O comisario de Medio Ambiente responde, a preguntas de BNG e PSdeG no Parlamento Europeo, que a UE "segue de preto" o procedemento de infracción aberto contra España pola inacción de varias autonomías, entre elas Galicia
"A Comisión considera que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos" e non fixa "obxectivos e medidas de conservación detallados e específicos" como require a normativa europea. Así vén de pronunciarse a Comisión Europea en dúas respostas emitidas coa mesma data deste pasado 27 de xullo ante preguntas distintas formuladas polos eurodeputados galegos de BNG e PSdeG, Ana Miranda e Nicolás González Casares.
A UE insiste así en que Galicia non está a xestionar correctamente os seus espazos protexidos. É a razón pola que mantén aberto desde hai anos un procedemento de infracción contra España que a Comisión Europea "segue de preto".
En 2004 a UE considerou que determinados tipos de hábitat e especies non estaban correctamente protexidos pola insuficiente cobertura que lles daban diversos estados europeos nos seus escasos espazos delimitados como Rede Natura 2000. En Galicia a Xunta presentou en 2011 unha proposta de ampliación da rede, pero nunca a chegou a aprobar, e despois aprobou en 2014 un Plan Director da Rede Natura existente que, como ocorreu con documentos similares doutras comunidades autónomas, a Comisión Europea considerou insuficiente para protexer correctamente a biodiversidade. Así que a Comisión abriu un procedemento de infracción contra España, con cartas de emprazamento inicial e complementaria en 2015 e 2020, pero sen éxito de momento no que respecta a que a Xunta xestione e protexa mellor a Rede Natura.
Altos cargos da Xunta criticaron as políticas conservacionistas da UE, ás que atribúen a morte do rural, pero a Comisión di que están pensadas para facer compatible a biodiversidade e as "esixencias económicas"
Neste contexto o pasado 5 de maio Ana Miranda, eurodeputada do BNG, e o 24 de maio Nicolás González Casares, eurodeputado do PSdeG, formularon diversas preguntas sobre a cuestión á Comisión Europea. A nacionalista insistiu en se a Comisión considera que o plan da Xunta para a Rede Natura cumpre os obxectivos comunitarios de conservación, se ten información sobre que medidas está a adoptar o Goberno galego e en que situación se atopa o procedemento de infracción contra España por ese motivo.
Pola súa banda, o socialista, tras as declaracións de altos cargos da Consellería de Medio Rural atribuíndo a morte do rural e os incendios forestais ás políticas de conservación da UE, en liña cos discursos da dereita europea contra as medidas para atallar o cambio climático, preguntou á Comisión pola súa valoración sobre esas declaracións e sobre que medidas se están a adoptar no marco do expediente de infracción contra España.
As respostas da Comisión Europea aos dous eurodeputados galegos foron emitidas as dúas o 27 de xullo asinadas en ambos casos polo comisario de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius. Ao BNG o comisario reitera que "a Comisión considera que o Plan Director elaborado por Galicia para a xestión dos espazos Natura 2000 non cumpre os requisitos da Directiva sobre os hábitats con respecto ás zonas de especial conservación de Galicia".
Hai dous anos ata o PPdeG pediu no Parlamento á Xunta "rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000", pero o Goberno galego aínda non cumpriu nin co partido que o sustenta
O responsable europeo lembra que o procedemento de infracción "en curso" contra España foi aberto "pola falta de fixación de obxectivos de conservación suficientemente detallados para cada lugar e de medidas de conservación cuantificadas para zonas especiais de conservación en varias rexións, incluída Galicia". E remata sinalando que a Comisión "segue de preto" o que está a facer España para dar resposta aos requirimentos formulados desde Bruxelas.
Pola súa banda, a resposta ao PSdeG evita confrontar directamente coas declaracións críticas coa Rede Natura lanzadas desde a Xunta pero insiste en que a normativa comunitaria busca a compatibilidade entre a conservación da biodiversidade e "as esixencias económicas, sociais, culturais e rexionais" para "acadar o obxectivo xeral dun desenvolvemento duradeiro".
O comisario lembra, en liña coa resposta dada ao BNG, que "España ten que establecer obxectivos e medidas de conservación detallados e específicos para as súas zonas especiais de conservación en diversas rexións, entre elas Galicia". E remata insistindo en que a Comisión "está supervisando" os avances no marco do procedemento de infracción, que só dará por rematado "unha vez que se cumpran as disposicións pertinentes da Directiva sobre os hábitats".
Malia estas reiteradas reclamacións desde Bruxelas, a Xunta segue sen concretar os pasos que se lle reclaman mesmo de xeito unánime no Parlamento de Galicia. Hai agora dous anos, en maio de 2021, o PPdeG, ante unha das reiteradas peticións de BNG e PSdeG para que se amplíe a Rede Natura acabou votando a favor na Cámara galega. “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a rematar os traballos para ampliación e revisión da Rede Natura 2000, así como avanzar na aprobación dos diferentes plans de xestión no prazo máis breve posible”, dicía aquela proposición non de lei. Dous anos despois a Xunta aínda non atendeu o que lle pediu mesmo o PPdeG.