“Son os orzamentos rutineiros dun goberno que está no tempo de desconto e sen nada que ofrecerlle a Galicia”, asegura Ana Pontón
“Son os orzamentos rutineiros dun goberno que está no tempo de desconto e sen nada que ofrecerlle a Galicia”. Así valora a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2024. Na mesma liña, a viceportavoz do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, advertiu hoxe de que as contas “constatan que o proxecto da Xunta encabezada por Rueda está totalmente esgotado”.
Ana Pontón destacou que estamos ante un proxecto de orzamentos que, máis aló da propaganda, non supón a folla de ruta que precisa Galicia cando persiste a crise de prezos e hai grandes retos encima da mesa.
“Non van reforzar os servizos públicos, non melloran a situación da atención primaria, afondan nun modelo privado que fai negocio coa vellez, non van facilitar a recuperación da industria, nin serven para impulsar a ciencia ou loitar contra o cambio climático. Tampouco van frear a emigración de xente moza, nin a perda de poboación. Son os orzamentos rutineiros dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer a este País”, sintetizou Pontón.
Á espera dunha análise en detalle, a líder do BNG contrastou os anuncios coas cifras orzamentarias. “O Goberno do PP presume de que son unhas contas sociais, pero a realidade é que atención primaria segue nunha situación de total raquitismo de tal xeito que, descontada a inflación, disporá no próximo ano de 335 millóns de euros menos que en 2009”.
En relación a débeda pública, Pontón ironizou sobre como o Executivo de Rueda bota man dun dos seus argumentos máis socorridos, “o de compararse con quen está peor”, para facer unha valoración positiva, pese a que triplicaron o endebedamento mentres recortaban en servizos públicos. “A realidade é que o pago da débeda pública aumenta un 71,5% no orzamento de 2024, 187 millóns de euros”.
Por contra, o investimento real apenas varía, 21 millóns de euros nun orzamento de 13.257 millóns, nove veces menos que o que se gasta en pagar a débeda e moito menos que os 34 millóns de euros do agasallo fiscal aos grandes patrimonios do presente exercicio.
A líder do Bloque subliñou que os orzamentos manteñen a habitual inxustiza fiscal que aplica o PP, de tal xeito que baixa os impostos a quen máis ten
En relación ao publicitado apoio á ciencia, as cifras indican que o Plan galego de investigación e desenvolvemento aumenta un 0,5%. “Se aplicamos o IPC que está no 3% en realidade baixa ademais de ter en conta que se trata dunha partida que o PP nunca é capaz de executar. Ese é o apoio á ciencia deste goberno”, critica.
A líder do Bloque tamén subliñou que os orzamentos manteñen a habitual inxustiza fiscal que aplica o PP, de tal xeito que baixa os impostos a quen máis ten, restando ao erario público uns ingresos que son fundamentais para financiar os servizos básicos como sanidade, educación ou dependencia.
“O primeiro, pedirlle ao señor Rueda que deixe de lado o de impostos cero no rural, porque é mentira, máis aló do slogan, as persoas que viven no rural pagan impostos, alguén coñece unha persoa que non pague impostos no rural?”, interpelou. En canto as rebaixas fiscais, “se tes uns ingresos menores de 22.000 euros, -(base impoñible)-, o aforro é de 20€ ao ano, alguén pode pagar unha consulta médica ou de pediatría con 20 euros? Evidentemente non”, dixo.
A socialista Begoña Rodríguez advertiu de que Rueda vén de “perder a única oportunidade que tiña de exercer como presidente da Xunta”
Pola súa banda, desde o grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo advertiu de que Rueda vén de “perder a única oportunidade que tiña de exercer como presidente da Xunta” nos últimos Orzamentos antes das próximas eleccións autonómicas previstas para o ano 2024. Lamentou que o goberno galego se teña demostrado “incapaz de presentar solucións reais aos problemas da cidadanía galega” nunhas contas que persisten “nas mesmas receitas” e polo tanto “repiten as mesmas eivas”.
Explicou que o proxecto de Orzamentos para 2024 consolida as rebaixas fiscais para os máis ricos e fallan á hora de artellar medidas que impacten no benestar da cidadanía, ademais de malograr unhas transferencias históricas dende o Estado dende a chegada de Sánchez ao goberno central en 2018.
Subliñou que non melloran a sanidade e a educación públicas, así como tampouco melloran as prestacións de servizos sociais. Criticou que estes orzamentos manteñen conxelado o Fondo de Cooperación Local dende 2009, ademais de que evitan asumir a totalidade do custe do ensino infantil de 0 a 3 anos ou do Servizo de Axuda do Fogar, cando se trata de dúas competencias da Xunta que ten derivado nos Concellos.
Os socialistas lamentan a falla de impulso nos servizos sociais cando a Rede Europea de Loita contra a Pobreza vén de alertar de que hai 636.000 galegos e galegas en risco de pobreza
Tampouco, en opinión dos socialistas galegos, achegan unha contía suficiente para atender as persoas dependentes malia que Galicia é unha das comunidades autónomas cun peor financiamento da dependencia e, en definitiva, “non están a atender os fogares que peor o están a pasar”. Lamentou a falla de impulso nos servizos sociais cando a Rede Europea de Loita contra a Pobreza vén de alertar de que hai 636.000 galegos e galegas en risco de pobreza, o 23,6% cento de toda a poboación.
Rodríguez Rumbo anunciou que os socialistas presentarán uns orzamentos alternativos a través dunha batería de emendas que serán presentadas en canto comece o trámite orzamentario co obxectivo de “mellorar a vida das persoas e dos sectores produtivos de Galicia”.
Unha poboación, dixo, que ten que asumir as consecuencias da xestión do PP, que multiplicou por 2,5 a débeda pública dende a chegada de Feijóo e Rueda á Xunta, e que neste exercicio non aumentarán polo cumprimento dunha medida fiscal de obrigado cumprimento para tódalas comunidades autónomas.