A vivenda protexida segue en mínimos históricos en Galicia malia ás 468 rematadas no que vai de lexislatura

Edificio de vivendas de promoción pública da Xunta en Vigo, nunha imaxe do pasado marzo CC-BY-SA Xunta

Na década dos anos 90 do século pasado, a primeira completa dende o nacemento da Xunta e tamén a primeira co Goberno galego con competencias en materia de vivenda, finalizáronse en Galicia, de media, máis de 3.000 vivendas protexidas ao ano. Nun só exercicio, o de 1996, chegaran a ser máis de 5.000.

Na década seguinte, a primeira deste século, a media anual foi superior ás 2.700 vivendas protexidas rematadas aínda que na segunda metade dese decenio picase a burbulla inmobiliaria e chegase a crise financeira internacional. Nos anos 10 estas cifras directamente caeron en picado ata quedar en apenas 300 vivendas protexidas rematadas na media anual e casos extremos coma os de 2019, con só catro, ou 2015, cando foran dúas, sempre segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

Este é o pano de fondo co que o país afrontou a década dos 20 en materia de vivenda protexida, un labor que corresponde, sobre todo, á Xunta. Como amosan os gráficos que acompañan esta información, as cifras seguen en mínimos históricos aínda tendo en conta as 468 vivendas protexidas finalizadas nos dous últimos anos completos, unha cifra moi semellante a aquelas cuxas construción comezou neste período.

Na década pasada as novas vivendas no mercado libre sen ningún réxime de protección multiplicaron por dez ás protexidas en Galicia. Nese período chegou a rexistrarse un ano con só catro novas vivendas protexidas e outro con apenas dúas. As cifras baixan aínda máis ao atender as vivendas de promoción pública

Estas cativas cifras sono aínda máis ao comparalas co número de vivendas rematadas neste tempo en Galicia sen estaren suxeitas a ningún réxime de protección oficial. Nos anos 90 finalizábanse en Galicia, de media, unhas 13.400 vivendas libres e na primeira década deste século, ao abeiro das alegrías inmobiliarias da banca, chegaron a ser  unhas 27.700 ao ano. Nos anos 10 deste século ese ritmo da construción decaeu e, aínda así, en Galicia finalizouse unha media de 3.052 vivendas sen protección cada ano mentres que as protexidas eran pouco máis de 300.

A política pública de vivenda enfraquece aínda máis ao observarmos as cifras de vivendas de promoción pública, isto é, as construcións promovidas directamente polos gobernos -fundamentalmente, polo Goberno galego, aínda que algúns concellos tamén exerceron no pasado as súas competencias na materia-, sen outorgaren réxime de protección a promocións privadas. Segundo datos do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na serie estatística que comeza en 2014 figuran apenas 268 vivendas de promoción pública. O ano cun maior número de cualificacións destas vivendas, o 2016, foran apenas 134. O pasado 2021 pechouse con 66 e no primeiro semestre de 2022 -último dato dispoñible-, unha decena.

Máis de 15.000 solicitantes de vivenda protexida

Esta escaseza de vivenda protexida prodúcese nun contexto no que, atendendo ao Rexistro de Demandantes da Xunta, segue habendo un notable interese cidadán por poder acceder a un piso promovido baixo protección do Goberno galego. Aínda tendo en conta as escasas posibilidades de que esta inscrición acabe traducíndose no acceso a unha vivenda, a finais de outubro este rexistro contaba con 15.583 inscricións, máis da metade na provincia de Pontevedra (8.632). Oito de cada dez destas solicitudes son para vivendas de promoción pública, nunha gran proporción con interese en pisos en alugueiro con opción de compra.

Oito de cada dez solicitantes de vivenda protexida á Xunta solicitan poder acceder a un piso de promoción pública

Mentres todo isto sucede, os orzamentos da Xunta en materia de vivenda medran dende hai oito anos, pero continúan lonxe dos acadados nos tempos do Executivo de coalición de esquerdas e mesmo nas contas dos gabinetes de Fraga. Como vén informando Praza.gal, as contas de 2023 reservan 125,63 millóns de euros, un 14,38% máis que no ano anterior pero aínda un 40,45% por baixo do derradeiro orzamento do Goberno de PSdeG e BNG (2009). 

Estes incrementos débense, sobre todo, a liñas de axudas de tipo diverso, como a destinada ás comunidades de propietarios que impulsan rehabilitacións, partida que pasa de 38 a 42 millóns de euros con especial peso dos fondos europeos de recuperación. Mentres, o orzamento para a construción de vivendas de promoción pública segue en niveis moi baixos, con apenas 8 millóns para 2023 -dous máis que en 2022-. En 2009 esta partida contaba con 52 millóns de euros.

A conselleira con competencias en materia de vivenda expuxo recentemente ante o Estado que a súa "principal demanda" neste eido son as ocupacións ilegais

O contexto político destas cifras vén marcado por consideracións da consellería con competencias neste eido (que tamén abrangue Medio Ambiente e Territorio) como as lanzadas tras unha recente xuntanza co delegado do Goberno de España en Galicia centrada, precisamente, na vivenda. Segundo a conselleira, Ángeles Vázquez, a "principal demanda" do Goberno galego ante o Estado neste ámbito é a loita contra as ocupacións ilegais, un fenómeno que segundo o Poder Xudicial segue sendo residual no país. Mentres, a prometida lei de vivenda do Estado segue sen avanzar definitivamente.

Mentres, non obstante, o mesmo departamento pon o foco nas súas accións para incrementar o "parque público residencial", tales como senllas promocións de 24 e 36 vivendas públicas en Santiago a piques de ser rematadas ou outras 207 que impulsa no barrio vigués de San Paio de Navia dentro dun total de 733 vivendas protexidas (outras 331 promóvenas cooperativas e 195 proceden de permutas de solo). O pasado outubro a Xunta tamén destacou a entrega de dúas vivendas de promoción pública en Castro Caldelas e Ourense e o pasado marzo, de 19 en Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.