Para a Xunta, as ocupacións ilegais son a súa "principal demanda" ao Estado en materia de vivenda. Tamén un "evidente" problema de "tendencia crecente" malia non manexar "cifras exactas" ao respecto, en palabras da conselleira con competencias neste eido, Ángeles Vázquez.
A respecto do último ano previo á COVID tanto os desaloxos como os novos casos de ocupacións caen un 30%, segundo datos do Poder Xudicial
Este fenómeno, no centro do argumentario político do Goberno galego e do PP nos últimos anos, volve revelarse nos datos oficiais do Poder Xudicial como minoritario en Galicia. De seu e en comparación con outras problemáticas ligadas á vivenda moito máis abondosas, os desafiuzamentos. Non en van, 2022 rematou con quince desaloxos por cada novo caso de ocupación ilegal abordado polos xulgados galegos, unha proporción semellante á de anos previos.
A pasada semana o Consello Xeral do Poder Xudicial actualizou os seus datos neste ámbito coa información do cuarto trimestre de 2022. O cómputo anual deixa en Galicia 1.246 desafiuzamentos en vivendas alugadas e 277 derivados de execucións hipotecarias, o que dá un total de 1.523 desaloxos. Mentres, os novos casos de ocupacións ilegais en vivendas nas que "os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social" foron 101. Estes datos non inclúen as vivendas ocupadas propiedade dos bancos, que segundo as inmobiliarias supoñen o 80% do fenómeno en Galicia.
Despois de que tanto 2020 como 2021 estivesen fortemente condicionados nos xulgados por mor da pandemia -en 2020 chegáranse a suspender os prazos procesuais por mor do estado de alarma-, o primeiro exercicio de relativa normalidade neste ámbito, o 2022, amosa que estes tres fenómenos ligados á vivenda descenderon arredor dun 30% en Galicia a respecto do último ano completo previo á COVID, o 2019, o primeiro no que o Poder Xudicial ofreceu datos de novos casos de ocupacións ilegais para os catro trimestres do exercicio (comezou a divulgalos a mediados de 2018). Naquel ano os desafiuzamentos foran case 2.200 e os novos casos de ocupacións, 145.
A comparación con 2021, ano aínda condicionado pola devandita influencia da pandemia, amosa un descenso ds desafiuzamentos do 6,5%. Os novos casos de ocupación aumentarían un 29%, de 78 a 101, fundamentalmente polos 31 ingresados no segundo trimestre do ano dentro dunha serie na que, pola escaseza do fenómeno, calquera alteración provoca fortes variacións porcentuais tanto á alza como á baixa.
Repunta dos desaloxos e leve caída das novas ocupacións na fin do ano
No cuarto trimestre de 2022 os desafiuzamentos foron 338 e os novos casos de ocupación, 19
Estes totais anuais rexístranse despois dun cuarto trimestre de 2022 no que os desafiuzamentos repuntaron tanto en vivendas alugadas como hipotecadas, mentres que os novos casos de ocupación diminuíron levemente. Así, os 270 lanzamentos en vivendas arrendadas foron 21 máis que no trimestre estival e os 68 derivados de execucións hipotecarias, 17 máis, o que supón incrementos do 8,4% e do 33%, respectivamente. En total, 338 desaloxos mentres os novos casos de ocupacións abordados polos xulgados pasaron de 22 a 19 (-13,6%).
Os datos do Poder Xudicial tamén amosan que Galicia é unha das comunidades autónomas por baixo da media en incidencia de novos casos de ocupación ilegal abordados, con 3,8 novos casos por cada 100.000 habitantes no ano 2022. A media estatal estivo en 5,9 e os datos máis elevados, en Balears, Castilla-La Mancha e Catalunya, con 9,3; 8,8 e 8,4, respectivamente.