Os centros poderán organizar a entrada de pais ou nais durante os períodos de adaptación e os grupos poderán compartir espazos exteriores
A Xunta anunciou este xoves modificacións de cara ao próximo curso no protocolo fronte á COVID-19 nas escolas infantís. A constatación ao longo do pasado curso de que eses centros non se viron especialmente afectados pola pandemia malia o gran condicionante de que os seus usuarios, nenos e nenas de ata tres anos, non usan máscara, leva agora ao goberno galego a flexibilizar algunhas restricións, como xa se fixo co protocolo para o ensino en idades superiores.
Das máis relevantes para o día a día dos pais e nais é que xa non será necesario mudar o calzado da rapazada ao entrar e saír da escola para que no interior non empreguen o da rúa. Igualmente, levántase a prohibición de que os carriños quedasen nos centros, o que xunto co calzado complicaba a loxística de entrada e saída para as familias.
Tamén se permitirá que cada centro poida establecer “no seu plan de continxencia, e segundo as súas características, o acceso restrinxido dos país á aula nos períodos de adaptación e mantendo as medidas de prevención axeitadas”, o que facilitará os primeiros días de contactos dos máis pequenos cos centros. Por outra banda, aínda que se manteñen os coñecidos como grupos burbulla ou unidades estables de convivencia, nos exteriores permitirase que coincidan varias.