De escola a fogar: A Pastoriza busca na rehabilitación a solución ao problema de acceso á vivenda no rural

Escola na parroquia do Buriz (Guitiriz) © www.oburiz.es

Na Galicia rural existe un gran problema de acceso á vivenda, sobre todo para o seu alugueiro, o que se converte nunha dificultade engadida para quen queren establecerse nestes concellos, especialmente para mozos e mozas e para persoas con poucos recursos económicos. Vivendas baleiras hai moitas, pero unha gran parte necesitan obras de reforma e rehabilitación para seren habitadas e, sobre todo, a gran maioría destes inmobles están fóra do mercado, non está dispoñibles para o seu alugueiro. 

O Concello da Pastoriza vén de publicar unha convocatoria para poder acceder ao alugueiro de seis vivendas situadas en tres antigos colexios

Nos últimos anos varios concellos están a impulsar políticas e accións que buscan facilitar o acceso á vivenda, por exemplo a través da rehabilitación de inmobles que forman parte do patrimonio público, nomeadamente vellas escolas que xa non teñen uso. Na provincia de Lugo atopamos varias destas iniciativas, na Pastoriza, na Fonsagrada ou en Guitiriz.

A estrada, ao seu paso pola parroquia de Álvare, no concello da Pastoriza CC-BY-SA Elisardojm

Ademais, A Pastoriza está a rehabilitar dúas vellas escolas máis para destinalas a vivenda

Hai unhas semanas a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, subliñaba nesta entrevista que "é fundamental tamén crear as condicións para que as persoas que queren dedicarse a producir alimentos non atopen unha carreira de obstáculos ao seu paso", citando entre outras as dificultades de acceso á vivenda no rural. En termos semellantes falaba a economista María do Mar Pérez Fra cando sinalaba que "non imos repoboar o rural a base de heroes e de heroínas. Demandamos unhas condicións de vida mínimas".

Na Pastoriza o Concello publicou hai unhas semanas unha convocatoria para poder acceder ao alugueiro de seis vivendas situadas en tres antigos colexios (dúas vivendas en cada un) das parroquias de Crecente, Bretoña e Álvare. Os inmobles foron rehabilitados a través dun programa do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que financiou o 80% da obra, mentres que o Goberno local se encargou do 20%. 

Trátase de vivendas de pequeno tamaño (entre 65 e 72 metros cadrados) e un prezo moi económico (entre 150 e 180 euros mensuais) que contan con electrodomésticos novos, con contratos de cinco anos de duración, esixíndose o empadroamento na Pastoriza. Nas bases da convocatoria priorízanse as persoas con recursos económicos limitados ou que teñen fillos e fillas menores de 30 anos, tamén se prima aos mozos e mozas e ás persoas maiores de 65 e igualmente teñen máis opcións as mulleres vítimas de violencia de xénero ou as persoas que sufriron un desafiuzamento.

"Nesta comarca hai unha demanda enorme de vivenda. No caso da Pastoriza, é un concello que a pesar de perder poboación nas últimas décadas, conserva un gran dinamismo económico, grazas á súa situación agraria. Aquí hai un gran potencial para recibir xente de fóra que vén traballar", di Elva Carrera

"Nesta comarca hai unha demanda enorme de vivenda. No caso da Pastoriza, é un concello que a pesar de perder poboación nas últimas décadas, conserva un gran dinamismo económico, grazas á súa situación agraria. Aquí hai un gran potencial para recibir xente de fóra que vén traballar. Hai, ademais, moita xente nova que quere emanciparse e poñerse a vivir pola súa conta e tampouco atopan vivenda", explica en conversa con Praza.gal Elva Carrera (BNG), tenente de Alcalde da Pastoriza. "As explotacións están funcionando maioritariamente con traballadores de fóra do concello, que teñen que buscar onde vivir e prefiren facelo aquí, moito máis agora ante o aumento do prezo do combustible", engade.

Casa do Concello da Pastoriza CC-BY-SA Gabriel González

"Hai desconfianza por parte dos propietarios, que non teñen as garantías suficientes de recuperar a vivenda -no caso de alugalas- nas mesmas condicións que estaban", di

Porén, sinala a edil nacionalista, dáse unha situación de "gran contradición", porque a realidade é que "neste e outros concellos hai moitas casas baleiras e, por outro lado, atopámonos cunha gran demanda de vivenda". Para Elva Carrera "aquí hai un problema de gran desconfianza por parte dos propietarios, porque non teñen as garantías suficientes de recuperar a vivenda -no caso de alugalas- nas mesmas condicións que estaban". Ademais, engade, "a outros se cadra non lles compensa arranxar unha vivenda para alugala".

A tenente de Alcalde da Pastoriza reclama que "o Goberno galego debería tomar cartas no asunto e ver o que se está facendo noutras comunidades autónomas, coma o País Vasco, onde hai unha política de vivenda que merece a pena mirar para ela". "Non se deben pechar os ollos á realidade que temos. Ninguén no rural debería estar sen vivenda, se temos en conta a cantidade de vivendas pechadas que hai", di.

"O Goberno galego debería tomar cartas no asunto e ver o que se está facendo noutras comunidades autónomas, coma o País Vasco", di Elva Carrera

Neste senso, Carrera destaca que "moita xente estaría disposta a alugar vivendas que hoxe están pechadas, pero a esta xente hai que darlle unhas garantías e teñen que ter unha seguridade no momento en que as alugan, porque é o seu patrimonio". "A xente di 'para que vou arranxar unha vivenda se ao mellor ma deixan desfeita?'. Ese é o gran problema: o medo que os propietarios teñen a que lle desfagan a vivenda, a non cobrar a renda ou a non poder botar os inquilinos", conclúe.

Vista xeral da Pobra de Burón, na Fonsagrada CC-BY-SA Xurde Morán

"O outro motivo polo que decidimos arranxar estas vellas escolas foi para manter o patrimonio municipal, un patrimonio que nos vén herdado e que temos que poñer en uso e en valor", di a edil

As accións levadas a cabo polo Concello da Pastoriza non se limitan a estas seis vivendas, senón que nestes momentos se están a realizar obras de rehabilitación noutra antiga escola (Reigosa) para poder contar no futuro con dúas vivendas máis para o seu alugueiro nas mesmas condicións. Así mesmo, en breve comezará a reforma da antiga escola de Vián, que será destinada a vivenda de emerxencia social.  Ademais de facilitar o acceso á vivenda, sinala Elva Carrera, "o outro motivo polo que decidimos arranxar estas vellas escolas foi para manter o patrimonio municipal, un patrimonio que nos vén herdado -colexios, vivendas de mestres...- e co que contamos en case todas as parroquias, polo que temos que poñelo en uso e en valor".

Iniciativas noutros concellos

A Pastoriza non é o único concello no que se están a levar a cabo iniciativas deste tipo. Na Fonsagrada, o Concello vén de licitar por 66.913 euros a reforma da antiga escola da A Pobra do Burón, para dar lugar a dúas vivendas para uso social.

A Pastoriza non é o único concello no que se están a levar a cabo iniciativas deste tipo. Na Fonsagrada ou Guitiriz atopamos outros exemplos

Destacan igualmente as accións postas en marcha nos últimos anos polo Concello de Guitiriz, que levou a cabo obras de reforma e rehabilitación en antigas escolas para destinalas a vivenda de alugueiro ou a usos sociais e de emerxencia. Aínda o pasado mes de marzo o Goberno local anunciou que viña de ofrecer dous destes antigos colexios (en Becín e Campoverde) para acoller a familias ucraínas que fuxían na guerra no seu país. En Guitiriz -un termo municipal extenso- outras antigas escolas situadas en varias parroquias (Pardiñas, Pígara, Labrada, Santa Cruz de Parga...) foron aproveitadas nos últimos anos para novos usos, sendo vendidas ou cedidas á poboación destas zonas para o seu aproveitamento público.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.