No momento de elaborar esta información, nos últimos días de xaneiro de 2024, o rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta ten anotadas 18.119 inscricións. Un total de 10.598 agardan por unha vivenda protexida para alugar, cifra que se eleva ata as 14.100 contando a poboación que preferiría un arrendamento con opción a compra. Na primavera do pasado 2023, neste rexistro -que se actualiza continuamente- había algo menos de 13.000 solicitudes de alugueiro. Hai media década eran unhas 8.000.Tendo en conta a quen pide unha vivenda para mercar, chégase a esas máis de 18.000 persoas a agardar por un piso con algunha figura de protección da Administración galega.
Máis de 18.000 persoas agardan por unha vivenda protexida no rexistro da Xunta. Unhas 14.000 delas solicitan pisos de alugueiro
Malia á obvia existencia da necesidade nun contexto de alza xeral dos prezos e mesmo de escaseza de parque de vivenda dispoñible nos concellos máis poboados, a vivenda protexida remata outra lexislatura galega en mínimos. En mínimos ao comparármola coa traxectoria da propia Xunta en tempos pasados, tanto nos mandatos do PP con Fraga como no do Goberno de coalición PSdeG-BNG, e malia ao obvio impulso que a vivenda pública e protexida vén experimentando, tamén e malia todo en Galicia, a través dos fondos europeos de recuperación que chegan a través do Estado.
Máis fondos europeos, menos fondos propios
Esta escaseza de vivenda protexida en Galicia vén arrastrada dende os anos dos fortes recortes orzamentarios na materia durante a anterior crise económica. Non en van, como amosa o gráfico sobre estas liñas, o total do orzamento da Xunta para vivenda perdeu ata un 84% da súa dotación entre 2009 e 2014.
Á calor dos fondos europeos, o orzamento da Xunta para vivenda medra case un 28% en 2024 e, aínda así, segue lonxe da partida que destinaba a esta área o Goberno de PSdeG e BNG
Neste 2024 o montante total chega a 160 millóns de euros, un incremento de case un 28% que converteu esta partida na que máis medra porcentualmente nas contas públicas galegas. Ese forte avance ten a súa orixe nas inxeccións de fondos europeos en materia de vivenda que chegan a través do Goberno de España.
Así o amosan, como informou Praza.gal, as contas do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para este ano. As transferencias de fondos europeos de recuperación practicamente se duplican (de 42,8 a 85 millóns de euros) en 2024 nunha entidade pública na que, en apenas catro anos, os fondos propios da Xunta pasaron de representar máis do 60% dos ingresos a pesar apenas o 30%. Malia todo, este orzamento segue lonxe dos máximos da etapa da coalición de socialistas e nacionalistas: tendo en conta a inflación, para equiparar aquel derradeiro orzamento (de máis de 200 millóns) cumpriría achegar neste 2024 uns 275 millóns de euros.
Máis dunha década de práctica desaparición da vivenda protexida
O descenso dos orzamentos ata 2014 e, a partir de 2015, a súa reorientación a axudas directas á compra, alugueiro ou rehabilitación máis que á promoción de novas vivendas protexidas traduciuse en máis dunha década de práctica desaparición dos novos pisos de protección pública no noso país. Os datos oficiais do Goberno galego amosan como no último ano con datos dispoñibles, en 2022, comezaran a construírse en Galicia algo máis de 260 vivendas protexidas.
As case 300 vivendas protexidas comezadas en Galicia en 2022 son moitas en comparación cos anos previos, pero seguen lonxe das case 3.000 de 2010, as máis e 4.000 de 2006 ou as case 5.000 de 2003
Son moitas máis que as comezadas, por exemplo, en 2018 (2), 2017 (5) ou 2016 (4). Pero están obviamente moi lonxe das case 3.000 que principiaron a construírse en 2010 -un ano no que o Goberno do PP de Feijóo herdou os plans que tiña en marcha o anterior Executivo-, as máis de 4.000 do ano 2006 ou as case 5.000 de 2003, estas últimas aínda con Fraga na Xunta.
A nova vivenda protexida tendeu a desaparecer e fíxoo aínda con máis intensidade no caso da vivenda protexida en alugueiro, a máis demandada. Así o acreditan os datos do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana que, coma os do IGE, polo momento non inclúen cifras de 2023. Atendendo a estas cifras oficiais, entre 2014 e 2022 Galicia só gañou 21 novas vivendas protexidas para alugar e foro ata cinco os exercicios (2015, 2016, 2017, 2019 e 2021) nos que o contador quedou a cero. En 2010, aínda en plena herdanza do Goberno de coalición, as novas vivendas protexidas para alugar en Galicia foran algo máis de 1.300.
Unha lenta e insuficiente remonta
O actual Goberno galego mantén que vai "incrementar nun 50% o parque público residencial ata acadar as 5.600 vivendas en 2026"
Cabe agardar que os datos da evolución da vivenda protexida en Galicia de 2023 en diante comecen a trazar unha remonta á calor dos fondos europeos que, en calquera caso, atendendo aos plans expostos pola Xunta, seguirá sendo lenta e insuficiente. É o caso dos algo máis de 780 pisos de alugueiro proxectados en oito concellos ao abeiro de dous convenios asinados pola Xunta co Estado en novembro de 2022 e xullo de 2023. Máis da metade desas vivendas, como amosa o gráfico baixo estas liñas, están previstas en Vigo e Lugo.
O actual Goberno galego asegura que -tras a escaseza de máis dunha década-, o seu "obxectivo principal" é "incrementar nun 50% o actual parque público residencial de Galicia ata alcanzar as 5.600 vivendas no ano 2026". Neste sentido, a finais do pasado decembro a Xunta destacaba que pechaba 2023 tendo "en licitación ou construción un total de 375 vivendas públicas nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña e Santiago". Ademais, avanzaba, tiña "outras 395 en fase de redacción de proxecto".