Galicia rexistrou 458 desafiuzamentos e 31 novos casos de ocupacións no segundo trimestre de 2022. Son datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial que manteñen a proporción en arredor de 15 desaloxos -unha ampla maioría, en vivendas alugadas- por cada novo caso de ocupación ilegal que ingresa nos xulgados.
O Poder Xudicial publicou estes datos nos primeiros días de outubro, concretamente na mesma xornada en que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, respondía unha pregunta sobre vivenda de Ana Pontón (BNG) na sesión de control e asegurand sen datos que moitas persoas "teñen unha vivenda que non usan e non se atreven a poñela en aluguer" por se llela ocupan. Pouco antes, a finais de setembro, a conselleira con competencias na materia Ángeles Vázquez, reuníase co Delegado do Goberno de España en Galicia para tratar asuntos de vivenda e mantiña que "principal demanda" da Xunta ao Estado neste ámbito é a loita contra as ocupacións aínda que, admitía, non ten "cifras exactas" ao respecto.
Nun contexto xeral de suba dos prezos da vivenda e de crecentes dificultades para acceder a este dereito, a cuestión das ocupacións mantense como un dos eixos da política do Goberno galego e do PP tamén cara ás vindeiras eleccións municipais de 2023. Afonda así na liña mantida nos últimos anos nos que, por exemplo, a mesma Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda deu en lanzar iniciativas como encargar por 8.000 euros un informe a unha profesora e dirixente do PP que advertía dun suposto incremento das ocupacións en Galicia por culpa de Ada Colau, alcaldesa de Barcelona ou subvencionar un teléfono de asesoramento 'antiocupacións' que recibiu apenas 30 consultas no seu primeiro ano de existencia.
Líderes locais dos populares advirten dun suposto incremento das ocupacións en cidades como Vigo e Lugo sen achegar datos concretos ao respecto mentres o Poder Xudicial amosa que os desafiuzamentos multiplican por quince este fenómeno en Galicia
Malia a ese discreto resultado do consultorio -na renovación do servizo, a Xunta engadiu a posibilidade de realizar preguntas sobre desafiuzamentos-, os populares veñen mantendo a esixencia de que diversos concellos galegos abran servizos de asesoría na mesma materia. Así o veñen pedindo, por exemplo, en clave preelectoral para 2023 en cidades como Vigo e Lugo mentres noutras, caso da Coruña e Santiago, tamén axitan a pantasma dunha suposta alza das ocupacións ilegais e esixencia, dende os concellos, dun endurecemento da lexislación estatal neste ámbito.
Nesta liña, hai poucos días o voceiro do PP en Vigo, Alfonso Marnotes, reclamaba ao goberno local que encabeza Abel Caballero crear unha Oficina Municipal de Ocupación Ilegal de Vivendas que actúe de "coordinadora entre a Policía Local" e varias concellerías. Os populares vigueses din que cómpre abrila porque "non hai dereito a que este tipo e casos o Concello mire a outro lado" e "mentres noutros concellos se actúa de maneira contundente, en Vigo se ignora un problema que non fai máis ca medrar", asegurou sen achegar dato concreto ningún.
Nun sentido moi semellante pronunciábase pouco antes a presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia. A actual primeira tenente da Alcaldía de Mondoñedo e futura candidata á alcaldía de Lugo mantivo hai escasas semanas, no marco dunha xuntanza con representantes veciñais, que "o problema dos ocupas é cada vez máis alarmante en Lugo", afirmou sen achegar tampouco datos concretos. Ao seu xuízo, o goberno de PSdeG e BNG non fai e por iso incorpora aos seus compromisos electorais a creación dunha "oficina antiocupa co fin de atallar este problema". "Dende o PP vimos reclamando este servizo nos últimos anos", engade.
Convención 'fronte á ocupación' e orzamento de vivenda por baixo do bipartito
Promesas moi semellantes foron realizadas por representantes do PP noutros concellos fóra de Galicia e tamén por parte da dirección estatal da formación, encabezada por Alberto Núñez Feijóo. Así, por exemplo, este mesmo venres os conservadores organizaron unha convención en Barcelona baixo o lema Medidas frente a la okupación a la altura de un gran país na que o ex-presidente da Xunta acusou algúns ministros de "amparar o delito" de ocupación ilegal e a outros, de "recoñecer a súa existencia pero non concederlle gravidade".
O orzamento da Xunta para vivenda en 2023 sobe un 14,38% e chega aos 125 millóns, un 40% menos que nas derradeiras contas do Goberno de coalición da esquerda
Esta convención do PP sobre ocupacións de vivendas celebrábase poucas horas despois de que o Goberno galego rexistrase no Parlamento os seus Orzamentos Xerais para 2023. Neles, a partida para vivenda está dotada con 125,63 millóns de euros, un 14,38% máis que no ano anterior pero aínda un 40,45% por baixo das derradeiras contas públicas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG (2009).
O incremento interanual no orzamento de vivenda ten a súa orixe, fundamentalmente, en partidas como a de axudas para rehabilitación en comunidades de propietarios de vivendas protexidas (de 38 a 42 mllóns) e outras liñas semellantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Neste organismo, o orzamento para a construción de vivendas de promoción pública sobe apenas dous millóns en 2023, de 6 a 8, nun contexto no que os fondos propios da Xunta e do Estado para investimentos diminúen (pasan de 41 a 37 millóns e de 22 a 8, respectivamente) mentres aumentan os da UE mediante os fondos de recuperación (de 25 a 42).