O conselleiro de Medio Rural di que as esixencias ambientais europeas van “acabar coa agricultura e gandería” e hai uns meses o director xeral desas áreas aseguraba ao sector que o seu “inimigo” non é a Xunta senón “o ministerio”, “Europa” e “os animalistas”
Foron actos pequenos, no rural, nos que os altos cargos da Xunta non estaban en principio sometidos ao escrutinio dos medios de comunicación e falaron aparentemente sen cancelas. Pero as súas intervencións acabaron transcendendo, agora a través dun vídeo colgado na conta de Facebook do PP de Sandiás e recollido por Público, ou hai uns meses grazas a unha longa crónica da web especializada Campo Galego dun encontro co sector celebrado en Friol. Neses actos o conselleiro de Medio Rural, José González, e o seu director xeral de Agricultura e Gandería, José Balseiros, evidenciaron a estratexia do PP de tentar reter votos no rural, a base do poder popular, presentando a UE, o ecoloxismo e mesmo a poboación das zonas urbanas como o “inimigo” que vai “acabar” coa gandería e a agricultura.
O pasado decembro, no marco das protestas de produtores ecolóxicos pola falta de fondos da Xunta para o sector, o director xeral de Agricultura e Gandería, José Balseiros, que foi alcalde de Cerdedo polo PP entre 2005 e 2016 e home forte do partido no sector agrogandeiro, participou en Friol nun encontro co sector no que a inicial xustificación das actuacións do Goberno galego acabou derivando nun ataque directo á Unión Europea, o ecoloxismo e en xeral o mundo urbano.
Segundo Campo Galego, naquel encontro Balseiro, falando como alto cargo do Goberno galego, dixo aos presentes que coas súas críticas á Xunta estaban a atacar “a quen vos defende”. “Pensades que o voso inimigo somos nós? O inimigo tédelo en dous sitios, o Ministerio de Transición Ecolóxica e en Europa, onde teñen un descoñecemento absoluto da vosa realidade, xa veredes o que vén aí”, dixo.
"Se non houbese circunscricións electorais provinciais, xa estarían no Parlamento", dixo en decembro o director de Agricultura e Gandería facendo ver ao sector que lle interesa que o PP siga a ter elevadas cotas de representación
O responsable de agricultura e gandería da Xunta asegurou, sempre segundo a crónica de Campo Galego, que “nas contornas urbanas estórbanlles as bostas das vacas; os vosos inimigos son os animalistas”, situación ante a que pediu aos presentes actuar a través das eleccións. “É unha onda que vén e que hai que tentar parar como sexa, porque se non houbese circunscricións electorais provinciais, xa estarían no Parlamento”, dixo, facendo ver implicitamente que o que interesa a agricultores e gandeiros é que o PP siga a ter elevadas cotas de representación e que “combater” aos seus inimigos “é moito máis importante” que a escaseza de axudas da Xunta.
Nesa intervención Balseiros asegurou que “as esixencias ambientais que marca Europa fan que a produción marche fóra” e que segundo a súa visión “Europa está cavando a súa propia tumba, tal como está facendo as cousas, porque revestir todo de ecoloxismo desde un despacho está ben para os urbanitas, pero está acabando coa produción e levando ao abandono ao medio rural”.
Exactamente nesa mesma liña pronunciouse hai uns días, segundo vén de revelar un vídeo colgado polo PP de Sandiás do que se fixo eco Público este mércores, o propio conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez. “O que temos que ter en conta é que os requirimentos medioambientais están facendo que Europa se dispare un tiro ao pé, así de claro, porque estamos facendo aquí unhas esixencias medioambientais, estamos poñéndolles tantas trabas aos nosos agricultores e gandeiros que imos acabar coa agricultura e gandería en Galicia, en España e en Europa”, dixo González Vázquez nese acto de partido.
Segundo asegurou, cando chegou ao cargo en 2018 “podía ser un pouco máis proclive ao tema medioambiental”, pero “agora digo que o que nos pode pasar é que se quede todo abandonado e cheo de xabaríns, de corzos e de lobos”. Malia as súas verbas, o conselleiro asegurou que a súa non é “unha mensaxe catastrofista”, pero pediu “que nos deixen aos agricultores e gandeiros desenvolver a súa actividade”.
"Os requirimentos medioambientais están facendo que Europa se dispare un tiro ao pé" ou "Europa está cavando a súa propia tumba" son algunhas das frases do conselleiro ou do seu 'número 2'
Xusto a continuación González Vázquez lembra a vaga de incendios do pasado ano, que afectou especialmente ao Courel, Valdeorras e o Macizo Central. O conselleiro salienta que “o 70% das hectáreas” ardidas no pasado exercicio estaban “en Rede Natura” e conclúe que “algo falla se cos compromisos medioambientais e coa protección que nos están impoñendo o único que logramos é que arda todo cando vén un incendio no verán”. “Se no Macizo Central que hoxe está todo cheo de maleza houbera a gandería que había hai 50 anos podo asegurar que non arderían as 7.000 hectáreas que arderon o ano pasado”, asegura. Nese treito da súa intervención non hai ningunha referencia ao cambio climático.
A continuación, o discurso do conselleiro, falando neste caso como cargo do PP nun mitin do PP, deriva cara as bondades das políticas que impulsa o Goberno galego e as súas últimas reformas legais para o sector, amosando a súa disposición a acometer desde a Xunta as concentracións parcelarias que desexe a veciñanza da zona para así favorecer a actividade agrícola e gandeira.
Fronte a estas declaracións da cúpula de Medio Rural, nos seus documentos oficiais a Xunta advirte do "modelo de agrogandaría pouco sostible" ou propón reducir a contaminación por "usos inadecuados de fertilizantes fitoquímicos" ou a erosión "en zonas explotadas con modelos intensivos".