A finais de 2017 entrou en vigor a reforma da xestión do IVE aprobada polo Goberno de España, daquela presidido polo popular Mariano Rajoy, con Cristóbal Montoro como ministro de Facenda. Unha das consecuencias do cambio de sistema foi que o recadado por IVE en decembro daquel ano non computou ata xaneiro de 2018 e por ese motivo, o Estado ingresou ás autonomías -ás que corresponde o 50% do recadado por este imposto- once e non doce meses. No caso galego quedaran pendentes uns 200 millóns de euros. O Tribunal Supremo vén de ditaminar que ese impagamento ten que ser "compensado".
A orixe do desaxuste está na reforma do IVE na etapa de Montoro, cando o Estado ingresou ás autonomías once e non doce meses. O actual Goberno anunciara unha compensación que non chegou a concretar
Como o resto de autonomías afectadas, a Xunta cubriu ese gasto con débeda ou outros mecanismos á espera de coñecer como o Estado compensaría o desaxuste. Son, daquela, cartos que xa están gastados a efectos prácticos. No entanto, dende xuño de 2018, coa chegada do PSOE ao Goberno de España a través da moción de censura que desbancou a Rajoy, a Xunta e outros gobernos autonómicos do PP agudizaron a reclamación. No caso galego, os populares deran en asegurar que os socialistas privaban a Galicia deses fondos para darllos a Catalunya.
Alén de declaracións máis ou menos altisonantes, o certo é que o Ministerio de Facenda asegurara en 2018 que traballaba nunha "proposta" para que as comunidades "recuperasen" os cartos. Despois ligou esa fórmula aos Orzamentos Xerais de 2019, que non chegaron a aprobarse, e a continuación, propuxo un sistema polo cal ese desfase non computase como déficit público. Foi neste punto no que a Xunta, como outros gobernos autonómicos, decidiron recorrer ao Supremo, que vén de apoiar o pagamento a Galicia como antes xa fixera con Castilla y León. O Executivo galego reclamaba, concretamente, 204,5 millóns de euros.
O Supremo considera que o cómputo de 2017 produciu "un quebranto financeiro" ás autonomías que é "necesario corrixir" compensando os fondos non pagados máis xuros. Non acepta o importe exacto apuntado pola Xunta, 204,5 millóns, e di que será fixado na execución da sentenza
O pronunciamento favorable revelouno Alberto Núñez Feijóo no Porto, durante un acto co presidente da Cámara Municipal (alcalde) portuense, Rui Moreira. "Tiñamos argumentos e agora a Xustiza danos a razón e quítalla ao Goberno central", celebrou minutos despois o presidente da Xunta a través das redes sociais.
Concretamente, a Sala III do Tribunal estima parcialmente o recurso da Xunta. A estimación é parcial porque non "queda debidamente acreditado que sexa precisamente ese o importe que debe ser abonado". Será no momento en que se execute a sentenza, indica, cando quede "fixada" a compensación. A contía terá que ser o resultado de calcular o recadado sobre doce meses e non sobre once, como fixo o Executivo de Rajoy, e a ela "deberá engadirse os correspondentes xuros legais computados dende o momento da presentación do requirimento (xullo de 2020) ata o momento efectivo en que se produza a compensación".
O Alto Tribunal pronúnciase neste sentido porque ve acreditado que a aplicación da reforma de Rajoy "trouxo consigo unha alteración nas regras do sistema de financiamento autonómico" e produciu un "desequilibrio que é necesario corrixir, ao producirse un quebranto financeiro" para a comunidade autónoma e "correlativamente, un enriquecemento indebido para a Administración do Estado". Considera ademais "relevante poñer de manifesto os intentos falidos emprendidos pola Xunta para tratar de solucionar o desequilibrio financeiro"
Tras a publicación da sentenza, o PP considerou que a Xustiza "dá a razón a Galicia" fronte ao que descualifica como "Goberno moroso e mentireiro". Segundo os conservadores, eses arredor de 200 millóns de euros produto do desaxuste de 2017, con Rajoy no poder, foron "furtados aos galegos".