Entra en vigor o rexistro obrigatorio de pisos turísticos, que en Galicia se duplicaron en tres anos

©

Dende este martes 1 de xullo, todos os pisos turístico e os alugueiros de tempada están obrigados a contar cun número de rexistro do Ministerio de Vivenda. Deberán facelo constar nas plataformas nas que se anuncien (Airbnb, Booking...) e noutros materiais promocionais

Dende este martes 1 de xullo, todos os pisos turístico e os alugueiros de tempada están obrigados a contar cun número de rexistro do Ministerio de Vivenda, que hai varias semanas habilitou co Colexio de Rexistradores un unha aplicación para que as persoas propietarias das vivendas que desexen operar legalmente poidan dalas de alta de forma sinxela. Ata o pasado 27 de xuño o rexistro recibira preto de 200.000 solicitudes, a maior parte correspondentes a vivendas de uso turístico.

A partir de agora, para poder funcionar sen incumprir a lei, estes pisos turísticos deberán dispoñer deste número de rexistro e facelo constar nas plataformas nas que se anuncien (Airbnb, Booking...) e noutros materiais promocionais. Tamén o necesitan os alugueiros de tempada, é dicir vivendas que se alugan por periodos inferiores a un ano destinados a "estudantes, traballos temporais ou estadías durante tratamentos médicos.

Galicia conta con case 28 mil vivendas de uso turístico inscritas no rexistro da Xunta (27.899 o 1 de xuño), o dobre que hai tan só tres anos. No que levamos de ano o rtimo de crecemento non freou

O paso adiante dado polo Ministerio de Vivenda busca rematar coa actual situación de descontrol creada pola multiplicación de pisos turísticos en moitas localidades, establecementos que en moitos casos operan sen ningún tipo de rexistro legal e que están a provocar efectos prexudiciais sobre a dispoñibilidade de vivenda e o prezo do alugueiros, retirando inmobles do mercado e dificultando o acceso a un fogar para moitas persoas.

O rexistro obrigatorio do Ministerio de Vivenda chega nun momento no que Galicia conta con case 28 mil vivendas de uso turístico inscritas no rexistro da Xunta (27.899 o 1 de xuño), o dobre que hai tan só tres anos, a comezos de 2022. Nese momento había 14.068 inmobles rexistrados e dende entón a cifra non fixo máis que medrar. No que levamos de ano o rtimo de crecemento non freou e tan só entre xaneiro e xuño preto de dous mil novos pisos turísticos incorporáronse ao rexistro da Xunta.

Unha parte dos pisos turísticos que operan en Galicia veñen funcionando de forma ilegal, sen pasar polo obrigatorio rexistro da Xunta ou sen contar coa necesaria licenza municipal naqueles concellos -como Santiago- que así o esixen

Pénsase, ademais, que unha parte importante dos pisos turísticos que operan en Galicia veñen funcionando de forma ilegal, sen pasar polo obrigatorio rexistro da Xunta ou sen contar coa necesaria licenza municipal naqueles concellos -como Santiago- que así o esixen. Porén, ata agora pouco ou nada se fixo dende o Goberno galego para sancionar as persoas que estaban a incumprir a legalidade. 

En maio, de feito, o Ministerio de Consumo remitiu á Xunta datos de 9.647 pisos turísticos que incumpren a normativa galega, unha información que foi recibida con críticas por parte do Goberno galego, que lle recriminou a Consumo ter feito pública a información antes de remitila. Hai catro días Booking aceptou eliminar máis de 4.000 anuncios de pisos turísticos tras un requirimiento de Consumo, ningún deles situado en Galicia.

Sanxenxo é con gran diferenza o concello galego con máis pisos turísticos (3.226) e tamén lidera en termos relativos á súa poboación, con 947 prazas por cada mil habitantes

En Galicia, mentres, a información estatística que ofrece a Xunta a partir do seu rexistro de vivendas de uso turístico -posiblemente incompleto pero moi exhaustivo- amosa que mes a mes o número de pisos turísticos non deixa de medrar. O mapa amosa que estes establecementos se concentran nas localidades costeiras, aínda que nos últimos tres anos as cifras das sete cidades galegas aumentaron moi por riba da media, contribuíndo a empeorar a crise de vivenda nas zonas urbanas. Noutras áreas turísticas (Camiño Francés, Ribeira Sacra...) tamén hai varios concellos cun número significativo de VUT.

Sanxenxo é con gran diferenza o concello galego con máis pisos turísticos (3.226) e tamén lidera en termos relativos á súa poboación, con 947 prazas por cada mil habitantes. Barreiros (909 prazas por cada mil habitantes) presenta cifra relativas moi semellantes, nunha lista na que seguen Carnota, Fisterra, Vicedo, O Grove, Corcubión, Foz, Mañón e Laxe, todos con máis de 300 prazas en pisos turísticos por cada mil habitantes.

1.349 inmobles corresponden a empresas ou persoas con dez vivendas ou máis. Outros 4.708 pisos turísticos son propiedade de empresas ou persoas que posúen entre 3 e 10 vivendas

As preto de 28 mil vivendas de uso turístico pertencen maioritariamente a pequenos propietarios, de xeito que tan só 1.349 inmobles corresponden a empresas ou persoas con dez vivendas ou máis. Outros 4.708 pisos turísticos son propiedade de empresas ou persoas que posúen entre 3 e 10 vivendas. 

Sanxenxo é o concello con máis pisos turísticos (3.226), nunha lista na que seguen Vigo e A Coruña e despois as localidades litorais de O Grove e Foz. Santiago, Cangas, Vilagarcía e Barreiros superan tamén as 500 vivendas de uso turístico no rexistro da Xunta. 

Dende o ano 2022 o número de VUT en case todos os concellos vén medrando de forma moi importante, con porcentaxes que van dende o 50% de Carnota e Sanxenxo, ata o 70% de Barreiros, Fisterra ou Pontevedra, o 100% de Foz ou Ribadeo e o 150% da Coruña, Viveiro, Lugo ou Cambados. Vigo (+248%), Ferrol (+212%) ou Vilagarcía (+174%) superan amplamente esa cifra de aumento.

Dende o ano 2022 o número de VUT vén medrando de forma moi importante, con porcentaxes que van dende o 50% de Carnota e Sanxenxo, ata o 70% de Barreiros, Fisterra, o 100% de Foz ou Ribadeo e o 150% de Viveiro ou Cambados

A única excepción entre as principais cidades e vilas galegas é Santiago. A urbe sede da capitalidade foi ata o ano 2021 a cidade galega con máis vivendas de uso turístico. Porén, foi tamén o primeiro concello en tomar conciencia dun problema que estaba a converter o seu casco histórico nun enorme hotel, expulsando os residentes permanentes que lle dan vida continuada a un barrio. Os sucesivos Gobernos municipais de Compostela Aberta, PSdeG-PSOE e BNG adoptaron medidas para poñer couto á expansión desta actividade, un conxunto normativo que se completou o pasado ano coa aprobación dunha ordenanza de BNG e CA apoiada polos concelleiros e concelleiras que nese momento formaban o grupo municipal do PSdeG. 

Nos últimos anos o número de vivendas de uso turístico rexistradas en Compostela mantense estable e mesmo comezou a descender. Das 811 que había inscritas na Xunta en xaneiro de 2024, hoxe tan só fican 694. O número de pisos turísticos que operan coa necesaria licenza municipal é moi inferior: 66, con datos do pasado mes de abril. 

En Vigo o crecemento foi do 248% e en Ferrol do 212%. A única excepción entre as principais cidades e vilas galegas é Santiago, onde as medidas postas en marcha dende hai anos están a provocar un descenso no número de pisos turísticos

Esta evolución contrasta coa que se vén dando nas restantes cidades galegas. Mentres que no último ano e medio -dende xaneiro de 2014- o número de pisos turísticos descende en Compostela, en Vigo pasou de 1.600 a 2.406, na Coruña de 1.180 a 1.405 e nas restantes urbes a cifra tamén presenta un aumento sostido, especialmente en Ferrol, Lugo e Ourense.

Na Coruña, iso si, o Goberno local aprobou unha nova ordenanza reguladora das vivendas de uso turístico, que só permitirá o seu emprazamento en primeiros andares ou baixos. Tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva. O texto tamén estipula as pautas para declarar unha zona saturada de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novos establecementos en distritos afectados pola súa excesiva proliferación. Por exemplo, distritos nos que o número de pisos turísticos sexa superior a 0,5 por cada 100 habitantes. Con este criterio, o centro de todas as cidades galegas sería 'zona saturada' de pisos turísticos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.