O orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo aumenta un 26% e a vivenda é, en xeral, o ámbito que gaña máis peso nas contas da Xunta para o 2024
Este venres o Goberno galego deu a coñecer o seu proxecto de Orzamentos para o ano 2024, unhas contas expansivas (a Xunta poderá gastar 637 millóns máis que no actual exercicio) para un ano electoral, nas que os ingresos aumentan en boa medida polo bo comportamento do mercado laboral e o consumo, que medran un 5%, moi por riba do propio crecemento dos investimentos nos Orzamentos, apenas o 1,3%.
Nas contas presentadas o venres, destaca o aumento dalgunhas partidas e ámbitos, entre elas o da vivenda, que medra un 27,92% tras unha década anterior na que Feijóo deixara a vivenda protexida en mínimos históricos. Tan só o capítulo de Deportes (+27%) se achega ao incremento do peso das políticas de vivenda nas contas da Xunta, mentres que restantes capítulos fican moi lonxe: acción e promoción social (+12%), infraestruturas (6,7%), I+D+i (5%), sanidade (+4,1%) son os seguintes ámbitos que máis aumentan.
O empurrón que nas contas do vindeiro ano van ter as políticas de vivenda procede en boa medida do exterior e chegan a través do Goberno central: tanto de fondos finalistas do Estado coma do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, xestionados tamén dende o Estado central
De onde saen os cartos para este notable crecemento dos fondos relacionados coas políticas de vivenda, que se desenvolven principalmente a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo? Unha análise detallada do proxecto de Orzamentos permite comprobar que nas contas do vindeiro ano aumentan de forma moi notable os fondos finalistas do Estado e, sobre todo, os fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da UE, que tamén chegan a través do Estado central.
Así pois, o empurrón que nas contas do vindeiro ano semella que van ter as políticas de vivenda en Galicia procede en boa medida do exterior e chegan a través do Goberno central. Unha situación que se dá nun contexto de reiteradas críticas da Xunta ao Goberno liderado en funcións por Pedro Sánchez, con acusacións de discriminación de Galicia en relación a supostas dádivas entregadas ao Goberno catalán e doutros territorios.
Esta situación dáse nun contexto de reiteradas críticas da Xunta ao Goberno liderado en funcións por Pedro Sánchez, con acusacións de discriminación de Galicia en relación a supostas dádivas entregadas ao Goberno catalán e doutros territorios
Indo ao detalle das contas para o vindeiro ano 2024, vemos como os ingresos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) aumenta nesta ocasión de 140 millóns de euros a case 178 millóns, un crecemento do 26,4%. Os fondos do IGVS levan anos en ascenso e máis que se duplicaron dende os Orzamentos para o 2020 (84 millóns de euros). Este é o ano no que os ingresos previstos do IGVS aumentaron en maior medida, con 38 millóns de euros máis.
Este aumento dos ingresos ten o seu reverso no equivalente incremento dos gastos, con partidas como a de investimento novo en infraestruturas e bens destinados ao uso, que pasan de 22,5 a 46,3 millóns de euros entre as contas de 2023 e 2024. O mesmo sucede coas transferencias de capital a empresas, que medran de 5,2 a 15 millóns de euros e as transferencias de capital a familias e entidades sen ánimo de lucro, que pasan de 45,7 a 64,9 millóns.
As transferencias de capital de fondos finalistas do Estado duplícanse, de 8,1 a 15,2 millóns de euros. E as transferencias de capital do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia tamén se multiplican por dous, pasando de 42,8 a 85 millóns de euros
De onde sae este importante aumento dos ingresos de 38 millóns de euros? Como é habitual, as transferencias correntes mantéñense relativamente estables e as que medran son as transferencias de capital. Dentro delas, as transferencias de capital de fondos propios da Xunta apenas varían, pasando de 37 a 38,8 millóns euros. As que aumentan son as transferencias de capital de fondos finalistas do Estado, que se duplican de 8,1 a 15,2 millóns de euros. E, sobre todo, as transferencias de capital do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que tamén se multiplican por dous, pasando de 42,8 a 85 millóns de euros.
Así, son os fondos europeos xestionados polo Estado central os responsables do fortalecemento das políticas de vivenda da Xunta de Galicia.
Os fondos propios da Xunta pasaron de representar máis do 61% dos ingresos do IGVS nas contas do 2021 a ser tan só o 30% nas contas para 2024
En realidade, as contas do ano 2024 o que fan é consolidar unha tendencia iniciada no ano 2022, cando comezaron a chegar estes novos fondos. Nas contas de 2021 os fondos propios da Xunta (tanto as transferencias correntes coma as de capital) representaban máis do 61% dos ingresos do IGVS, unha proporción que baixou ao 43% un ano despois e ao 34,3% e ao 30,4% nos dous últimos orzamentos presentados.
En cambio, o peso do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia foi incrementándose dende o 21% de 2022, ao 31% de 2023 e, finalmente, o 48% que representan nas contas para o 2024.