A Xunta manterá en 2024 as rebaixas de impostos, tamén a rendas altas, malia admitir que non avalía os efectos

Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, hai uns días nun foro con empresarios na illa da Toxa CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tras anos de reclamacións do Consello de Contas, Facenda recoñece que segue sen avaliar os beneficios fiscais da última década e media, que manterá o próximo ano e que bonifican desde as herdanzas dun millón de euros ata as salas de bingo

"Evidentemente é un eido no que temos que mellorar". Así admitía este mércores o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, que a Xunta non avalía os efectos das rebaixas de impostos que vén aprobando ano tras ano. Unha avaliación que vén reclamando desde hai anos o Consello de Contas, ente fiscalizador das finanzas públicas galegas, sen lograr que a Xunta lle faga caso.

Porén, esa falta de avaliación non impediu ao conselleiro anunciar este mércores que en 2024 a Xunta manterá "todas" as súas rebaixas de impostos vixentes, desde as que bonifican ás salas de bingo ata as que eximen de pagar por herdanzas de ata un millón de euros ou as que hai un ano duplicaron a rebaixa no imposto do patrimonio para a poboación máis rica.

A Xunta vén rexeitando desde hai anos cumprir a recomendación do Consello de Contas de que avalíe os efectos das súas rebaixas de impostos CC-BY-SA Praza Pública

Hai anos que o Consello de Contas vén recomendando á Xunta "a elaboración sistemática de estudos sobre os efectos dos beneficios fiscais nas políticas económicas e sociais ás que van destinados" así como a fixación de "obxectivos e indicadores de cumprimento" cando aprobe novas rebaixas de impostos. Pero o Goberno galego segue a obvialo. 

Este mércores, en plena elaboración dos orzamentos da Xunta para 2024, a menos dunha semana do debate de política xeral no Parlamento no que se adoitan facer anuncios de medidas fiscais, e tras varias declaracións previas de Rueda facendo ver que as rebaixas de impostos de anos pasado deixan pouca marxe para novos beneficios, o conselleiro de Facenda deu unha rolda de prensa "para facer balance das rebaixas de impostos postas en marcha pola Xunta". 

O conselleiro, Miguel Corgos, cifra en 1.300 millóns o que a Xunta deixou de ingresar nesta lexislatura coas súas baixadas de impostos

Na súa comparecencia Corgos lembrou todas as rebaixas aprobadas desde 2009 e asegurou que o do Goberno galego é un "modelo fiscal consolidado" que se basea en "baixar sempre que podamos e non subilos nunca". Unha política que levou a rebaixas de impostos tamén a rendas ou patrimonios altos ao tempo que a Xunta se vén queixando de que o Estado lle transfire poucos recursos. Este mércores o propio conselleiro cifrou en 1.300 millóns de euros o que a Xunta deixou de ingresar só nesta lexislatura polas súas rebaixas de impostos, cifra que presentou como "aforro".

Na comparecencia Corgos foi preguntado polas críticas do Consello de Contas á falta de avaliación dos efectos desas rebaixas. Na súa resposta admitiu esa carencia e tentouna xustificar. "Non somos extraterrestres, isto non é unha cousa exclusiva da nosa comunidade autónoma, non existe ningunha comunidade autónoma que realice unha avaliación dos beneficios fiscais", dixo, para engadir o Estado "comezou este ano a realizar unha avaliación intensiva dos beneficios fiscais, e de feito foi unha das reformas que se incluíron no mecanismo de recuperación e resiliencia" da UE.

"Evidentemente é un eido no que temos que mellorar, estamos a traballar neste tipo de avaliacións", dixo Corgos, quen tamén tentou xustificar que "moitas veces os beneficios fiscais non perseguen un concreto fito cuantitativo", malia que Contas non fala de efectos cuantitativos ou cualitativos senón dos efectos en xeral das rebaixas de impostos. Para tentar defender a súa postura, o conselleiro puxo como exemplo as rebaixas de impostos a vítimas de violencia de xénero. "O obxectivo sería que non houbera ningunha muller que sexa vítima de violencia", dixo, polo que o feito de que esa bonificación fiscal "tenda a cero non é xustificación para eliminala".

Corgos confirma que se manterá incluso a rebaixa de impostos aos bingos, que se xustificou no seu momento polos efectos da pandemia pero que o conselleiro salienta que está ligada a que manteñan o emprego

Na comparecencia Corgos tamén foi preguntado se o mantemento das rebaixas que anuncia afecta a "todas" as que están en vigor este ano, incluída a que beneficia aos bingos e que foi xustificada no seu momento pola "situación pandémica vivida", coa que xa se rebaixaran impostos a ese e outros tipos de xogos de azar nos dous anos previos. Corgos admitiu que tamén se manterá esa rebaixa pero incidiu en que está condicionada non a que sigan os efectos da pandemia senón a que as salas bingos manteñan os postos de traballo. 

Un xogo do bingo © Confederación Española de Empresarios del Juego del Bingo

Confirmado o mantemento tamén en 2024 das rebaixas de impostos en vigor este ano, o perfil de cidadán máis beneficiado polas rebaixas de impostos da Xunta desde 2009 segue a ser do dun herdeiro dun millón de euros que cobre 60.000 euros ao ano e merque segunda residencia en parroquias que a Xunta considera rurais, mesmo no Grove. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.