A pandemia pero tamén as dificultades no acceso á vivenda están a agravar a pobreza e a privación material severa en Galicia. É unha das conclusións ás que chega o informe O estado da pobreza en Galicia 2021, da Rede Galega contra Pobreza (EAPN-Galicia), elaborado tras debullar os datos oficiais do INE e o Ministerio de Facenda para avaliar o risco de exclusión social.
A porcentaxe de persoas con carencias materiais severas en Galicia pasou do 3,6% de 2019 ao 5,2% de 2020
O impacto da COVID fixo aumentar de maneira notable o número de persoas en Galicia en Privación Material Severa, un indicador da dificultade para afrontar diversos gastos básicos definidos a nivel europeo e que supoñen unha situación de vulnerabilidade moi grave para as afectadas.
Segundo os datos, a porcentaxe de persoas con carencias materiais severas en Galicia pasou do 3,6% de 2019 ao 5,2% de 2020, con especial afectación ás mulleres -onde sobe do 3,6% ao 5,7%- fronte aos homes, onde o aumento é de menos dun punto, do 3,7% ao 4,6%.
Son catro os conceptos que empeoran en Galicia que reflicten, claramente, "o empeoramento preocupante dos efectos das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible, en especial para a poboación máis vulnerable", como destaca EAPN-Galicia, que insiste en que os datos "evidencian" que esas dificultades de acceso e o elevado gasto en vivenda "están a actuar como un aspirador de rendas que impide de facto o éxito nos procesos de inclusión social".
Os datos sobre a privación material severa reflicten "o empeoramento preocupante dos efectos das dificultades de acceso a unha vivenda digna, axeitada e accesible"
"A situación de emerxencia residencial na que viven milleiros de familias galegas obsérvase no empeoramento dos conceptos que teñen relación tanto directa coa vivenda como de xeito indirecto", insiste. De feito, a porcentaxe de persoas que manteñen atrasos no pagamento de gastos de vivenda principal incrementouse do 5,6% ata o 8,5% e o dos que non poden manter a vivenda cunha temperatura axeitada, do 6% ata o 9,6%.
O informe advirte tamén de que a necesidade da afrontar o encarecemento da vivenda obriga tamén a unha "priorización e elección constante entre necesidades básicas", o que provoca o incremento noutros indicadores, como o non poder afrontar gastos imprevistos (que sobe do 24,4% ao 28,1%) ou non poder permitirse unha comida de carne, polo ou peixe cada dous días (do 8,9% ao 14,9%). Tamén é palpable na fenda dixital, co incremento do número de persoas que non poden permitirse un ordenador, ao pasar do 3,6% ao 5% en 2020.
A porcentaxe de persoas con atrasos no pagamento de gastos da vivenda subiu do 5,6% ao 8,5%; os que non a poden manter a temperatura axeitada, do 6% ao 9,6%
Así, EAPN-Galicia fai un "recoñecemento" do esforzo e as accións levadas a cabo pola Consellería de Política Social para afrontar os efectos máis dramáticos da pandemia pero aclaran que todas esta medidas, e mesmo outras a nivel estatal como o Ingreso Mínimo Vital, están "condenadas á irrelevancia se non se aumenta de xeito decidido e urxente o orzamento propio da Xunta de concellos para garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible".
Xa a presidenta de EAPN-Galicia, Eloina Ingerto, advertira na Comisión de Reactivación Económica e Social do Parlamento da "frustración e ata impotencia" por non ser capaz, desde a Rede e outras entidades, de "transmitir coa gravidade que merece a situación de emerxencia residencial na que viven milleiros de familias galegas".
"É imposible unha reactivación economíca e social se non se multiplica o investimento en vivenda dinga e accesible", dixera Ingerto, quen, precisamente, compareceu este luns coa Valedora do Pobo, María Dolores Fernández, para presentar un informe durante a sinatura dun convenio entre ambas entidades para desenvolver iniciativas de colaboración e incrementar o fluxo de información entre ambas.
No informe elaborado logo dun encontro celebradoo pasado 6 de outubro, EAPN-Galicia advirte que reducir a burocracia para solicitar axudas públicas, eliminar as comisións bancarias e o trato discriminatorios apersoas con baixos ingresos nas entidades financeiras e aumentar o acceso a unha vivenda digna son os retos que insta a afrontar a Rede Galega contra a Pobreza.
Nese informe, ademais, insiste na necesidade do control das vivendas para asegurar unhas condicións dignas, a ampliación do parque público e o establecemento de axudas suficientes ao alugueiro que conten, ademais, cunha burocracia reducida.
Por outra banda, e en termos xerais, o informe O estado da pobreza en Galicia indica que a porcentaxe de poboación en risco de pobreza ou exclusión aumentou do 24,3% ao 25,7% en 2020 no país. Son un total de 694.367 persoas, 38.389 máis que no ano anterior, unha cifra aínda inferior á da media estatal (26,4%). Nas mulleres, a taxa sobe do 24,1% ao 26,2% mentres que a dos homes incrementouse en menos de un punto, pasando do 24,5% ao 25,3%.