A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cifra en 340.500 as vivendas baleiras en Galicia. 90 mil atópanse nas sete cidades, pero é nos concellos rurais, especialmente en Ourense, Costa da Morte ou Ortegal, onde a porcentaxe de inmobles desocupados é maior
En Galicia hai un gran número de vivendas baleiras. O censo do 2011 (último dispoñible, o correspondente a 2021 coñecerase nos vindeiros meses) situaba a cifra total en preto de 300 mil (299.301), o 18,64% do total. As cidades presentan un crecente problema de acceso á vivenda, acrecentado nos últimos anos por un importante aumento dos prezos dos alugueiros e a presión dos pisos turísticos, que reduciron ao mínimo os inmobles dispoñibles para o seu alugueiro. Porén, os problemas nas zonas rurais non son menores, a pesar de contar con porcentaxes de casas baleiras superiores ás das zonas urbanas. De feito, probablemente as dificultades de acceso á vivenda nos concellos rurais son mesmo superiores.
Hai uns días a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) publicou un novo informe que recolle as vivendas baleiras existentes en cada concello na actualidade. FEGEIN cifra en 340.500 estas vivendas baleiras (o 21,25%), por riba dos datos do censo de 2011, aínda que ambos os dous datos non poden ser comparados, ao seren obtidos a través de metodoloxías diferentes.
A Coruña (19.283), Vigo (18.588) e Ourense (14.561) son os concellos galegos con máis vivendas baleiras, seguidos de Lugo (12.370), Santiago (9.512), Ferrol (8.318) e Pontevedra (6.886)
A Federación destaca que aínda que as cidades teñen as maiores cifras absolutas de vivendas baleiras, pois entre as sete urbes galegas suman case 90.000, son os concellos rurais as zonas con maiores porcentaxes de casas desocupadas, moi por riba da media galega. Entre as cidades, segundo os datos de FEGEIN, Ourense, Lugo e Ferrol presentan as maiores proporcións de vivendas baleiras, ao redor do 20%, mentres que as porcentaxes baixan ao 17% en Pontevedra e Ferrol, ao 14% na Coruña e ao 13% en Vigo.
A Coruña (19.283), Vigo (18.588) e Ourense (14.561) son os concellos galegos con máis vivendas baleiras en termos absolutos, seguidos de Lugo (12.370), Santiago (9.512), Ferrol (8.318) e Pontevedra (6.886)
Nun gran número de concellos rurais a porcentaxe de vivendas baleiras supera o 30% do total de vivendas existentes no termo municipal. A lista está encabezada por tres localidades ourensás: Porqueira (40,6%), Castrelo de Val (38,3%) e Melón (37,4%)
En cambio, nun gran número de concellos rurais a porcentaxe de vivendas baleiras supera o 30% do total de vivendas existentes no termo municipal. A lista está encabezada por tres localidades ourensás: Porqueira (40,6%), Castrelo de Val (38,3%) e Melón (37,4%). Ramirás, Rairiz de Veiga, Carballeda de Avia, Carnota, Cedeira, Foz, Malpica de Bergantiños, Maside, Camariñas, Cariño, Laza, Celanova, San Cibrao das Viñas, Avión, Cee e Mañón tamén superan o 30%. Concellos que se distribúen por varias comarcas, varias en Ourense pero tamén na Costa da Morte ou o Ortegal.
No outro extremo atopamos un amplo grupo de concellos nos que as vivendas baleiras son minoría. Especialmente Dodro, Dumbría ou Mos, por debaixo do 3%. Pero tamén Folgoso do Courel, Muíños, Boimorto, Touro, Guntín, Vilar de Santos, Covelo, Rois, Tomiño, Crecente, Meis, Valga, Verea ou O Páramo, con menos do 8% das súas casas desocupadas. Neste caso o mapa amosa que a provincia de Pontevedra, agás a comarca do Deza, presenta as menores porcentaxes.
Só unha pequena parte das vivendas baleiras están "no circuito de comercialización" e unha ampla porcentaxe (o 78%) "necesitan unha rehabilitación ou reforma"
En calquera caso, é moi diferente que unha vivenda estea baleira e que esta sexa habitable. E, de igual xeito, moitas destas vivendas baleiras (mesmo as habitables) non están dispoñibles. Este é un dos aspectos nos que máis incide o informe da FEGEIN, que destaca que só unha pequena parte das vivendas baleiras "se atopan no circuito de comercialización". Ademais, salienta que unha ampla porcentaxe das vivendas baleiras (o 78%) "necesitan unha rehabilitación ou reforma".
"As administracións non están a ser capaces de mobilizar a vivenda baleira nun contexto de axudas económicas á rehabilitación como nunca houbo", di FEGEIN
Neste senso a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias afirma que "as administracións non están a ser capaces de mobilizar a vivenda baleira nun contexto de axudas económicas á rehabilitación como nunca houbo". A entidade reclama a este respecto "axilidade nos trámites de planificación e de licenzas de obra nova, rehabilitación ou reformas" para "diminuír os longos e inadmisibles prazos urbanísticos". FEGEIN pide tamén "incrementar a contía das bonificacións sobre o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO)" e "acelerar a tramitación das axudas para a rehabilitación e vinculalas ao cumprimento dos obxectivos da Axenda Española 2030 en materia de eficiencia enerxética, conservación ambiental e en materia de accesibilidade".
A entidade reclama "axilidade nos trámites de planificación e de licenzas de obra nova ou reformas"
Benito Iglesias, presidente de FEGEIN, pide observar a situación de Portugal, onde os tempos de espera medios dunha licenza urbanística se moven "entre un mes e dous meses", fronte aos "14 meses de espera media en Galicia para unha licenza municipal de obras". Iglesias destaca que estas maiores facilidades impulsaron ao sur do Miño as reformas e rehabilitacións, que supoñen o 81% das vivendas vendidas no ano 2020.
Son varias as iniciativas que nos últimos anos se están a lanzar para impulsar a rehabilitación de vivendas en distintos lugares de Galicia. Destaca a posta en marcha polo Concello de Rianxo, que buscan fomentar a recuperación de inmobles, poñendo en contacto a propietarios de edificios baleiros con posibles interesados en habitar unha nova vivenda. A rehabilitación, destacaban daquela os responsables do rexistro de Rianxo, supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor, un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar".
O número anual de inmobles rehabilitados en Galicia apenas variou na última década, movéndose entre os 1.200 e os 1.800, incrementándose un chisco dende o ano 2015
Aínda así, o número anual de inmobles rehabilitados en Galicia apenas variou na última década, movéndose entre os 1.200 e os 1.800, incrementándose un chisco dende o ano 2015. O número de edificios de nova planta si experimentou grandes cambios na última década, dende a auxe que levou á burbulla inmobiliaria que estoupou no ano 2007 ata o freo no ámbito da construción de vivenda nova entre 2010 e 2015, que só nos últimos anos comezou a reaxir.