No ano 2018, a daquela denominada Consellería de Infraestruturas e Vivenda deixou de financiar o convenio que, nos dous anos previos, mantivera co Consello da Avogacía Galega para "remediar que persoas en situación de desamparo perdan a súa vivenda" ou procurar que, se eran desafiuzadas, "consigan, ao abeiro dos programas de axudas existentes, un inmediato realoxo". Dotárao, en cada edición, con 50.400 euros.
En 2021, o departamento de Vivenda do Goberno galego -agora dependente da Consellería de Medio Ambiente- rubricou outro convenio coa entidade que agrupa os colexios galegos de Avogacía. Neste caso estaba financiado con 27.000 euros para, durante un ano, manter un servizo telefónico e por internet de "atención xurídica" gratuíta para "afectados pola ocupación ilegal da súa vivenda", así como para a elaboración dunha guía informativa ao respecto.
A Xunta non xustificou a posta en marcha do servizo con dato ningún e a información oficial máis recente naquela altura apuntaba a que os desafiuzamentos multiplicaban por 15 as demandas por ocupacións de vivendas en Galicia. Meses despois, o Poder Xudicial volvía acreditar a tendencia: os novos casos de ocupacións ilegais eran apenas vinte por trimestre e os desafiuzamentos, unhas vinte veces máis.
A escaseza do impacto deste fenómeno en Galicia, alén do balbordo mediático e político, quedou patente no balance do primeiro ano da liña 'antiocupacións' da Xunta. Só tivera 30 consultas, admitiu a Consellería. Isto é, apenas dúas e media ao mes. Así e todo, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez aseguraba a principios deste 2022 que a súa intención era renovar o servizo, por ver "satisfactorio" o resultado xa que, matizaba daquela, o das ocupacións non era "tanto un problema cuantitativo como cualitativo".
Vivenda asina un novo convenio co Consello da Avogacía no que fusiona o seu teléfono 'antiocupacións' co servizo de consultas sobre desafiuzamentos que deixara de financiar en 2018. Os desaloxos multiplican por vinte os novos casos de ocupacións en Galicia, segundo o poder xudicial
Con este pano de fondo, o pasado febreiro Vivenda e o Consello da Avogacía rubricaron un novo convenio, ao que tivo acceso Praza.gal mediante unha solicitude formal ao abeiro da lei de transparencia. Trae consigo unha notable mudanza: fusiona o antigo servizo de atención a persoas en risco de desafiuzamento co teléfono 'antiocupacións'. A súa finalidade pasa a ser "crear as canles de información necesarias para procurar que persoas en situación de desamparo non perdan a súa vivenda habitual" ou "no seu caso, poidan acollerse aos programas existentes en materia de acceso á vivenda". É, un obxectivo practicamente idéntico ao do convenio pactado entre 2016 e 2018, pero agora coa engádega de "posibilitar que as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias de vivendas que sexan ocupadas ilegalmente saiban como actuar nestas situacións".
A dotación orzamentaria do convenio, 50.000 euros, é tamén practicamente a mesma que a do antigo servizo de asesoramento ante posibles desafiuzamentos. O asesoramento concrétase nunha liña de atención telefónica de balde (de luns a venres, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 e os sábados, en horario de mañá) e nun formulario web coa mesma finalidade. Ademais, o Consello da Avogacía comprométese á edición dunha guía "para as persoas en risco de perda da súa vivenda habitual" e a "revisar" a que editou o pasado ano sobre ocupacións.
O convenio está financiado con 50.000 euros, 39.000 para o servizo de consultas e os restantes 11.000 para "infraestrutura, formación, guías e difusión"
Alén do servizo de consultas, o convenio establece que o Consello da Avogacía elaborará "un informe sobre as consultas atendidas", transmitindo cadra trimestre ao Instituto Galego da Vivenda e Solo os datos das consultas atendidas e, no caso de posibles ocupacións ilegais, "con especificación da localidade, rúa e número de vivendas ocupadas". Tamén se compromete a facer unha "campaña de difusión nos medios e redes sociais" ao respecto.
O texto establece que, dentro do montante global de 50.000 euros, 39.000 servirán para pagar "gardas semanais" de 750 euros (no teléfono 'antiocupacións' eran 500). Os restantes 11.000 destinaranse "á infraestrutura, formación, guías e difusión". Concretamente, a Xunta pon 4.000 euros para "elaboración e revisión de guías", 3.000 para a "formación" de profesionais da avogacía neste eido, 2.700 para "difusión" (con conceptos como "reprografía" e "redes") e 1.300 para "infraestruturas", entre a que se inclúe a contratación dunha liña 900 de tarificación gratuíta e unha "aula virtual".