O Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e o órgano no que as autonomías de réxime común -todas agás Euskadi e Navarra- tratan o seu financiamento co Goberno de España. As regras básicas destes sistema de financiamento, rexidas por unha lei orgánica, deben actualizarse cada cinco anos pero levan caducadas dende 2014. Con este pano de fondo o Ministerio de Facenda xunta este venres o CPFF para, formalmente, poñer sobre a mesa as principais cifras que manexa cara á elaboración dos Orzamentos do Estado este propio 2020.
Aínda que non figura na orde do día, sobre a mesa do Consello estará pendente o pagamento do mes do IVE non ingresado pola reforma do Goberno de Rajoy; a ministra de Facenda di estar disposta a procurar fórmulas para "paliar" o problema
Pero, malia estar fóra da orde do día estrita, sobre o primeiro encontro do CPFF na nova lexislatura -este órgano non se reúne dende finais de xullo de 2018, apenas dous meses despois da chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central tras a mción de censura- planeará o pagamento pendente ás autonomías polo IVE de decembro de 2017. Foi daquela cando entrou en vigor a modificación do cobramento deste imposto aplicada polo Goberno de Mariano Rajoy e, un desaxuste duns poucos días, provocou que as autonomías ingresasen once meses da súa parte do IVE -o 50% do total recadado- no canto dos doce correspondentes.
Son, en total, uns 2.000 millóns de euros dos que 198 corresponden a Galicia. É un montante incluído nos Orzamentos da Xunta para 2019 e, daquela, xa gastado -e cuberto con débeda ou outros mecanismos-. Non obstante, o Executivo de Alberto Núñez Feijóo tornouno en principal ariete contra o gabinete da coalición do PSOE con Unidas Podemos ás portas das eleccións galegas.
O que os populares galegos presentan como un "castigo" a Galicia para sufragar supostas "concesións" ao independentismo catalán é, en realidade, unha reclamación xeneralizada entre as comunidades autónomas afectadas. Tamén varias con gobernos do PSOE. Neste contexto, a propia ministra de Facenda, María Jesús Montero, amosábase esta semana, en declaracións a Antena 3, disposta a tratar medidas "paliativas" para este desaxuste provocado en 2017 e que ela mesma, vén reiterando, preveu solucionar computando trece meses de IVE nos Orzamentos estatais de 2019, que o Congreso dos Deputados rexeitou, propiciando o adianto electoral de abril de 2019.
Alén das declaracións políticas, a reclamación formal da Xunta da cantidade pendente aínda vén de comezar
Alén das declaracións políticas máis ou menos altisonantes -"qué morro, qué jeta y qué cara", proclamou Feijóo sobre a ministra Montero tras indicar a titular de Facenda que a débeda caducara por transcorrer os dous anos fixados no propio sistema de financiamento-, o certo é que os primeiros pasos efectivos da Xunta para reivindicar esta cantidade pendente aínda veñen de chegar. Así, a pasada semana o Consello da Xunta aprobaba "formular requirimento ao Goberno do Estado para que entregue (...) unha cantidade equivalente á mensualidade do IVE non tida en conta para a liquidación correspondente ao exercicio 2017" e este xoves, deu luz verde a "requirir ao Consello de Ministros para que adopte as medidas necesarias para compensar" a Galicia o "desfase financeiro producido na liquidación do IVE correspondente ao exercicio 2017, ao terse en conta unicamente 11 mensualidades de recadación na liquidación".
Eses requirimentos serían o paso previo a unha eventual vía xudicial de incerto percorrido que Feijóo di estar disposto a empregar. Mentres, este mesmo xoves o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, apelaba a Xunta a empregar a "oportunidade" do Consello deste venres para "explicar como consideran que debe solucionarse o problema herdado polas decisións de Rajoy e Montoro a respecto do IVE". É posible facelo, ironizou, con independencia de que na Xunta "a xente está un pouco hiperventilada" por mor da proximidade das eleccións galegas. O pagamento dos fondos, que esta mesma semana o BNG volvía reclamar tamén no Congreso, implicaría desactivar un dos principais argumentos de precampaña do PPdeG, que nos últimos días subliña ademais o apoio do PSdeG en diferentes concellos -como Lugo ou A Coruña- a que o Goberno central compense estes importes.