O Concello de Lugo acusa o PP de "infundir temor" coas ocupacións e lembra que o teléfono da Xunta tivo 30 consultas nun ano

Vista parcial da casa do Concello de Lugo (dereita) e diversos edificios do centro da cidade CC-BY-NC-SA Praza.gal

Nos últimos días, o PP de Lugo acusou o goberno local da cidade (PSdeG-BNG) de estar a fomentar un "efecto chamada" para a ocupación ilegal de vivendas. Afirmouno tras seren ocupados ("reokupación, segundo o comunidado oficial dos conservadores) de dous inmobles deshabitados na contorna do barrio do Sagrado Corazón e reiterouno este martes, ao fío do reflexo dos feitos en senllas publicacións da prensa local.

O PP atribúe ao goberno local lucense de PSdeG e BNG un "efecto chamada" para ocupar vivendas ilegalmente

En resposta ás acusacións dos populares, e co pano de fondo das alertas da Xunta nos últimos anos sobre un suposto incremento das ocupacións ilegais de vivendas que os datos oficiais do Poder Xudicial non reflicten, o Concello lucense acusa a primeira forza da oposición municipal de procurar "infundir temor" ao respecto entre a veciñanza. A xuízo do voceiro do goberno local, Miguel Fernández (PSdeG), o PP tenta "instrumentalizar a preocupación social" para "acadar réditos partidistas". 

Lamenta Fernández que o PP "viva ancorado na estratexia de xerar alarmismo e tratar de exacerbar calquera inquietude cidadá" e de "culpar a Administración local mesmo, como fai neste caso, en aspectos que non son de competencia municipal", caso da "vivenda, materia que xestiona a Xunta". Así e todo, mantén, esa ausencia de competencias non impide que o Concello tente "paliar" eivas na materia como a "falta de vivenda pública e de protección oficial" mediante "a posta á disposición de tres pisos para familiar vulnerables en situación de emerxencia social, doutros tres para mulleres vítimas de violencia de xénero" e de "cinco vivendas domóticas para favorecer a autonomía de persoas con diversidade funcional". Ademais, agrega, o Concello destina 300.000 euros anuais a axudas ao alugueiro.

Ate a petición dos populares dunha oficina de asesoramento para afectados por ocupacións, o voceiro municipal, Miguel Fernández, resalta que o servizo activado pola Xunta, "que ten as competencias na materia", recibiu apenas 30 consultas nun ano

Alén da casuística concreta, o PP reclama que o concello lucense habilite unha oficina de asesoramento para eventuais propietarios afectados por ocupacións. O grupo municipal de Ciudadanos, pola súa banda, reitera a petición "dun plan municipal contra a ocupación para impedir que a veciñanza teña que vivir situacións coma esta".

Ante a petición dos populares, o voceiro do goberno local subliña que "ese recurso xa existe", habilitado "pola Administración que ten competencias, a Xunta", di en referencia ao servizo de asesoramento telefónico e en liña conveniado polo Goberno galego co Consello da Avogacía mediante unha achega de 27.000 euros ao ano. "E, por certo, no ano que leva funcionando, atenderon en toda Galicia a 30 familias", resalta. 

Esa cifra dunha trintena de peticións nun ano foi admitida pola propia Consellería de Medio Ambiente, que ten as competencias en materia de vivenda. Como informou Praza.gal, as trinta consultas producíronse entre principios de decembro de 2020 e o remate de novembro de 2021. O Goberno galego considera "satisfactorio" o resultado e confirma que vai renovar o convenio, se ben agora matiza que o das ocupacións "non é tanto un problema cuantitativo como cualitativo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.