A Xunta activa un protocolo para a recollida dos 'pellets' un mes despois da súa chegada ás costas

Xornada formativa de Adega para a retirada de 'pellets' das praias CC-BY-SA Adega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta proporá este xoves a activación dun protocolo para a recollida dos pellets no litoral galego. Farao na reunión deste xoves do Plan Camgal (Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia), á que convidou á Delegación do Goberno central e á Fegamp. 

"Estábano reclamando os concellos", dixo Rueda, que anunciou tamén outro protocolo para a organización e distribución das persoas voluntarios. Así, o protocolo de actuación para a retirada de granulados que levan xa tempo reclamando desde varios dos concellos afectados, así como desde entidades ecoloxistas e persoal voluntario, será activado case un mes despois da chegada —e dos avisos— dos primeiros granulados e sacos de plásticos á costa e unha semana despois de que a Consellería do Mar enviase unha carta ás administracións locais pedindo a súa colaboración e advertindo das súas competencias nos labores de limpeza. 

Diego Calvo e Alfonso Rueda, no Consello da Xunta do 11 de xaneiro de 2024 CC-BY-SA Xunta

A Xunta activará un protocolo para a retirada dos 'pellets' un mes despois da chegada dos primeiros á costa galega

Anunciouno Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde desta vez se referiu á "crise dos pellets" e adiantou que o operativo despregado —con 200 persoas e que actúa sobre unhas 40 praias polo momento— estará activo ata que "non queden restos" e os areais estean "completamente limpos". 

Na súa comparecencia, Rueda cargou contra dureza contra o Goberno central, ao que acusou de "dicir cousas que non son verdade", "ocultar o que non se fixo ben" ou de poñer seguido "escusas" para non "facer" todo o posible para colaborar na resolución da crise. Así, asegurou que "máis de 48 horas" desde a activación do nivel 2 do Camgal Galicia "segue sen ter os medios" do Executivo central. "É necesario que se envíen canto antes", dixo, advertindo que "todos os sacos que se intercepten no mar, son pellets que non chegarán á costa" e insistindo, agora, na necesidade de afrontar o problema nas augas. 

"A axuda fundamental agora mesmo é a busca no mar", dixo Rueda que, respecto da petición de avións, helicópteros ou embarcacións, intentou matizar asegurando que a demanda era "o listado de medios dos que dispón o Estado para que os activen como estimen conveniente". 

Rueda carga con dureza contra o Goberno central, ao que acusa de "poñer escusas" para non enviar medios ou de faltar á verdade

O presidente da Xunta respondía así ás críticas que desde o Goberno central chegaron sobre as importantes demandas materiais feitas case un mes despois de se achar o primeiro vertido nas praias. Foi a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, quen cualificou de "carta aos Reis" e de "grande irresponsabilidade" unha petición que inclúe "ata un submarino" para facer fronte á vertedura de pellets, "tres veces máis que para o Prestige".

Logo de que o Goberno galego reclamase ao Estado once barcos, dous helicópteros, un avión e ata un submarino para intentar apañar sacos de granulados no mar ou mesmo chegar ao contedor de onde proceden, Ribera declarouse "un pouco sorprendida" e lembrou que a Xunta pasou en "dous días" de pedir aos concellos que traballasen na limpeza das praias a solicitar "practicamente todos os medios mariños de Salvamento Marítimo" e incluso "helicópteros e un submarino". 

Operarios de Tragsa procurando 'pellets' nunha praia de Sada CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

A ministra Ribera cualifica a petición de avións, barcos e submarinos de "grande irresponsabilidade" e lembra que o Estado xa vixía o mar por se atopa sacos

Tanto a ministra como o Goberno central advertiron á Xunta de que xa se están a "buscar activamente" no mar os plásticos. Nunha carta, aclaran á Xunta que a Dirección Xeral da Mariña Mercante e Sasemar "continúan buscando activamente restos de pellets ou sacos destes", "priorizando, tal e como recomenda a Organización Marítima Internacional (OMI), os medios aéreos e recorrendo tamén a medios marítimos e a vixilancia por satélite". 

A Delegación do Goberno tamén comunicou á Consellería do Mar que ten "á súa disposición todos os medios terrestres marítimos e necesarios para a limpeza se as vixilancias aéreas detectan o produto no mar", algo que non ocorreu aínda. Se pasa, aclara, actuarían "aínda dentro das limitacións técnicas que ten" esa actuación segundo as recomendacións internacionais. 

A Xunta insiste en rexeitar, polo momento, reforzos en terra e considera que a "axuda fundamental é a busca no mar"

Na carta enviada polo delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco, anuncia que se facilitará o retén que a Xunta reclama en terra pero advirte do necesario preaviso de doce horas e das 48 horas de antelación necesaria se as necesidades aumentan, para poder recorrer a medios de fóra de Galicia. O Executivo central, con todo, segue pendente da concreción do persoal necesario e dos lugares a actuar por parte dos operarios adscritos ao Plan Estatal de Protección da Ribera do Mar. E pide concreción á Xunta: "Cantos, cando e onde". 

Porque a Xunta insiste, agora, en centrar no mar o seu obxectivo, mesmo negando polo momento a demandar máis persoal para reforzar os 200 que actualmente limpan as praias, que chegarán a 300 na fin de semana. "Agora non están chegando pellets como para ter que pedir axuda adicional. Veremos como evoluciona, polo que se fose necesario, en doce horas podería despregarse persoal adicional", xustificou Rueda. 

Comité Técnico Asesor do Plan Camgal CC-BY-SA Xunta

A Xunta insiste en medios aéreos e mariños, malia os atrancos dos que advirten outras autoridades. Respecto desta demanda, a ministra Ribera insistiu en criticar esta postura. "Dispoñibles? Totalmente dispoñibles. Pero, home, non me pida tres veces máis do que pediu no Prestige. Os cidadáns aprecian cando colaboramos as administracións pero non me diga que aquilo que é útil non o quere e con todo mándame unha carta aos Reis que deixaría sen cobertura o resto do país e que, probablemente tería pouca eficacia", advertiu Ribera nun almorzo informativo en Madrid, no que precisou tamén que as demandas da Xunta supoñen "unha grande irresponsabilidade porque pode haber episodios que requiren un auxilio inmediato como o rescate de migrantes en alta mar".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.