O Goberno central reafirmouse este venres en que non vai pagar os 2.500 millóns correspondentes ao IVA dunha mensualidade de 2017 e que supoñen uns 2.500 para as autonomías. No Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), e ante a presión de comunidades do PP pero tamén do PSOE, o Ministerio de Facenda ofreceu unha compensación: préstamos por igual contía pero a interese cero e o compromiso de relaxar os obxectivos de déficit das autonomías, con dúas décimas máis este ano, ademais de non ter en conta os efectos do non pagamento de IVE á hora de calcular o déficit do pasado ano.
O Estado propón préstamos por igual contía da débeda pero a interese cero e o compromiso de relaxar os obxectivos de déficit das autonomías
A ministra María Jesús Montero, ademais, explicou que non se podían reintegrar eses cartos porque "xa o gastaron" as comunidades, tamén Galicia, ao seren incluídos nos orzamentos de 2019. Coa súa proposta non consegiu calmar os ánimos das autonomías, tampouco da Xunta, que mantén a súa proposta de acudir aos tribunais. As "medidas paliativas" que anunciara o Ministerio non convenceron porque supón aumentar o déficit ou coller un diñeiro --que sairá do Fondo de Liquidez Autonómica-- equivalente á débeda que terán logo que devolver.
Montero insistiu en que o prazo legal de dous anos que tiña o Goberno central para abonar esta débeda xa expirou, ademais de lembrar que todo foi provocado por unha reforma do Executivo de Mariano Rajoy, impulsada polo ministro Cristóbal Montoro, e pola negativa dos populares a apoiar os orzamentos de 2019, que incluía unha solución.
O que ofrece o Goberno central supón que, para determinar o cumprimento do obxectivo de estabilidade de 2019, non terá en conta nin computará a parte de déficit imputable ao IVE que deixaron de percibir as autonomías. Así, se unha comunidade, ao descotar os efectos do IVE, cumpre co obxectivo, non terá que elaborar os correspondentes plans económicos financeiros, "sempre e cando cumpran co resto de regras fiscais", explica o Ministerio. A Xunta xa aplicou este cálculo o pasado xoves no seu Consello.
"Non necesitamos medidas paliativas, queremos só os nosos ingresos", di o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez
Pero o rexeitamento ás medidas chegou igual, sobre todo, das comunidades gobernadas polo PP, pero tamén dalgunha socialista. A Xunta anuncia que segue a apostar pola vía xudicial para reclamar o pagamento dos 200 millóns de euros. "Non saímos contentos da reunión", dixo o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, ao saír da reunón do CPFF. "Non necesitamos medidas paliativas, queremos só os nosos ingresos", inssitiu.
Martínez xustificou a súa negativa á proposta do Goberno central en que aceptala supón asumir como propia unha débeda do Estado. "Non queremos máis débeda nin a necesitamos; só queremos que nos ingresen o que é noso", dixo quen tamén reclamou os 170 millóns pendentes por incentivos fiscais, tema para o que o Ministerio o remitiu ás reunións bilaterais.