A finais do ano 2017 entrou en vigor a reforma que o Goberno do PP de Mariano Rajoy, con Cristóbal Montoro como ministro de Facenda, realizou da xestión do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). Foi unha mudanza que, no período de transición provocou que o IVE recadado en decembro daquel ano non computase nas arcas públicas ata xaneiro de 2018 e por ese motivo, o Estado ingresou ás comunidades autónomas o correspondente a 11 e non a 12 meses da súa parte do IVE de 2017 (o 50% do total, conforme ao sistema de financiamento autonómico).
O cambio na xestión do IVE aplicado en 2017 polo Goberno de Rajoy provocou que Galicia non ingresase algo máis de 200 millóns
No caso galego quedaran pendentes uns 200 millóns de euros que, dende a mudanza de cor política no Goberno de España, Alberto Núñez Feijóo utilizou como ariete contra o Executivo de Pedro Sánchez, primeiro só do PSOE e despois, do PSOE e Unidas Podemos. Os populares mesmo deran en asegurar que os cartos galegos foran parar a Catalunya. Paralelamente, a ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurara estar a traballar en solucións ao respecto e chegáraos a ligar aos Orzamentos Xerais do Estado de 2019, non aprobados.
Ante a demora, a Xunta recorreu ao Tribunal Supremo, que lle deu a razón en maio de 2021, e os cartos pendentes acabaron sendo incluídos no Orzamento do Estado para 2022. Foron, concretamente, 210,99 millóns de euros máis 13,56 millóns en concepto de xuros de demora.
Todo este contexto político, xudicial e económico é necesario para entender como vai sufragar o Goberno galego unha das súas medidas estrela para o vindeiro curso escolar 22-23, a gratuidade da matrícula nas escolas infantís de 0 a 3 anos -tanto públicas como privadas- dende o primeiro fillo ou filla. Esta medida (que atinxe só á matrícula, non a outros servizos coma o comedor) foi incluída na lei de acompañamento dos Orzamentos galegos de 2022, pero sen orzamento dabondo. Así o explicita a Consellería de Política Social nunha modificación orzamentaria que tramitou o pasado maio e notificou ao Parlamento a mediados de xuño.
Estender a gratuidade das escolas infantís motivou que "se incrementase de forma importante o número de matrículas a respecto do curso anterior", di o documento. "Isto -continúa- supón un incremento de gasto público que non pode ser asumido co importe actualmente orzamentado nas partidas correspondentes a escolas de entidades privadas". Por este motivo, o departamento que dirixe Fabiola García transfire 7,81 millóns de euros ende o programa de imprevistos ao de Prestacións ás Familias e á Infancia, co que se sufragan as escolas infantís.
Política Social sinala que a implantación da gratuidade da matrícula nas escolas infantís públicas e privadas dende a primeira filla ou fillo "incrementou de forma importante o número de matrículas" e inxecta nos seus orzamentos 7,81 millóns procedentes do ingreso estatal polo IVE atrasado
É a propia Consellería a que evidencia que o soporte financeiro deste gasto está no IVE non pagado polo Goberno de Rajoy en 2017 e aboado agora polo Estado. O pasado febreiro, sinala Política Social, o Ministerio de Facenda concretou os cartos que ían recibir as comunidades autónomas para compensar o impagamento dos tempos de Montoro e Rajoy e fixou as devanditas cantidades para Galicia. Trátase dunha cantidade que non estaba "integrada no orzamento inicial de ingresos" da Xunta para 2022, "polo que a súa recadación pode financiar o maior gasto que se está a orzamentar".
Esta modificación de crédito, conclúe Política Social, "ten carácter de consolidable para exercicios posteriores". A razón desta consolidación non só é a vontade política do actual Goberno galego de manter a gratuidade da matrícula das escolas infantís en cursos vindeiros. Tamén a que o Goberno de España xa puxo en marcha o seu plan de considerar a Educación Infantil de 0 a 3 anos como unha etapa educativa a todos os efectos, que alén de implantar un currículo educativo a tal efecto inclúe tamén a implantación da gratuidade da matrícula, primeiro no segundo ciclo (3 a 6 anos) e despois, no primeiro (de 0 a 3).