Hai 90.929 vivendas baleiras nas sete cidades galegas, encabezadas polas máis de 20 mil de Vigo e A Coruña, as case 15 mil de Ourense e as máis de 10 mil de Ferrol e Lugo, con preto de 6 mil en Santiago e Pontevedra
Nas sete cidades galegas hai algo máis de 90 mil vivendas baleiras (90.929), segundo os datos do Censo de 2021. Unha realidade que permanece no tempo (o censo de 2011 informaba da existencia de 89.518 vivendas baleiras nas sete urbes) e que contrasta cunha situación de falta de vivenda dispoñible para mercar e, sobre todo, para alugar. Nos seus últimos informes a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) indica que os sete concellos máis poboados de Galicia suman pouco máis de mil vivendas dispoñibles para alugar.
É certo que unha parte destes inmobles baleiros corresponden a vivendas inhabitables polas súas malas condicións, en ocasións con máis dun século de antigüidade. O Censo de 2011 si ofrecía o dato do ano de construción dos edificios nos que se situaban estas vivendas non habitadas, o que permitía comprobar que nese momento 18 mil das 90 mil casas baleiras nas cidades tiñan menos dunha década (foran construídas entre 2001 e 2011) e varios miles máis databan da década dos noventa.
O Censo de 2021 modificou a súa metodoloxía para a clasificación das vivendas baleiras, que pasa a depender do consumo eléctrico e que xa non informa do ano de construción. Esta información sobre o consumo eléctrico, máis fiable, é a que ofrece o dato de 90.929 vivendas baleiras nas sete cidades galegas, encabezadas polas máis de 20 mil de Vigo e A Coruña, as case 15 mil de Ourense e as máis de 10 mil de Ferrol e Lugo, con preto de 6 mil en Santiago e Pontevedra. As vivendas baleiras representan o 15% do total en Vigo ou na Coruña, pero soben ata o 26% en Ferrol ou o 22% en Ourense. Santiago é a cidade cunha porcentaxe máis baixa, menos do 11%.
As vivendas baleiras representan o 15% do total en Vigo ou na Coruña, pero soben ata o 26% en Ferrol ou o 22% en Ourense. Santiago é a cidade cunha porcentaxe máis baixa, menos do 11%
A esta cifra de vivendas sen consumo eléctrico, pódense sumar outras 14 mil cun consumo eléctrico practicamente nulo (inferior a 250 kwh no conxunto do ano), o que indica que están baleiras a maior parte do tempo. Cómpre salientar a existencia doutras 45 mil vivendas nas cidades que se identifican como de "uso esporádico" (cun consumo eléctrico anual entre 250 e 750 kwh), cunha ocupación só algúns días ao ano, o que pode indicar un uso como segundas residencias ou como pisos turísticos.
En conxunto, as vivendas cun consumo eléctrico non-normal superan o 37% en Ferrol, pasan do 33% en Ourense e Lugo. No resto das urbes móvense entre o 23% e o 24%. Cómpre salientar que se considera consumo normal aquel que nun ano supera os 750 kwh e que a mediana de consumo (o dato máis habitual) se move na maior parte das cidades entre os 2.100 e os 2.400 kwh.
O Censo non localiza as vivendas baleiras por distritos e seccións censuais, pero si informa da porcentaxe de vivendas principais (aquela que se utiliza todo o ano ou a meirande parte do ano -máis de 6 meses- como residencia habitual dalgunha persoa, con independencia de que estea ou non empadroada alí) en cada lugar
Así pois, nas cidades hai un gran número de vivendas baleiras e un número aínda máis importante de inmobles nos que non reside habitualmente ningunha persoa e que, como moito, teñen unha ocupación esporádica. Onde se sitúan estas casas sen xente?. No Censo de 2021 non se localizan as vivendas baleiras por distritos e seccións censuais, pero si se informa da porcentaxe de vivendas principais (aquela vivenda que se utiliza todo o ano ou a meirande parte do ano -máis de 6 meses- como residencia habitual dalgunha persoa, con independencia de que estea ou non empadroada alí) existente en cada lugar.
A proporción de vivendas non principais nas cidades galegas móvese entre o 21% e o 23% de Vigo, A Coruña e Pontevedra e o 31% e o 34% que se rexistra en Santiago, Ferrol, Ourense e Lugo, porcentaxes moi semellantes ás dos inmobles con consumos eléctricos por debaixo do normal e que correspondían a casas baleiras ou de uso esporádico.
Atopamos, barrios nos que máis da metade das vivendas non están ocupadas cando menos 6 meses ao ano. Sucede así no centro de Lugo (52,6% de vivendas non principais), cunha porcentaxe moi semellante na Madalena ferrolá (42,1%)
Porén, no interior de cada cidade hai grandes diferenzas entre uns e outros distritos e as zonas con máis vivendas sen ocupantes son tanto as áreas rurais (existentes nos termos municipais de Lugo, Ferrol ou Ourense) coma os barrios máis céntricos de varias urbes, por exemplo Lugo (no interior da Muralla), Ferrol (A Madalena), Santiago (Ensanche), A Coruña (Cidade Vella e Peixaría) e Ourense (Casco Vello).
Atopamos, de feito, barrios nos que máis da metade das vivendas non están ocupadas cando menos 6 meses ao ano. Sucede así no centro de Lugo (52,6% de vivendas non principais), cunha porcentaxe moi semellante na Madalena ferrolá (42,1%).
En contraste, hai tamén zonas das cidades galegas nos que son escasas as vivendas que non se empregan como residencia habitual, con porcentaxes por debaixo do 20% en varias parroquias de Pontevedra, en barrios de Vigo como Coia e Bouzas e da Coruña, coma A Agra do Orzán.
As zonas con máis vivendas sen residentes habituais están nas áreas rurais e tamén nos centros das cidades, especialmente os cascos históricos e barrios construídos hai máis de medio século
Os mapas por seccións censuais das sete cidades galegas permiten afondar aínda máis nestas diferenzas entre distritos, con numerosas zonas nas que atopamos porcentaxes moi elevadas de vivendas nas que non reside ninguén de maneira habitual. O patrón común amosa que as zonas con máis vivendas deshabitadas son tanto as áreas exteriores das cidades (que inclúen zonas rurais con casas que ou ben están baleiras ou ben son empregadas como segunda residencia) coma os barrios máis céntricos, especialmente os cascos históricos e barrios construídos hai máis de medio século.
Estes últimos casos son os máis interesantes, pois mentres que nas zonas rurais estamos a falar dun baixo número de vivendas deshabitadas, nos centros densamente urbanizados, as cifras de vivendas baleiras (todo o ano ou a maior parte) con moito máis elevadas. Falamos ademais en boa parte das ocasións de vivendas relativamente novas.
Na Coruña, por exemplo, destaca a alta porcentaxe de vivendas baleiras na Cidade Vella, Peixaría, Ensanche e nos Mallos
Na Coruña, por exemplo, a pesar de non contar apenas con zonas rurais, as porcentaxes si medran de forma importante nas áreas de Bens, Martinete e Feáns. E, igualmente, fano en amplas zonas do centro, tanto da Cidade Vella e Peixaría coma do Orzán, parte de Monte Alto, Ensanche e nos Mallos.
Sucede tamén en todo o Centro de Vigo, dende o Areal aos barrios cruzados polas rúas de Urzaiz e a Gran Vía e, en xeral, en todo o litoral dende Bouzas a Saiáns.
Tamén en Ferrol, onde atopamos datos moi elevados de vivendas non principais tanto no amplo rural do termo municipal coma no centro histórico, especialmente en Ferrol Vello e A Madalena, con espazos nos que a porcentaxe de vivendas sen residentes habituais sobe do 55%, unha das máis altas de toda a Galicia urbana.
O mesmo sucede en Lugo, onde o anel rural exterior do termo municipal contén zonas con moitas vivendas non principais, o mesmo que o centro histórico, no interior da muralla, con varias seccións nas que se supera o 50% de vivendas sen residentes.
En Santiago, en cambio, o espazo rural semella estar moi poboado con residentes permanentes. Non sucede así co centro, cun gran número de seccións, especialmente no Ensanche, Zona Vella e barrios próximos á améndoa compostelá, nas que a porcentaxe de vivendas sen ocupantes habituais rolda o 50%. Pisos turísticos, estudantes que non pasan todo o tempo na cidade e vivendas baleiras serían os factores que explicarían esta elevada proporción.
Finalmente, en Ourense e Pontevedra atopamos situacións equiparables ás anteriores, cun Casco Vello ourensán cunha baixa densidade de ocupantes, o mesmo que a zona histórica pontevedresa. Con todo, hai diferenzas nas parroquias exteriores, que en Ourense si rexistran porcentaxes elevadas de vivendas non principais, algo que non sucede en Xeve ou Cerponzóns, por exemplo.