denuncia que o documento fai "regra" do que debería ser unha excepción, considera como permitido "o que debera ser autorizábel" e como "autorizábel o que debera estar prohibido", co obxectivo de "baleirar de contido as proteccións ambientais"
O Plan Director modifica a delimitación dos distintos niveis de protección. O Goberno galego recorta a só tres as zonas (protección, conservación e uso xeral), prescindindo da zona de reserva para os territorios cos máximos valores ou necesidades de conservación en función da presenza de hábitats e especies raras, fráxiles, de grande singularidade ou moi ameazadas. Ademais, a Xunta fusiona as zonas de uso restrinxido coas de uso moderado recollidas na proposta de plan director de 2008, denominando esta área como área de conservación. Na práctica, redúcese case á metade a superficie que goza dunha protección especial: na proposta de 2008 as zonas de uso restrinxido e uso moderado sumaban o 67,6% do territorio da Rede Natura Galega. No Plan Director aprobado esta semana a área de conservación só abrangue o 26,4%.
Na proposta de 2008 as zonas de uso restrinxido e uso moderado sumaban o 67,6% do territorio da Rede Natura Galega. No Plan Director aprobado esta semana a área de conservación só abrangue o 26,4%
No resto das áreas da Rede Natura, case tres cuartas partes do total, a Xunta permitirá ou autorizará a discreción actividades non tradicionais, malia a presenza de hábitats prioritarios. Practicamente barra libre: Plantacións de eucaliptos, queimas de montes, caza, ralis, introdución de especies exóticas ou transxénicas poden ser declaradas pola Xunta "compatibles" cos obxectivos de conservación destes espazos. Nin sequera quedan excluídos os parques eólicos, encoros e minas, xa que se permitirá unha ampliación de facto a través da "actualización" de licencias. De feito, o Plan Director inclúe a declaración de uso autorizable de “construcións destinadas ás actividades extractivas establecidas no momento de entrada en vixencia do presente Plan, incluídas as explotacións mineiras, as canteiras e a extracción de áridos ou terras, así como os seus establecementos de beneficio e actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, extensión e destino da finca ou explotación do recurso natural".
Nin sequera quedan excluídos os parques eólicos, encoros e minas, xa que se permitirá unha ampliación de facto a través da "actualización" de licencias. Mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, será posible en espazos da Rede Natura
É dicir, minas, canteiras ou parques eólicos xa existentes en zonas da Rede Natura poderán estender a súa superficie e impacto, legalizando mesmo os que neste momento non contan con autorización. Tamén se permitirán en toda a Rede Natura as instalacións de producción acuícola. A maiores, o Plan permite o cambio de clasificación de solo rústico protexido a urbanizable, en consonancia tamén coa filosofía da nova lei do solo que pretende aprobar. Mesmo a minaría a ceo aberto, en teoría prohibida, será posible en espazos da Rede Natura, xa que fican excluídas da prohibición non só ás explotacións xa outorgadas senón tamén ás solicitadas.
Máis reaccións
"Feijoo aposta unha vez máis por un modelo terceiromundista da destrución ambiental e o espolio dos nosos recursos naturais, cando o camiño debera de ser a potenciación e a explotación sostible de ditos recursos"
AGE sinalou este venres nun comunicado que "Feijoo aposta unha vez máis por un modelo terceiromundista da destrución ambiental e o espolio dos nosos recursos naturais, cando o camiño debera de ser a potenciación e a explotación sostible de ditos recursos. Trátase polo tanto dun brutal ataque aos espazos protexidos co que o Partido Popular abre a porta e alenta á destrución total do noso territorio co único obxectivo de que as grandes empresas sigan enchendo os seus petos a costa de arrasar con Galiza".
Pola súa banda, ADEGA conclúe que con este Plano Director, a Xunta "consagra a discrecionalidade, a arbitrariedade, o clientelismo e a especulación na xestión do noso patrimonio natural máis valioso e transforma a Rede Natura nun polígono industrial para beneficio dos especuladores amigos do poder, en prexuízo da poboación local e do uso sustentábel destes espazos".
A comunidade autónoma con menor superficie protexida
Galicia é a comunidade autónoma cunha menor superficie integrada na Rede Natura, cun 15% do espazo total
O novo Plan Director baleira de contido e inhabilita boa parte da protección da que contaban boa parte dos espazos da Rede Natura 2000. Cómpre salientar, ademais, que Galicia xa é a comunidade autónoma cunha menor superficie integrada na Rede Natura, cun 15% do espazo total. A media do Estado español sitúase por riba do 28%, con todas as autonomías, agás Galicia, por riba do vinte por cento. As illas, Canarias e Baleares, son as que contan cunha meirande proporción de superficie protexida, pero no resto das rexións a superficie media rolda o 30%, o dobre que Galicia. A pesar de todo isto, este venres Agustín Hernández asegurou que ampliar a Rede Natura "non é un obxectivo a curto prazo" para o Goberno galego.
Adega criticou en 2011 o plan de ampliación da Rede Natura (do 12 ao 15 por cento da superficie) por "non contar con suficientes corredores ecolóxicos que conecten os LICs". Na súa análise, Fins Eirexas sinalaba que "no noso país, a presenza dunha extensa rede fluvial e de serras que limitan distintas unidades xeográficas, debería ter sido aproveitada para o establecemento destes corredores. De paso, acadarían máis representación os tipos de hábitats cuxa insuficiencia foi reiteradamente sinalada pola Comisión Europea: as turbeiras e os queirogais húmidos da rexión bioxeográfica atlántica".