A Xunta ingresará 650 millóns máis en 2023 polos impostos cos que o PP acusa a Pedro Sánchez de "forrarse"

O presidente Alfonso Rueda e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, tras o Consello no que foi aprobado o proxecto de Orzamentos Xerais para 2023 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"O Goberno estase forrando". O pasado marzo, o daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estaba de xira no marco da campaña interna tras a que, sen rivais, foi proclamado líder do PP en substitución de Pablo Casado. Nun daqueles mitins, celebrado en Mallorca, Feijóo asegurou que o Executivo do PSOE e Unidas Podemos se "forraba" por mor da suba de impostos ao consumo coma o IVE ou o tributo sobre a electricidade, dado o incremento xeral de prezos que xa naquela altura comezaba a agravarse polas consecuencias da guerra da Ucraína e das sancións a Rusia pola invasión. A acusación fora acrecentada cunha campaña na que afirmaban que o propio Pedro Sánchez quedaba co recadado mediante os impostos que gravan a gasolina.

A Xunta prevé recadar 7.066,08 millóns por impostos en 2023. Son 1.127 máis que no ano previo, un incremento de case o 20%

Xa como ex-presidente e líder do populares, Feijóo vén reiterando ese argumentario por varias vías mentres esixe diversos recortes xerais de impostos. A esixencia ecoa tamén na dirixencia do PP galego dirixido por Alfonso Rueda mesmo tendo en conta que, segundo o vixente sistema de financiamento autonómico -que segue operando malia estar caducado dende 2014- as comunidades autónomas ingresan boa parte deses impostos. Concretamente, o 50% do IVE, o 58% do impostos de hidrocarburos e o 100% do da electricidade. 

O incremento da recadación destes tres impostos, mesmo tendo en conta a rebaixa do imposto eléctrico decretado polo Goberno de España suporá para a Xunta un incremento superior aos 650 millóns de euros nos seus ingresos para 2023, segundo consta no proxecto de Orzamentos Xerais rexistrado este 20 de outubro no Parlamento. Ese montante supera os 592 millóns de euros nos que o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, cifra o impacto dos "beneficios fiscais" do Executivo galego para 2023, os recortes de impostos que adxectiva como "sociais".

Ese proxecto orzamentario, dotado con 13.825,3 millóns de euros (un 8,2% máis que en 2022), ten unha previsión de ingresos vía impostos de 7.066,08 millóns. Son 1.127 máis que no ano previo (un incremento próximo ao 20%), o cal é unha cantidade moi semellante ao incremento total do orzamento (1.047). 

Os ingresos polo imposto sobre a renda suporán 522 millóns máis mentres que os derivados do imposto de patrimonio, que só atinxe á poboación máis rica e no que a Xunta duplica o desconto, diminuirán en case 16 millóns

O resultado é positivo porque a previsión de incremento da recadación de abondosos tributos, encabezados polo IVE (+635 millóns) e o IRPF (+522 millóns) compensan amplamente aqueles polos que se recadará menos. A previsión de menor recadación está encabezada polo imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, polos que a Xunta calcula que ingresará uns 267 millóns (66 menos). 

Por tras dela sitúase a redución dos ingresos polo imposto de patrimonio, o tributo que só atinxe á poboación máis rica (algo menos de 8.000 persoas con patrimonios superiores a 1 millón de euros) e no que para 2023 a Xunta duplica o desconto, pasando do 25% aplicado en 2022 a un 50%. Partindo desta nova situación, o Goberno galego calcula que captará por esta vía uns 56,6 millóns de euros, case 16 menos que o estimado para 2022 (-22,2%).

Na banda contraria está o incremento da recadación do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). Nun marco de subas xerais de prezos suporá algo máis de 2.400 millóns de euros para as arcas públicas galegas en 2023, un incremento do 35% que, traducido a euros, implica 635 millóns máis. O Goberno galego tamén estima que recadará máis por outros impostos especiais sobre o consumo coma os que gravan produtos coma o alcohol ou o tabaco  (30 millóns máis en total). Neste capítulo está tamén o imposto de hidrocarburos, cuxa recadación ascenderá a uns 580 millóns, estima a Xunta, 25 máis que en 2022.

O incremento dos ingresos por impostos de orixe estatal compensa amplamente os 592 millóns que, segundo a Xunta, supoñen os seus recortes de tributos para 2023

No ámbito dos tributos directos, a maior suba da recadación prevista pola Xunta nas súas contas de 2023 é a do IRPF, algo máis de 3.000 millóns de euros que supoñen un incremento da recadación superior ao 20%, isto é, de máis de 500 millóns. O Executivo galego prevé que aumenten os ingresos totais por esta vía malia introducir modificacións no imposto como a baixada 9,4 ao 9% no seu primeiro tramo (os primeiros 12.985,35 euros da renda de cada declarante) ou a "nova dedución no imposto sobre a renda das persoas físicas de 250 euros para
os contribuíntes con dous fillos.

Outro dos impostos polos que o Goberno galego prevé recadar máis que o ano anterior é o de sucesións e doazóns, con 157,23 millóns (case 5 máis). Anota esta previsión aínda que na lei de acompañamento das contas públicas, malia introducir tamén mudanzas nel para, segundo indica na exposición de motivos, paliar "estes momentos de incerteza económica con períodos de alta inflación e as consecuentes subas de tipos de xuros", nos que "as empresas necesitan destinar recursos propios para acometer novos investimentos e non depender excesivamente do financiamento alleo". Todas estas previsións de ingresos teñen xa descontadas as devolucións que, nalgúns casos, a Administración galega tivo que facer á estatal en concepto de entregas a conta -anticipos- que foron superiores ao efectivamente recadado.

Transferencias doutras Administracións

Alén dos impostos, o orzamento de ingresos da Xunta para 2023 tamén recolle incrementos nos fondos que prevé recibir doutras Administracións a comezar polas transferencias correntes do Estado, que ascenden ata 3.479,9 millóns (+2,45%). No apartado de transferencias de capital (as destinadas a investimentos), as do Estado diminúen case un 20% e quedan en 91 millóns, pero as procedentes da Unión Europea increméntanse en case 60 millóns de euros (+4,74%) e sitúanse en 1.317 millóns de euros para 2023.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.