Os desafiuzamentos en xeral e, máis concretamente, os desafiuzamentos ligados a contratos de arrendamento seguen sendo o principal problema vinculado á vivenda que acaba sendo abordado pola Xustiza en Galicia. O Poder Xudicial vén de actualizar os seus indicadores a este respecto con información do primeiro trimestre do ano e reflicten 435 lanzamentos, isto é, desaloxos como consecuencia dunha demanda por impagamento.
A maior parte dos lanzamentos seguen rexistrándose en vivendas alugadas, con 351 fronte aos 84 derivados de hipotecas
Unha ampla maioría destes lanzamentos (351) débese a casos de impagamentos do alugueiro, unha cifra practicamente idéntica á do mesmo trimestre do ano anterior, cando foran 352. Mentres, os desafiuzamentos por impagamento de hipotecas quedaron en 84 neses tres meses, un 21% menos que entre xaneiro e marzo de 2021, cando foran 106 nun momento en que os xulgados recuperaban actividade tras as suspensións de prazos pola pandemia.
Mentres, os mesmos datos do Poder Xudicial acreditan que os novos casos de ocupacións ilegais de vivendas que acaban chegando aos xulgados aumentan un chisco e chegan aos 29. Son sete máis que nos dous trimestres anteriores, seis máis que no segundo trimestre de 2021 e 18 máis que no primeiro dese ano, cando quedaran en apenas 11, a menor cifra da serie. Seguen sendo, en calquera caso, comparativamente residuais a respecto dos desafiuzamentos (os desaloxos multiplican os novos casos de ocupacións por 15).
Resulta igualmente significativa a diferenza entre o número de casos casos de ocupacións ilegais coñecidos pola Policía e aqueles que acaban en litixio xudicial, isto é, aqueles nos que a persoa ou entidade propietaria da vivenda se considera vítima dunha ocupación ilegal e acode aos tribunais para recuperala (este indicador é recompilado polo Poder Xudicial dende o terceiro trimestre de 2018. Así, por exemplo, o ano 2021 pechouse en Galicia con 78 novos casos nos xulgados, mentres que o Ministerio do Interior contabilizara 195 destes feitos a través da Policía.
Tendencia á baixa dos desafiuzamentos
Malia predominaren entre os asuntos vinculados á vivenda que teñen que abordar os xulgados, os desafiuzamentos trazan nos últimos tempos unha lixeira tendencia á baixa en Galicia, segundo o Poder Xudicial. Isto sucede mesmo deixando á marxe ca análise os trimestres condicionados por circunstancias extraordinarias como a folga do persoal da administración de Xustiza (2018) ou a suspensión de prazos pola COVID (2020).
Mudanzas na política dos bancos ao respecto e accións políticas como a suspensión de determinados desafiuzamentos por orde do Estado -no marco das medidas urxentes fronte á COVID- inflúen nun contexto no que os desafiuzamentos en vivendas hipotecadas non superan os 150 en tres meses dende finais de 2017. Mentres, no caso das vivendas alugadas a diminución é menor. Ao comezo da serie (iníciase en 2013) era habitual contabilizar máis de medio milleiro por trimestre e agora roldan os 400.