O número dos establecementos rexistrados legalmente na Xunta (23.772 na actualidade) duplicouse nos últimos tres anos, limitando o xa reducido número de vivendas dispoñibles para alugueiro de longa duración
Nos últimos cinco anos a proliferación das vivendas de uso turístico veu converténdose nun problema de primeira magnitude en moitas cidades e vilas galegas. O número dos establecementos rexistrados legalmente na Xunta (23.772 na actualidade) duplicouse nos últimos tres anos, provocando unha diminución dos inmobles dispoñibles para o alugueiro de longa duración e dificultando así o acceso a unha vivenda para moitas persoas.
O parque de vivendas de alugueiro é moi limitado e nos últimos anos foi descendendo de forma continuada, o que ademais provocou un incremento do prezos de case o 40% dende o 2017, especialmente nas cidades. Segundo a patronal das inmobiliarias galegas (FEGEIN), en toda Galicia o número de inmobles que poden ser alugados limítase a 2.780, unha cifra moi cativa e que, ademais, está en descenso dende os 3.550 de hai dous anos. O parque de vivenda pública é, ademais, moi limitado.
En Vigo, a cidade galega que acumula máis pisos turísticos, o número dos rexistrados legalmente pasou de 691 a 1.798 dende o 2022, case o triplo. Na Coruña, de 577 a 1.291, máis do dobre. Tamén Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol duplicaron as súas cifras en dous anos e medio
Antes do ano 2020 o número de pisos turísticos en Galicia era moi inferior e, ademais, concentrábase principalmente en determinadas vilas litorais, onde se levaba a cabo unha contratación de tempada, principalmente no verán. Nas cidades, coa excepción de Santiago -tamén por motivos ligados ao turismo- a cantidade de vivendas de uso turístico era case testemuñal. Porén, nos últimos dous anos as cifras disparáronse.
En Vigo, a cidade galega que acumula máis pisos turísticos, o número dos rexistrados legalmente pasou de 691 a 1.798 dende o 2022, case o triplo. Na Coruña, de 577 a 1.291, máis do dobre. Tamén Pontevedra, Lugo, Ourense e Ferrol duplicaron as súas cifras en dous anos e medio. Tan só Compostela, a primeira que estableceu limitacións á proliferación das vivendas de uso turístico, foi quen de conter a súa expansión nos últimos anos.
O Ministerio de Vivenda valora a modificación da Lei de Propiedade Horizontal para que os as comunidades de veciños teñan poder de decisión sobre a apertura de pisos turísticos nos seus edificios
Os problemas que xera a saturación deste tipo de establecementos nos centros das cidades están a forzar a moitos gobernos locais a poñer en marcha medidas semellantes. Así, o Concello da Coruña está a notificar aos propietarios dos pisos turísticos que deben tramitar a pertinente comunicación da súa actividade económica ao Concello para, posteriormente, peneirar os pisos turísticos en función do seu axuste ao PXOM, que en función da zona só os permite en baixos, primeiros andares e edificios completos.
Este mesmo mércores o Ministerio de Vivenda anunciou que traballará conjuntamente coas entidades locais para tratar o problema xerado polos pisos turísticos. Así mesmo, anuncia que se está a valorar a modificación da Lei de Propiedade Horizontal para que os as comunidades de veciños teñan poder de decisión sobre a apertura de pisos turísticos nos seus edificios. A ministra Isabel Rodríguez subliñou que "temos de abordar a fraude e o abuso deste tipo de situacións que están lesionando o dereito á vivienda con uso residencial".
Destaca o incremento que se produciu en Vigo (+160%), Monforte (+151%), Burela (+140%), Moaña (+132%), Viveiro (+127%), A Coruña (+124%), Cambados (+115%), Ferrol (+109%)
En Galicia os pisos turísticos seguen a concentrarse no litoral e, de feito, Sanxenxo continúa a ser o concello cun maior número (2.874), por diante de Vigo, A Coriña e Santiago. Outras vilas litorais, coma O Grove, Cangas, Foz, Barreiros, Vilagarcía de Arousa, Poio, Viveiro, Baiona, Fisterra e Bueu, aparecen tamén nos primeiros lugares, todas con máis de 400 establecementos rexistrados legalmente.
Onde está a aumentar de forma máis importante o número de pisos turísticos? Nos últimos dous anos e medio, destaca o incremento que se produciu en Vigo (+160%), Monforte (+151%), Burela (+140%), Moaña (+132%), Viveiro (+127%), A Coruña (+124%), Cambados (+115%), Ferrol (+109%). É dicir, dende o 1 de xaneiro de 2022 en todas estas localidades a cifra máis que se duplicou.
En zonas de Sanxenxo e Vigo a porcentaxe de pisos turísticos sobre o total de vivendas supera o 10%. Lugares de Muxía, Ortigueira, O Grove, Carnota, Meis, Ponteceso, Ribadeo, Fisterra ou Poio superan o 7%.
Existe saturación? O Ministerio de Industria publicou nos últimos meses unha información estatística que poñía en relación o número de vivendas de uso turístico rexistradas legalmente e o número total de inmobles existentes nun lugar.
Galicia está lonxe do nivel de saturación existen en determinadas localidades do litoral mediterráneo ou en certos barrios céntricos das grandes cidades. Porén, en moitos lugares de Galicia a porcentaxe de vivendas que se converteron en pisos turísticos é xa moi elevada.
Hai que ter en conta que esta estatística non ten en conta a gran cantidade de vivendas baleiras existentes en Galicia. Galicia suma medio millón de vivendas baleiras e delas máis de 90 mil están nas sete cidades. Ademais, a porcentaxe de vivendas nas que non reside ninguén chega ata o 40% no centro das urbes galegas.
O mapa anterior amosa todas as seccións censuais nas que cando menos o 3% das vivendas existentes son pisos turísticos legais. A listaxe está encabezada por un barrio de Sanxenxo que chega ao 12% e outro de Vigo (en Navia) que supera o 10%. Certos lugares de Muxía, Ortigueira, O Grove, Carnota, Meis, Ponteceso, Ribadeo, Fisterra ou Poio superan o 7% de vivendas turísticas sobre o total.
Na cidade de Vigo destaca a situación do barrio de Navia, con porcentaxes que superan o 10%, pero tamén no centro da cidade, preto do Areal, hai zonas que superan o 5%.
Na Coruña a maior concentración dáse na Pescaría e na Cidade Vella, con porcentaxes que roldan o 5%. En Monte Alto e Riazor hai tamén rúas que roldan o 3%
En Compostela a maior concentración dáse na Cidade Vella e no Ensanche, con varias zonas que superan o 5%.