A recadación coa que Feijóo acusou a Sánchez de "forrarse" implica un 24% máis de fondos para a Xunta en 2023

Reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira deste 27 de xullo, a primeira presencial dende o inicio da pandemia, coa delegación galega á esquerda da imaxe © Ministerio de Facenda

O pasado marzo Alberto Núñez Feijóo aínda era presidente da Xunta, aínda que a súa axenda estaba centrada na campaña interna sen rival previa á súa proclamación como líder do PP en substitución do defenestrado Pablo Casado. Feijóo deixara diversas declaracións altisonantes naquela rolda de mitins. Entre elas, que o Goberno de España en xeral e en particular o seu presidente, Pedro Sánchez, se estaban "forrando" co "incremento da luz e da gasolina" por mor da crise de prezos.

O Estado achegará á Xunta 9.400 millóns durante 2023 e o conselleiro de Facenda admite que a "previsión de recadación" traza unha "evolución favorable" que supón unha "boa noticia"

O discurso contra os impostos foi un dos eixos da aterraxe madrileña de Feijóo aínda que os tributos contra os que cargaba (IVE, imposto de hidrocarburos e imposto da electricidade) supuxesen 2.461 millóns de euros nos orzamentos da Xunta neste 2022, os derradeiros elaborados baixo a súa presidencia. Ese discurso segue a mantelo no fundamental mentres o Ministerio de Facenda ratifica que a maior recadación fiscal deste ano vai traer consigo ata un 24% máis de fondos para que o Goberno galego financie as súas competencias (entre elas, as de sanidade, educación e servizos sociais) durante o ano 2023.

María Jesús Montero, ministra de Facenda, presidindo o Consello de Política Fiscal e Financeira deste 27 de xullo © Ministerio de Facenda

Este mércores celebrouse en Madrid o primeiro Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) en formato presencial dende o comezo da pandemia da COVID. Neste órgano, que xunta as comunidades autónomas co ministerio de Facenda, o Goberno central confirmou a achega estatal da que disporán os Executivos autónomos para elaboraren cadanseus orzamentos do ano vindeiro. O resultado de aplicar as normas do -caducado dende 2014- sistema de financiamento autonómico coa actual recadación fiscal implica esa suba.

Segundo os datos divulgados polo Ministerio, polo principal concepto do sistema de financiamento, Galicia recibirá 8.788,09 millóns de euros. É o que chegará polas denominadas entregas a conta, isto é, os fondos que o Estado adiante baseándose na previsión de ingresos por impostos como o tramo autonómico do IRPF, o IVE, e os devanditos impostos especiais cos que, segundo Feijóo, Sánchez se "forra". Trátase dun 9% máis que neste 2022 e, resalta Facenda, "a maior cifra da historia".

Feijóo acusa o Goberno de España de "forrarse" cos impostos que gravan os hidrocarburos e a electricidade, durante un mitin en Mallorca, o pasado marzo, para a campaña interna do PP CC BY-SA Praza.gal | Imaxe: Retransmisión PP

Ademais, en 2023 o Estado ten que ingresar a liquidación do financiamento autonómico de 2021, 698,29 millóns adicionais (a diferenza positiva entre o que fora estimado por recadación de impostos e o finalmente recadado). O montante total, daquela, chega aos 9.401,58 millóns de euros, con ese incremento do 24% a respecto de 2022.

A ministra Montero di esperar que "eses maiores recursos sirvan para combater a inflación" e permitan ás autonomías "maior capacidade de investimento e prestación de servizos"

A diferenza da interpretación do seu xefe de filas e ex-presidente, o conselleiro de Facenda considera que estas "previsións de recadación" supoñen "unha evolución favorable" . Son unha "boa noticia", admite Miguel Corgos, máximo responsable da elaboración das contas galegas para o ano vindeiro, que previsiblemente pasarán o seu primeiro trámite no Consello da Xunta en días vindeiros.

A ministra de Facenda, pola súa banda, di esperar que "eses maiores recursos sirvan para combater a inflación" e permitan ás comunidades autónomas "complementar as medidas postas en marcha polo Goberno de España para combater a alza de prezos", sinala María Jesús Montero. Na mesma xuntanza, Montero confirmou que en 2023 a taxa de referencia do déficit para as autonomías pasa do 0,1% ao 0,3% e para o Estado, do 3,4% ao 3,2%. "Esas dúas décimas máis de marxe permitirán ás comunidades unha maior capacidade de investimento na prestación de servizos públicos", afirma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.