Galicia suma medio millón de vivendas baleiras polo despoboamento do rural e os inmobles sen uso nas cidades

Edificio á venda en Samos nun avanzado estado de deterioro CC-BY-SA Praza.gal

Galicia ten máis de medio millón de vivendas baleiras, case o 29% do total das existentes no país (o 28,8%), segundo os datos do Censo do ano 2021 que este venres publicou o Instituto Nacional de Estatística. A porcentaxe é a maior de todo o Estado e duplica a media española (14,4%). 

A porcentaxe de vivendas baleiras en Galicia (28,8%) é a maior de todo o Estado e duplica a media (14,4%)

Para a obtención destes datos, o INE estudou o consumo eléctrico realizado en cada vivenda durante o ano 2020. É a primeira vez que esta estatística se obtén a través dunha medición obxectiva, pois ata o censo de 2011 as viviendas clasificábanse en principais, secundarias e baleiras, segundo a información que recollía o axente censual que visitaba o edificio.

Esta técnica permítelle ao INE detallar a información, apuntando que ademais dese 28,8% de vivendas baleiras en Galicia, hai outro 3,11% de vivendas con consumos eléctricos moi baixos e outro 8,1% de inmobles con consumos "esporádicos", correspondentes nomeadamente a segundas residencias, empregadas de forma intermitente ou só nalgúns momentos do ano. O 60% restante ten un consumo eléctrico normal.

Ademais dese 28,8% de vivendas baleiras en Galicia, hai outro 3,11% de vivendas con consumos eléctricos moi baixos e outro 8,1% de inmobles con consumos "esporádicos"

Neste senso, Galicia sitúase por debaixo da media do Estado no que atinxe ás vivendas con consumos esporádicos (8% fronte ao 9,4% estatal) e tamén nas vivendas con "baixos consumos" (3,1% fronte á media do 3,5%). Estes capítulos están liderados por A Rioxa, Cantabria, Castela e León, Asturias ou Aragón.

A porcentaxe de vivendas baleiras en Galicia que proporciona o Censo de 2021 é semellante ao que apuntaba o Censo de 2011 (28,26%). Porén, hai unha década a porcentaxe de vivendas baleiras no conxunto do Estado (18%) era notablemente superior á actual do 14%.

En Cuntis, Laza, Cervantes, Navia de Suarna, O Páramo, Sandiás e O Incio máis do 70% das vivendas existentes están baleiras

Os concellos rurais son os que presentan unhas porcentaxes máis elevadas de vivendas baleiras, produto do proceso de despoboamento que se remonta cando menos ás primeiras décadas do século XX. En Cuntis, Laza, Cervantes, Navia de Suarna, O Páramo, Sandiás e O Incio máis do 70% das vivendas existentes están baleiras, e un total de 85 concellos superan o 50% de vivendas baleiras, unha cifra que é maior, pois o INE non achega información dun gran número de pequenos concellos. Cómpre lembrar que dous de cada tres concellos galegos teñen na actualidade menos poboación que en 1900 

A porcentaxe de inmobles sen uso é do 26% na cidade de Ferrol, do 23% na de Pontevedra e do 22% na de Ourense. Lugo supera o 17% e Vigo e A Coruña roldan o 15%. Tan só Compostela presenta cifras menores, por debaixo do 11%. En conxunto, as sete cidades galegas suman ao redor de 90 mil vivendas baleiras

O dato xeral de vivendas baleiras fala do despoboamento que se produce no rural galego, pero os datos son tamén elevados na Galicia urbana, o que en gran medida responde a outros fenómenos, con milleiros de edificios que non están habitados por ninguén nun contexto, ademais, de falta de vivenda, espeicalmente no mercado de alugueiro

A porcentaxe de inmobles sen uso é do 26% na cidade de Ferrol, do 23% na de Pontevedra e do 22% na de Ourense. Lugo supera o 17% e Vigo e A Coruña roldan o 15%. Tan só Compostela presenta cifras menores, por debaixo do 11%.

En cifras absolutas, estas porcentaxes significan que no concello de Vigo hai case 22 mil vivendas baleiras, na Coruña máis de 20 mil e en Ourense case 15 mil. Lugo e Ferrol superan as dez mil vivendas baleiras cada unha e Santiago e Pontevedra roldan as seis mil respectivamente. En conxunto, as sete cidades galegas suman ao redor de 90 mil vivendas baleiras.

Entre as urbes de máis de 200.000 habitantes, as dúas galegas (Vigo e A Coruña) ocupan a segunda e a terceira posición en canto á porcentaxe de vivendas baleiras, só por detrás de Santa Cruz de Tenerife

Os concellos galegos de todo tipo lideran a lista de localidades con máis vivendas baleiras no Estado. De feito, o propio INE destaca que entre os vinte concellos de máis de 10.000 habitantes cunha maior porcentaxe de inmobles sen uso hai dez galegos, encabezados por Mos na segunda posición (47%), Monforte na terceira (40%) e Verín na quinta (38%). Lalín, O Porriño, Bueu, Rianxo, Betanzos e Sarria tamén figuran nestas primeiras vinte posicións.

O mesmo pasa se falamos das grandes cidades. Entre as urbes de máis de 200.000 habitantes, as dúas galegas (Vigo e A Coruña) ocupan a segunda e a terceira posición en canto á porcentaxe de vivendas baleiras, só por detrás de Santa Cruz de Tenerife e -coa excepción das Palmas de Gran Canaria e Cartaxena, con cifras semellantes ás ubes galegas- moi lonxe do resto.

Unha parte importante dese medio millón de vivendas baleiras, sobre todo as existentes nas zonas rurais, corresponden a inmobles antigos ou moi antigos, que na súa maior parte non se atopan en condicións de ser habitados e necesitan importantes obras de rehabilitación. 

En Galicia o 19% das vivendas (habitadas ou non) foron construídas antes de 1940, unha porcentaxe superior á media do Estado (11%). Unha parte moi importante das vivendas actuais (o 17%) foron construídas na década da burbulla inmobiliaria, entre os anos 2001 e 2010

De feito, en Galicia o 19% das vivendas (habitadas ou non) foron construídas antes de 1940, unha porcentaxe superior á media do Estado (11%). Se tomamos unicamente os datos das vivendas principais, as porcentaxes descenden ata o 14,4% en Galicia e o 8,5% no conxunto de España.

Unha parte moi importante das vivendas actuais foron construídas na década da burbulla inmobiliaria, entre os anos 2001 e 2010. O 17% das vivendas galegas (o 19% no conxunto do Estado) son dese tempo e o 14% da década anterior (entre 1991 e 2000). En cambio, o ritmo construtor descendeu notablemente nos últimos anos, e tan só o 3% das vivendas existentes foron executadas entre 2011 e 2020.

Lugo é un dos territorios do Estado cunha maior porcentaxe de vivendas anteriores a 1900 (12% do total, fronte á media galega do 4% ou á española do 2%). E a ourensá destaca pola gran cantidade de inmobles construídos entre 1900 e 1920 (18% fronte á media galega do 10% e a española do 5%)

Os datos de antiguüidade das vivendas nas provincias da Coruña e Pontevedra son semellantes á media estatal, tanto no que atinxe á cantidade de inmobles anteriores a 1940, coma no impacto da burbulla inmobiliaria previa á Gran Recesión. En cambio, a estatística de Lugo e Ourense presenta interesantes particularidades. A provincia lucense é un dos territorios do Estado cunha maior porcentaxe de vivendas anteriores a 1900 (12% do total, fronte á media galega do 4% ou á española do 2%). E a ourensá destaca pola gran cantidade de inmobles construídos entre 1900 e 1920 (18% fronte á media galega do 10% e a española do 5%).

De igual xeito, a cantidade de vivendas construídas entre os anos 2001 e 2010 foi significativamente inferior á media tanto en Lugo (15%) como sobre todo en Ourense (11%).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.