Cando nestes día a PAH de Vigo-Tui e Baixo Miño protestaba ante o Concello pola situación de Analía Méndez, sinalaba con frecuencia ao evidente paradoxo de que esta e outras familias poidan quedar na rúa, sen acceso posible a inmoble ningún, cando só no termo municipal vigués hai máis de 18 mil vivendas baleiras. A situación repítese en toda Galicia, onde segundo as cifras do Censo do INE correspondentes a 2011 hai case 300 mil vivendas baleiras (299.396).
Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa
120.069 están na Coruña, 78.152 en Pontevedra, 55.936 en Ourense e 45.239 en Lugo. E en total representan case o 30% do total de inmobles principais existentes en Galicia (1.059.233); a proporción é aínda maior en Ourense (40,7%) e Lugo (33,3%) e supera en moito á proporción de vivendas baleiras en toda España (ao redor do 20% do total).
Chama a atención, igualmente, que desas 300 mil vivendas baleiras existentes en Galicia, máis de 75 mil foran construídas na última década, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil correspondan á década dos noventa. É dicir, máis de un de cada tres inmobles baleiros de Galicia son novos ou case novos.
Por concellos, cómpre salienta que é a cidade da Coruña o que acumula un meirande número de inmobles deshabitados, un total 19.283 vivendas baleiras (4.057 construídas na última década), seguida de Vigo con 18.588 (3.982) e Ourense con 14.561 (3.238). O número é moi elevado igualmente en Lugo, con 12.370 (1.962), Compostela con 9.512 (2.318), Ferrol con 8.318 (914), e Pontevedra con 6.886 (1.549). Vilagarcía, Sanxenxo, Ames, Lalín, Arteixo, Culleredo, Carballo, Monforte ou Narón tamén superan as tres mil vivendas baleiras en todos os casos.
Vivendas baleiras | Vivendas baleiras posteriores a 2001 | |
---|---|---|
A Coruña | 19.283 | 4.057 |
Vigo | 18.588 | 3.982 |
Ourense | 14.561 | 3.238 |
Lugo | 12.370 | 1.962 |
Compostela | 9.512 | 2.318 |
Ferrol | 8.318 | 914 |
Pontevedra | 6.886 | 1.549 |
Ante esta situación unha das demandas dos colectivos que traballan por un acceso universal á vivenda, recollido da Constitución, é que as administracións públicas poñan a disposición das persoas sen fogar ou en risco de perder a súa vivenda (por un lanzamento hipotecario ou pola imposibilidade de facer fronte ao pago do aluguer) o parque de vivendas do que dispoñen. Unha das consecuencias da crise económica e do rescate e nacionalización das entidades bancarias quebradas foi que a meirande dos seus activos inmobiliarios foron recollidos pola Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb), o chamado banco malo, e de propiedade estatal.
A Sareb acumula activos inmobiliarios valorados en 65 mil millóns de euros, o que a converte sobre o papel na meirande inmobiliaria de Europa, aínda que moitos destes activos terán finalmente un valor moito máis reducido. En calquera caso, o Estado posúe a través do Sareb máis de cen mil inmobles novos e un número moi importante de predios que nos últimos meses comezou a poñer á venda, tamén en Galicia.