O Goberno galego atribúe a suba de ingresos á recadación por IRPF e IVE "pola boa marcha do mercado de traballo", o que permitirá que as contas acaden os 13.257 millóns, pero o investimento, de 1.596 millóns, só aumenta 22 millóns
Na mesma xornada en que o Parlamento aprobou o teito de gasto dos Orzamentos da Xunta para 2024, o máximo que pode gastar a administración en función dos seus ingresos, o Goberno galego aprobou xa este mesmo mércores esas contas públicas para o vindeiro exercicio. Esgotarán ese teito de gasto, 13.257 millóns de euros, o maior da historia das contas públicas galegas, un 5% máis que os orzamentos deste ano. Un aumento que se produce malia que deixarán de ingresarse máis de 500 millóns de fondos extraordinarios da UE chegados aínda este ano, polo que o propio Goberno galego admite que os ingresos medrarán fundamentalmente grazas ao bo comportamento dos principais impostos estatais, o IRPF e o IVE, "pola boa marcha do mercado de traballo".
Canto ás saídas, a Xunta asegura que o gasto en persoal aumentará un 6%, por riba da media dos orzamentos e da inflación, non só polos aumentos retributivos autorizados polo Estado aos empregados públicos xa existentes senón tamén por un "esforzo adicional" para contratar máis persoal sanitario. Pola contra, os investimentos reais apenas crecerán un 1,3%, ata os 1.596 millóns de euros, apenas 22 máis que este ano.
No apartado dos ingresos, os Orzamentos para 2024 manterán todas as rebaixas de impostos autonómicos implantadas ata agora, tamén as que benefician especialmente ás rendas altas e as novas anunciadas no recente debate de política xeral como os descontos na compra de vivenda usada ou de vehículos de segunda man. Unha decisión que o Goberno galego toma malia admitir que non avalía os efectos desas bonificacións fiscais.
O presidente Rueda asegurou que coas rebaixas de impostos en vigor a Xunta renuncia a 1.300 millóns de euros en ingresos durante esta lexislatura, cifra que presentou como "aforro" da cidadanía. Nada dixo de como se poderían mellorar os servizos públicos se a Xunta contase con eses cartos.
Pola contra, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, atribuíu a suba xeral dos ingresos ao "aumento dos grandes impostos, en particular o IRPF pola boa marcha do mercado de traballo, e polo IVE". Iso permitirá, salientou, que por primeira vez os orzamentos da Xunta non teñan que recorrer a novo endebedamento engadido ao que xa ten.
No que respecta aos gastos, o propio Rueda salientou que en 2024 a sanidade superará por primeira vez os 5.000 millóns de euros, ata os 5.165. Pola súa banda, a educación chegará aos 2.858 millóns e o "gasto social" cifrouno o conselleiro Corgos en 1.303 millóns.
A sanidade volvería medrar por riba da media e a educación por baixo, como xa ocorreu este ano
De confirmarse estas cifras na documentación oficial dos Orzamentos, que só se coñecerá cando a Xunta a entregue ao Parlamento, previsiblemente este venres, a sanidade volvería aumentar novamente por riba da media de incremento do global dos orzamentos mentres que a educación faríao por baixo desa media, como xa ocorreu nos orzamentos deste ano. Si aumentaría notablemente o gasto en políticas sociais, segundo avanzou a pasada semana o conselleiro polo aumento do cofinanciamento estatal dos gastos da lei de dependencia, algo que atribuíu a que Galicia é unha das comunidades con máis persoas dependentes.
Por tipos de gastos, o de persoal medrará un 6%, por riba do IPC e da media dos orzamentos, segundo a Xunta non só por aumentos salariais "senón tamén porque facemos un esforzo por adicionar novos recursos humanos na sanidade", segundo Corgos. As transferencias correntes, cun 4,9%, lixeiramente por baixo do aumento xeral das contas, será onde se máis se noten as medidas de apoio directo ás familias anunciadas nos últimos tempos.
Pola contra, os investimentos reais, os que fundamentalmente se dirixen a construír novas infraestruturas de transporte, sanitarias ou educativas, aumentarán só un 1,3%, ata aos 1.596 millóns de euros, apenas 22 millóns máis que este ano.
Canto ás cifras macroeconómicas, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, reiterou que espera que o PIB, que rematará este ano cunha suba do 1,8%, acade en 2024 un aumento do 1,9%. O paro, que a Xunta estima que rematará o ano no 9,8% da poboación activa, chegará o próximo ano ao 9,4%. E a inflación seguirase a moderar, cun IPC que en 2022 se disparou por riba do 9% e que este ano aínda superará o 4% pero que o Goberno galego espera que vaia estabilizándose novamente arredor do 2%. Este aspecto, a inflación do último ano, xa levou aos grupos da oposición a criticar que a suba dos orzamentos dun 5% para o próximo ano será na práctica insignificante.
Cos Orzamentos a Xunta tamén aprobou unha lei de acompañamento, coas que vén mudando todo tipo de normas dispares de xeito acelerado e que non se coñecerá ata que sexa entregada ao Parlamento
Xunto cos Orzamentos para 2024, a Xunta tamén aprobou este mércores unha lei de acompañamento, norma coa que desde que Feijóo chegou ao Goberno galego en 2009 veñen mudándose todo tipo de leis que nada teñen que ver coas contas públicas dun xeito máis acelerado e con menos debate que se fosen reformadas por separado. Esa lei de acompañamento non vai ser coñecida ata que a Xunta a entregue ao Parlamento, previsiblemente este venres.