España é un dos países da UE na que unha menor porcentaxe da poboación habita vivendas de alugueiro. Así, fronte unha media do 30% no conxunto da Unión Europea (que supera o 50% en Alemaña), no Estado español a cifra se sitúa no 16,6%, segundo os datos do Censo de 2021, que a pasada semana fixo públicos o INE En Galicia a proporción é aínda máis baixa, ficando nun 11,8%.
A porcentaxe de poboación que vive de alugueiro está a incrementarse e é moi elevada nas familias con rendas reducidas, nas cidades e sobre todo entre a mocidade. Este sector é o que se está a ver máis afectado polo fortísimo incremento dos prezos nos últimos anos: un 30% dende o 2015
Iso si, o panorama é moi diferente nas cidades, onde unha porcentaxe moi superior vive de alugueiro, especialmente na Coruña e Santiago, por riba do 25%. De igual xeito, as cifras medran se falamos das persoas con ingresos máis baixos: na Galicia urbana a porcentaxe de persoas con ingresos familiares netos inferiores a 1.500 euros mensuais que vive de alugueiro supera o 30%.
Ademais, a porcentaxe de familias que viven de alugueiro vén medrando nas últimas décadas, especialmente nas zonas urbanas. Este sector da poboación é o que se está a ver máis afectado polo incremento dos prezos do alugueiro nos últimos anos: dende o 2015 o custo de alugar unha vivenda incrementouse nun 30% nas cidades galegas
Aínda que as persoas que viven de alugueiro están a incrementarse en Galicia, unha maior parte da poboación habita vivendas da súa propiedade, ben por herdanza ou doazón (22%), ben por adquisición completa (32%). Ademais, outro 21% da poboación vive en inmobles que está a pagar a través dunha hipoteca
Aínda que as persoas que viven de alugueiro están a incrementarse en Galicia, unha maior parte da poboación habita vivendas da súa propiedade, ben por herdanza ou doazón (22%), ben por adquisición completa (32%). Ademais, outro 21% da poboación vive en inmobles que está a pagar a través dunha hipoteca. En relación aos datos do conxunto do Estado chama a atención que en Galicia é moi superior a porcentaxe de persoas que vive en vivendas herdadas (9% no resto de España) e son moitas menos as persoas que están a pagar unha hipoteca (30% nos datos estatais).
O alugueiro tamén é unha opción máis minoritaria en Galicia (11,8%) que no conxunto do Estado (16,6%). Porén, nas rendas máis baixas a porcentaxe sobe de forma importante. Así, entre as persoas cuxos ingresos familiares mensuais non superan os 500 euros netos o 32% vive de alugueiro, unha proporción que rolda o 17% entre quen ingresa entre 500 e 1.000 euros e o 15% nos fogares con ingresos entre 1.000 e 1.500 euros mensuais netos. En cambio, cando os ingresos mensuais do fogar suman máis de dous mil euros netos a porcentaxe de familias que viven de alugueiro baixa do 9%.
A Coruña (25%) e Santiago (24%) son as cidades onde máis xente vive de alugueiro. En Vigo, Lugo e Ourense o dato móvese entre o 17% e o 19%. Ferrol e Pontevedra, entre o 13% e o 14% amosan as cifras máis cativas.
Tamén é distinto o panorama nas sete cidades, con porcentaxes de familias que viven de alugueiro moi superiores á media galega. Así, na Coruña (25%) e Santiago (24%) a proporción achégase a 1 de cada 4 e en Vigo, Lugo e Ourense o dato móvese entre o 17% e o 19%. Ferrol e Pontevedra, entre o 13% e o 14% amosan as cifras máis cativas.
Nas cidades é moi inferior á media galega a porcentaxe de persoas que viven en inmobles herdados, ao redor do 10% -menos da metade do dato xeral galego- en case todos os casos (agás Santiago, no 16%). Ferrol e Lugo son as cidades nas que máis xente habita vivendas adquiridas de forma completa polos seus ocupantes. E Vigo é a urbe cunha maior parte da súa poboación hipotecada, seis puntos máis que en Compostela, que presenta o dato máis baixo.
Unha porcentaxe moi elevada das familias con ingresos netos por debaixo dos mil euros mensuais vive de alugueiro: o 49% na Coruña, o 38% en Santiago, o 36% en Ourense, o 34% en Vigo ou o 31% en Lugo
Hai, por suposto, grandes diferenzas en función do poder adquisitivo da poboación. As persoas con menores ingresos teñen que recorrer ao alugueiro. Na Coruña e Santiago máis do 35% das persoas con ingresos familiares inferiores aos 1.500 euros netos viven de alugueiro, unha porcentaxe que tamén rolda o 30% en Lugo e que se achega a esa porcentaxe en Vigo. Nos fogares con ingresos por debaixo dos mil euros mensuais netos os datos dispáranse ata o 49% na Coruña, o 38% en Santiago, o 36% en Ourense, o 34% en Vigo ou o 31% en Lugo.
A porcentaxe de persoas que viven de alugueiro pasou en Santiago do 15,6% ao 26% en vinte anos. E en Lugo medrou do 11,6% ao 18%
Os datos dos tres últimos Censos, realizados nos anos 2001, 2011 e 2021, amosan un crecemento sostido da porcentaxe de poboación que vive de alugueiro nas cidades galegas, especialmente en Santiago, que en vinte anos pasou do 15,6% ao 26%. Tamén en Lugo, que aínda que con cifras máis baixas, medrou do 11,6% ao 18%. E, igualmente na Coruña, especialmente na última década, cunha suba do 20,3% ao 24,9%.
En cambio, Pontevedra, Ourense e Vigo amosan niveis moi estables. E a excepción constitúea Ferrol, que tamén é a unica cidade que está a perder poboación de forma clara; na cidade naval a porcentaxe de familias que viven de alugueiro reduciuse en dúas décadas do 21,1% ao 13,8%.
Con respecto ao Censo de 2011, o gran cambio foi a redución da cantidade de familias que pagan unha hipoteca
Con respecto aos datos do Censo de 2011, o gran cambio nas cidades galegas foi a redución da cantidade de familias que están a pagar unha hipoteca, unha mudanza que en boa medida ten que ver coa explosión da burbulla inmobiliaria a partir do ano 2008. Na Coruña, por exemplo, a proporción baixou do 26% ao 20%, en Santiago do 22% ao 17%, en Lugo do 28% ao 19% e en Pontevedra do 30% ao 20%.
Vigo e Ferrol son as urbes cunha maior porcentaxe de vivendas principais anteriores a 1990, por riba do 70%
Os datos do Censo relativos a vivenda publicados a pasada semana polo INE amosan tamén a diferente tipoloxía de inmobles existente nunhas e noutras cidades galegas. Vigo e Ferrol son as urbes cunha maior porcentaxe de vivendas principais anteriores a 1990, por riba do 70%, un dato que en Lugo e Pontevedra rolda o 60% e que en Ourense, A Coruña e Santiago se move entre o 64% e o 66%.
Hai tamén diferenzas entre o tipo de inmobles que habita a poboación dunhas e outras urbes, ben unifamiliares ou en edificios con varias vivendas. En Santiago, Pontevedra e Vigo máis do 20% da súa poboación habita vivendas unifamiliares, mentres que en Lugo, Ourense e Ferrol esta porcentaxe se move entre o 13% e o 15% e na Coruña (a cidade cun termo municipal de superficie máis reducida) o dato é unicamente do 4%.
En Santiago, Pontevedra e Vigo máis do 20% da súa poboación habita vivendas unifamiliares, mentres que na Coruña esa porcentaxe cae ao 4%
Na Coruña, ademais, estas vivendas unifamiliares son maioritariamente anteriores a 1990 (o 90%), mentres que noutras cidades, como en Santiago, Ferrol e Ourense, unha parte non pequena destas casas (ao redor do 30%) foron construídas nas últimas tres décadas.
Tamén a orixe da maior parte dos edificios de varias vivendas é anterior a 1990, con porcentaxes que superan o 70% en Vigo e Ferrol e roldan o 65% na Coruña e Ourense. En cambio, Lugo e Pontevedra teñen o parque de vivenda máis novo en edificios que acollen varios fogares (maioritamente pisos).
Case o 19% dos habitantes das sete cidades galegas dispoñen dunha segunda vivenda, fronte ao 9,8% da poboación do resto de Galicia
Por último, os datos do Censo 2021 tamén informan sobre as segundas vivendas existentes en Galicia, unha posibilidade da que goza o 13% da poboación do país. Con todo, atopamos grandes diferenzas entre as cidades e o resto de Galicia. Nas sete urbes case o 19% dos seus residentes dispoñen dunha segunda vivenda, moi por riba do 10% do resto da comunidade autónoma.
Hai tamén grandes diferenzas en función do nivel de ingresos da ponoación. Máis do 20% das persoas cuxos ingresos familiares netos superan os 3.000 euros mensuais teñen unha segunda residencia.