Unha execución hipotecaria non equivale necesariamente a un lanzamento, isto é, a un desafiuzamento. É a decisión xudicial de executar a garantía da hipoteca (por exemplo, sacando o piso a unha poxa ou botando mal do aval), con independencia de que posteriormente poidan existir outro tipo de acordos coa entidade bancaria ou a aplicación de garantías como as moratorias e freos aos desaloxos establecidos polo Estado durante a pandemia.
O país rexistra 197 execucións de hipotecas no segundo trimestre de 2022, 105 delas en vivendas propiedade de persoas físicas
Os datos de execucións, non obstante, son útiles para obter unha radiografía das dificultades dos fogares para faceren fronte ás hipotecas, máis aínda nun momento no que, despois da pandemia, o mercado inmobiliario está a rexistrar sucesivas altas de prezos. As cifras que vén de actualizar o INE para o segundo trimestre do ano -datos aínda provisionais- reflicten que nese período Galicia rexistrou 197 execucións hipotecarias, un incremento interanual do 21% que contrasta coa caída do 4% na media estatal (4.596 fronte a 6.019).
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a maioría das hipotecas executadas sobre vivendas no que vai de ano son de pisos ou casas que tiñan como propietarias a persoas físicas (105). Contrasta co acontecido tras o inicio da pandemia ou en anos anteriores (como en 2018 e 2019, unha vez recuperada a actividade xudicial tras a folga do persoal de xustiza), cando a maior parte das execucións eran sobre vivendas que tiñan a empresas ou outras persoas xurídicas como titulares.
A mediados da pasada década, aínda entre ecos da crise financeira, a maior parte de execucións eran sobre vivendas de persoas físicas. Daquela, cando comezou a serie de datos dispoñibles, Galicia chegou a superar as 1.700 execucións hipotecarias nun ano.
Evolución interanual
O devandito crecemento do 21% interanual nas execucións hipotecarias supón a confirmación dun cambio de tendencia, xa que dende o terceiro trimestre de 2021 estes procesos decreceran en termos interanuais. Sucedera xusto despois de crecementos pronunciados dende finais de 2020 e ata mediados de 2021 (+157%), cando as execucións se viron afectadas, outra volta, pola recuperación da actividade nos xulgados, neste caso tras a fin da suspensión de prazos pola pandemia da COVID.
Non todas as execucións acaban en lanzamento, isto é, en desafiuzamento, fenómeno que en todo caso segue sendo moito máis abondoso en vivendas alugadas
Cómpre ter en conta -sempre coas devanditas cautelas a respecto de que non todas as execucións acaban en lanzamento-, non obstante, que a maioría dos desafiuzamentos non se producen en vivendas hipotecadas, senón en pisos e casas de alugueiro. Así o veñen amosando reiteradamente os datos do Poder Xudicial: por exemplo, no primeiro trimestre deste 2022, en Galicia rexistráronse 351 desafiuzamentos en vivendas alugadas fronte a 84 derivados de hipotecas.
Un e outro fenómeno seguen sendo, non obstante, moito máis abondosos que outras problemáticas ligadas á vivendas cun impacto moito menor, pero cun eco moito maior en determinados medios de comunicación e axendas políticas, como é o caso das ocupacións ilegais. Recorrendo de novo ao Poder Xudicial, Galicia rexistra apenas unha vintena de novos casos ao trimestre.