As demandas nos xulgados galegos por ocupación ilegal de vivendas foron en 2021 un 17% menos que no ano anterior: 78 fronte a 94
Fronte ás sensacións e a alarma, os datos. O Consello Xeral do Poder Xudicial actualizou a serie estatística Efectos da crise económica nos órganos xudiciais con datos correspondentes ao cuarto trimestre de 2021. Malia a insistencia da Xunta en situar o foco en endurecer as ocupacións ilegais de vivendas, os datos do Poder Xudicial acreditan que no pasado ano seguiron baixando con respecto ao ano anterior -marcado pola pandemia-, ao tempo que os desafiuzamentos se incrementaron.
Así, o estudo feito público este venres indica que en 2021 os xulgados galegos recibiron 78 novas demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social. Son 16 menos que en 2020, cando se rexistraron 94, o que supón un descenso interanual do 17 %.
Con respecto a 2019, ano previo á pandemia, as ocupacións ilegais de vivenda descenderon un 46% en 2021
De compararmos con 2019, o ano previo á pandemia e exercicio co que o órgano de goberno da xudicatura prefire realizar as comparacións interantuais para evitar a distoricioón que xorde dos confinamentos e das suspensións dos prazos xudiciais pola COVID e o Estado de Alarma, a diferenza é máis notable. Daquela foran 145 casos de ocupacións ilegais fronte ás 78 deste pasado ano: 67 menos e un descenso de máis do 46%.
Na súa análise dos datos, o Poder Xudicial pon o foco noutro indicador que si traza unha liña á alza, o das execucións hipotecarias. Isto é, o primeiro paso dun acredor -xeralmente, o banco- cara a un desafiuzamento por falta de pagamento. Foron 893 en 2021, o que supón un 15,7% máis que en 2020, cando alcanzaron as 772, e un 17,8% máis que en 2019, cando se acadara a cifra máis baixa dos últimos catorce anos (758).
Non todas as execucións hipotecarias acaban en lanzamento, en desafiuzamento. Non en van, a maior parte dos desaloxos non son en pisos ou casas en propiedade, senón en vivendas alugadas. Así, en 2021 foron 1.294 os lanzamentos en vivendas arrendadas (case o 78% do total), mentres que houbo 336 derivados de execucións hipotecarias e outros 37, doutras causas.
Deste xeito, o total de lanzamentos en 2021 foi un 19,2% superior ao de 2020, ao pasar de 1.398 a 1.667. En 2019, con todo, contabilizáronse 2.271, é dicir, un 26,6 % máis que o ano pasado.
En calquera caso, como amosan os gráficos anteriores, tanto as execucións hipotecarias como os casos que acaban en desafiuzamento seguen sendo moitos máis que os casos de ocupacións ilegais. Concretamente, os lanzamentos (tanto de hipotecas como de alugueiros) multiplicaron por 21 as novas demandas por ocupacións.